Jogaila, despois Ladislau II Jagiełło, nado arredor de 1362 e finado o 1 de xuño de 1434, foi gran duque de Lituania (1377-1434) e máis tarde rei de Polonia (1386-1434), primeiro como consorte da súa dona Heduvixes ata 1399, e logo como monarca ata a súa morte. Gobernou Lituania dende o 1377.

Naceu pagán mais, a fin de contraer matrimonio coa raíña de Polonia Heduvixes I, en 1386 converteuse ao catolicismo e foi bautizado co nome de Ladislau (Władysław) en Cracovia; casou entón coa nova raíña Heduvixes, e foi coroado rei de Polonia como Ladislau II Jagiełło. En 1387 converteu Lituania ao cristianismo. O seu reinado en solitario en Polonia comezou en 1399, á morte da raíña Heduvixes, e durou trinta e cinco anos máis, marcando o comezo da unión polaco-lituana. Foi o fundador da dinastía Jagiełło polaca, que leva o seu nome e que anteriormente se coñecía tamén como dinastía xemínida no Gran Ducado de Lituania. A dinastía Jagiełło gobernou Polonia e Lituania ata 1572, e foi unha das máis influentes da Baixa Idade Media e principios da Idade Moderna na Europa Central e Oriental. Durante o reinado de Jogaila, o estado polaco-lituano foi o maior do mundo cristián.

Jogaila foi o último señor pagán da Lituania medieval. Ostentou o título de Didysis Kunigaikštis. Despois de obter o cetro polaco, a raíz da Unión de Krewo, a unión polaco-lituana tivo que enfrontarse ao poderío crecente dos cabaleiros teutónicos. A vitoria de Jogaila na batalla de Grunwald en 1410, seguida da paz de Thorn, asegurou as fronteiras polacas e lituanas e marcou o comezo da puxanza da alianza polaco-lituana en Europa. En tempos de Ladislau, Polonia expandeuse e deu comezo á chamada Idade de Ouro do país.

Mocidade Lituania Sábese pouco da mocidade de Jogaila e non se coñece con certeza o ano en que naceu. Anteriormente os historiadores crían que viñera ao mundo en 1352, pero estudos recentes indican que puido facelo máis tarde, contra 1362. Era membro da dinastía xedíminida e é probable que nacese en Vilnius. Os seus pais foron Algirdas, gran duque de Lituania, e a súa segunda muller, Uliana, filla de Alexandre I, gran príncipe de Tver.

O Gran Ducado de Lituania que Jogaila herdou en 1377 era unha entidade política composta de dúas nacionalidades principais, moi diferentes entre si, e de dous sistemas políticos: o da Lituania «étnica» do noroeste do territorio e o das vastas terras rutenas do desaparecido Rus de Kíiv, que modernamente pertencen a Belarús, Ucraína e Rusia occidental. Ao principio, Jogaila —como fixera o seu pai— apoiouse nos territorios orientais e meridionais do ducado, mentres que o seu tío Kęstutis, duque de Trakai, continuaba como señor da rexión noroccidental. A entronización de Jogaila, con todo, pronto suscitou tensións nesta repartición do poder. miniatura|Representación moderna de Ladislau II Jagiełło. Ao principio do seu reinado, Jogaila tivo que lidar co malestar que se estendía polas terras do antigo Rus'. En 1377-78, Andrei de Polotsk, o primoxénito de Algirdas, desafiou a súa autoridade e tratou de arrebatarlle o título de gran duque. En 1380, Andrei e outro irmán, Dmitri, tomaron partido polo príncipe Dmitri de Moscova contra Jogaila, que se coligou pola súa banda co emir Mamai, de facto kan da Horda de Ouro. Jogaila con todo deixou só a Mamai, a pesar de acharse preto do campo de batalla en que este sufriu unha grave derrota a mans do príncipe Dmitri na batalla de Kulikovo. A vitoria pírrica dos moscovitas ante a Horda de Ouro tivo a longo prazo unha consecuencia notable: marcou o principio do lento desenvolvemento do Principado de Moscova, que un século máis tarde xa era o principal inimigo de Lituania. No momento, con todo, Moscova quedou moi debilitada polas enormes perdas sufridas na batalla e grazas a iso Jogaila puido centrarse na disputa que o enfrontaba a Kęstutis.

