dereita|miniatura|Teresa Abelleira en 2020 co Deportivo da Coruña. Teresa Abelleira Dueñas, nada en Pontevedra o 9 de xaneiro de 2000, é unha futbolista galega que xoga de centrocampista. Internacional coa selección española dende 2020, proclamouse con esta campioa da Copa do Mundo en 2023 e da Liga das Nacións da UEFA en 2024. Disputou ademais a Eurocopa de 2022 e os Xogos Olímpicos de 2024.
Traxectoria
Comezos Naceu nunha familia fortemente vencellada ao fútbol, filla do adestrador Milo Abelleira e irmá menor do tamén futbolista Tomás Abelleira. Na súa etapa de cadete compaxinaba o fútbol sala, ao que xogaba no Poio Pescamar, coas categorías inferiores do CD Lérez.
Deportivo da Coruña En 2016, e trala fundación da sección feminina do Deportivo da Coruña,, abandonou a súa Pontevedra natal para unirse ás filas deste equipo na segunda división feminina. Foi, xunto con Raquel Béjar, a primeira licenza profesional do fútbol feminino en Galicia. Xogou catro tempadas no club branquiazul, logrando na terceira delas o ascenso á Primeira División, e obtendo un cuarto posto na súa primeira tempada na máxima categoría, na que marcou dous goles. A continuación, a mediados de 2020, deixou o Deportivo para fichar polo Real Madrid Feminino, equipo acabado de crear tras un acordo do Real Madrid co Club Deportivo TACON.
Real Madrid Na súa primeira campaña no club branco, acadou o seu primeiro subcampionato de liga, posición que repetiu nas tempadas 2022/23 e 2023/24, sempre por detrás do FC Barcelona. En maio de 2023 estivo a piques de gañar o seu primeiro título, a Copa da Raíña, cuxa final disputaron o Real Madrid e o Atlético de Madrid trala descualificación por aliñación indebida do gran favorito, o Barcelona. Na final disputada en Butarque, o Real Madrid gañaba por 2-0 no minuto 87, xusto antes de que Lucía Moral recortase distancias e de que Estefanía Banini colocase o empate nos últimos instantes do tempo de desconto. Sen goles na prórroga, o partido foi á quenda de penaltis, onde o lanzamento de Tere Abelleira foi detido por Lola Gallardo e o título foi finalmente para o Atlético por un resultado de 3-1.
Titular habitual dende a súa chegada ao Real Madrid, superou os 170 partidos oficiais, converténdose na terceira xogadora con máis partidos na historia do club (só por detrás de Olga Carmona e Misa Rodríguez). A súa progresión viuse truncada en febreiro de 2025, cando rompeu o ligamento cruzado anterior do seu xeonllo esquerdo nun adestramento coa selección. En xuño de 2026 anunciouse a súa saída do Real Madrid.
Selección española O 27 de novembro de 2020 debutou coa selección española absoluta na vitoria por 10-0 fronte a Moldova, correspondente á fase de clasificación para a Eurocopa de 2022, substituíndo a Aitana Bonmatí no segundo tempo. O seu primeiro partido como titular foi o 13 de abril de 2021 na vitoria por 3-0 fronte a México. En 2022 disputou a Eurocopa en Inglaterra, caendo nos oitavos de final contra a selección anfitrioa. miniatura|Presentación de Campioa. Pequena biografía de Teresa Abelleira, Polo Correo do Vento, no Teatro Principal de Pontevedra no nadal de 2023. Miguel Anxo Fernández Lores, Teresa Abelleira e Nieves D. Amil O 30 de xuño de 2023 foi incluída na lista definitiva do seleccionador Jorge Vilda para a Copa do Mundo de 2023, disputada en Australia e Nova Zelandia. Foi titular en tódolos partidos do torneo e marcou un gol no segundo partido da primeira fase, na goleada por 5-0 sobre Zambia, cun espectacular disparo dende fóra da área. Nas semifinais contra Suecia, un córner sacado por ela foi rematado á portería pola súa compañeira Olga Carmona e serviu para clasificar a España para a primeira final da súa historia. Xogou completa a final, celebrada no Stadium Australia de Sydney, onde o conxunto español gañou o título ao vencer por 1-0 a Inglaterra. Foi a cuarta futbolista da selección española con máis minutos no Mundial (535) e a que máis recuperacións de balón conseguiu (55).
Tralo Mundial disputou a primeira fase da edición inaugural da Liga das Nacións da UEFA, acadando o primeiro posto do seu grupo, e foi seleccionada tamén para a fase final, disputada en febreiro de 2024. Con todo, unha lesión obrigouna a ver dende o banco a final, na que o seu equipo se coroou campión ante Francia.
En 2024 participou nos partidos de clasificación para a Eurocopa, e no último deles visitou o seu antigo estadio, Riazor, para enfrontarse a Bélxica, anotando un espectacular gol dende preto do centro do campo. A continuación foi unha das 22 mulleres seleccionadas por Montse Tomé para a primeira participación da selección española feminina nuns Xogos Olímpicos. Disputou os seis partidos do combinado español no torneo, sendo titular en catro deles. O equipo acadou as semifinais, onde caeu ante o Brasil por 4-2, e perdeu tamén no encontro pola medalla de bronce contra Alemaña (1-0).
En febreiro de 2025 disputou coa selección a segunda edición da Liga das Nacións da UEFA, saíndo como titular no primeiro partido ante Bélxica no Ciutat de València. Pero uns días despois, durante un adestramento previo ao partido contra Inglatera, a xogadora sufriu unha grave lesión, coa rotura do ligamento cruzado anterior do seu xeonllo esquerdo, perdendo así o que restaba de tempada e as súas opcións de disputar a súa segunda Eurocopa.
Palmarés Deportivo da Coruña Segunda División (1): 2019.
Selección española sub-19 Campionato Europeo Sub-19 (1): 2018.
Selección española Copa do Mundo (1): 2023.
Recoñecementos
En 2019 recibiu o Premio á "Mellor deportista promesa" da Asociación de Mulleres Deportistas Galegas (MUDEGA) no marco da VII Gala do Deporte Feminino Galego 2024: Premio Cidade de Pontevedra
Vida persoal É filla do adestrador de fútbol Milo Abelleira e irmá do futbolista Tomás Abelleira. Dende 2019 mantén unha relación sentimental coa tamén futbolista Patricia Curbelo, porteira canaria do Alético Vilalonga, á que coñeceu cando ambas militaban no Deportivo da Coruña.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Polo Correo do Vento (2023). Campioa. Pequena biografía de Teresa Abelleira. Lela Edicións. Ilustracións de Tania Solla. Edición do Concello de Pontevedra.
Categoría:Nados en 2000 Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Futbolistas de Pontevedra Categoría:Xogadoras do Deportivo da Coruña Feminino Categoría:Xogadoras do Real Madrid CF Feminino Categoría:Xogadoras da selección de fútbol de España Categoría:Xogadoras da selección de fútbol de Galicia Categoría:Futbolistas olímpicos de Galicia Categoría:Futbolistas olímpicos de España Categoría:Futbolistas nos Xogos Olímpicos de 2024