No noroeste, Lituania afrontaba as incursións constantes dos cabaleiros teutónicos, cuxa orde se fundou en 1226 para loitar e converter as tribos bálticas pagás dos prusianos, yotvingios e lituanos. En 1380, Jogaila asinou en segredo o tratado de Dovydiškės contra Kęstutis. Cando este o descubriu, estalou a guerra civil lituana. Kęstutis conquistou Vilnius, depuxo a Jogaila, e proclamouse gran duque. En 1382, Jogaila reuniu un exército de vasalos do seu pai e enfrontouse a Kęstutis preto de Trakai. Kęstutis e o seu fillo Vitautas acudiron a parlamentar ao campamento de Jogaila, pero este apresounos e enviou ao castelo de Kreva, onde Kęstutis faleceu probablemente asasinado, unha semana máis tarde. Vitautas fuxiu á fortaleza teutónica de Mariemburgo e alí foi bautizado co nome de Wigand.

Jogaila rubricou o tratado de Dubysa, en que se comprometeu cos cabaleiros a converterse ao cristianismo e cedeulles a Samoxicia ao oeste do Dubysa, como premio pola súa axuda no conflito con Kęstutis e Vitautas. Con todo, cando Jogaila non ratificou o tratado, os cabaleiros invadiron Lituania no verán de 1383. En 1384, Jogaila reconciliouse con Vitautas prometendo devolverlle as súas propiedades en Trakai. Entón Vitautas acometeu os cabaleiros, saqueando varias das súas fortalezas en Prusia.

Bautismo e matrimonio A nai rusa de Jogaila, Uliana de Tver, instouno a casar con Sofía, filla de Dmitri Donskoi, príncipe de Moscova, quen lle esixiu que primeiro se convertese ao cristianismo ortodoxo. Isto, no entanto, probablemente non acabase coas cruzadas teutónicas contra Lituania, xa que os cabaleiros consideraban os cristiáns ortodoxos cismáticos apenas mellores que os pagáns. Por conseguinte, Jogaila preferiu aceptar a oferta polaca de converterse ao catolicismo e desposar a raíña de Polonia Heduvixes, que por entón contaba once anos. Os nobres da Pequena Polonia fixéronlle este ofrecemento por diversas razóns: querían eliminar a ameaza que supuña Lituania e obter dela as feraces terras de Galicia-Volinia. Os nobres polacos consideraron o acordo como unha oportunidade para acrecentar os seus privilexios e evitar a influencia austríaca, que se estendeu polo reino grazas á presenza do anterior prometido de Heduvixes, Guillerme, duque de Austria.

O 14 de agosto de 1385 no castelo de Kreva, Jogaila confirmou o seu compromiso matrimonial na chamada Unión de Krewo. Aquel incluía a promesa de converterse ao cristianismo, a de recuperar as terras perdidas por Polonia a mans dos seus veciños, e a de terras suas Lithuaniae et Russiae Coronae Regni Poloniae perpetuo applicare, cláusula que os historiadores interpretan de varias maneiras: dende unha unión persoal entre Lituania e Polonia á incorporación completa de Lituania a Polonia. As valoracións do acordo de Kreva van dende as que o enxalzan como visionario ata as que o tachan de aposta desesperada.

Jogaila bautizouse segundo o prometido na catedral de Wawel en Cracovia o 15 de febreiro de 1386 e dende entón utilizou o nome de Ladislau (Władysław) ou versións latinas deste. O matrimonio coa raíña polaca celebrouse tres días despois, e o 4 de marzo de 1386 Jogaila foi coroado rei polo arcebispo Bodzanta. Tamén foi adoptado pola nai de Heduvixes, Isabel de Bosnia, para que mesmo se Heduvixes falecía, conservase o trono. O bautismo real suscitou a conversión da maioría da corte de Jogaila e dos nobres lituanos; tamén houbo gran número de conversións nos territorios ribeiregos dos ríos lituanos, o que marcou o principio da cristianización de Lituania. Aínda que a maioría dos novos conversos se reduciu á nobreza lituana —tanto o paganismo como a ortodoxia mantiveron gran cantidade de fieis entre os campesiños—, a conversión do rei e as súas consecuencias políticas tiveron grande importancia para a historia tanto de Lituania como de Polonia.

Soberano de Lituania e Polonia

Ascesión ao trono miniatura|250x250px|Polonia e Lituania entre 1386 e 1434. Ladislau II Jagiełło e a raíña Heduvixes reinaron conxuntamente; aínda que esta probablemente gozaba de escaso poder, participou activamente na política e a cultura polacas. En 1387, dirixiu dúas expedicións militares vitoriosas á Rutenia Vermella, recuperou territorios que o seu pai Lois entregara a Hungría, e someteu a homenaxe a Pedro I, vaivoda de Moldova. En 1390, estableceu persoalmente negociacións coa Orde Teutónica. A maioría de responsabilidades políticas, emporiso, desempeñounas Ladislau, mentres que Heduvixes se dedicou principalmente ás actividades culturais e benéficas polas que aínda é admirada.

Ao pouco de ser entronizado, Ladislau concedeu a Vilnius uns foros similares aos de Cracovia, que seguían o Dereito de Magdeburgo; Vitautas outorgou privilexios a unha comuna xudía de Trakai case iguais aos que recibiran os xudeus de Polonia nos reinados de Boleslao o Piadoso e Casimiro o Grande. Os esforzos de Ladislau por unificar os sistemas legais dos dous países deron froitos parciais, pero tiveron resultados duradeiros. Para cando se asinou a Unión de Lublin en 1569, non existían xa grandes diferenzas entre os sistemas administrativos e xudiciais de Lituania e Polonia.

Unha das consecuencias das medidas aplicadas por Ladislau foi o aumento da influencia dos católicos en Lituania a expensas dos ortodoxos; en 1387 e 1413, por exemplo, os boiardos católicos lituanos recibiron privilexios xudiciais e políticos especiais que non obtiveron os ortodoxos. Este proceso determinou a acentuación das diferenzas entre a Lituania propiamente dita e os territorios de Rus' no século XV.

Retos miniatura|Vitautas o Grande, gran duque de Lituania. O bautismo de Ladislau non terminou coas cruzadas dos cabaleiros teutónicos, que afirmaban que a súa conversión fora un truco e quizais mesmo unha herexía; redobraron polo tanto as súas incursións co pretexto de que Lituania continuaba albergando pagáns. Dende entón, con todo, a Orde tivo cada vez maior dificultade para xustificar a cruzada e tivo que afrontar a ameaza crecente que supuña a liga entre Polonia e Lituania. Ladislau favoreceu a creación da diocese de Vilnius polo bispo Andrzej Wasilko, que fora o confesor de Sabela de Hungría. O bispado, que abarcaba Samoxicia, por entón dominada fundamentalmente a Orde teutónica, dependía do de Gniezno e non do teutónico de Königsberg. Esta decisión probablemente empeorou as relacións de Ladislado coa Orde, pero serviu para estreitar os lazos entre Lituania e Polonia e achandou a cooperación da igrexa polaca coa lituana.

En 1389, Vitautas de novo alzouse contra Ladislau a causa do favor que este concedía a Skirgaila en Lituania ás súas expensas. Vitautas desatou unha guerra civil en Lituania, coa ambición de proclamarse gran duque. O 4 de setembro de 1390, as forzas conxuntas de Vitautas e do gran mestre teutónico, Konrad von Wallenrode cercaron Vilnius, que defendía en nome de Ladislau o rexente Skirgaila con tropas polacas, lituanas e rutenas. Aínda que os cabaleiros abandonaron o asedio da cidade ao cabo dun mes, arrasaron os seus arrabaldes. O tratado de Ostrow de 1392 puxo fin temporalmente ao conflito: Ladislau entregou o goberno de Lituania ao seu primo para alcanzar a paz; Vitautas gobernou como gran duque (magnus dux) ata a súa morte, sometido á autoridade do «duque supremo» (dux supremus), título que asumiu o soberano polaco. Skirgaila perdeu o goberno do Ducado de Trakai, pero foi nomeado para compensalo príncipe de Kíiv. Vitautas aceptou o pacto durante un tempo, pero logo tratou de independizar Lituania de Polonia.