Giovanni Fabriciaco ou Fabriaco (en latín, Iohannes Fabriciacus ou Fabriacus), nado na antiga Heraclea, hoxe comuna de Eraclea en Venecia, foi un militar do século VIII que gobernou a Venecia bizantina co título de magister militum (c. 741). Tamén é coñecido como Giovanni Fabriciazio ou Fabriciato.
Traxectoria Cara a 741, Eutiquio, o exarca de Rávena, a máxima autoridade da Italia bizantina, elixiu a Fabriciaco como sucesor de Gioviano Ipato á fronte do goberno da Lagoa veneciana. Fabriciaco, do mesmo xeito que os seus predecesores, debería gobernar Venecia durante un ano, pero o poder bizantino en Italia diminuía rapidamente e a súa autoridade era cada vez máis débil. Unha revolta popular acabou de forma violenta co seu goberno á vez que puña fin ao período dos magistri militum. A revolta fora instigada polo ex-magister militum Teodato e os seus partidarios e foi a el ao que os venecianos designaron como o seu novo líder. Con todo, e do mesmo xeito que ocorrera cara a 727 co seu pai, Orso, Teodato recibiu o título de dux (literalmente «líder» en latín).
Unha vez deposto, Fabriciaco foi cegado, unha forma de tortura común no mundo bizantino e reservada xeralmente para os usurpadores. E tras este suplicio foi enviado ao exilio.
Coa destitución de Fabriciaco acabou o período dos magistri militum. A institución ducal restaurada había perdurar como forma de goberno ata que en 1797 as tropas napoleónicas depuxeron ao último dux de Venecia.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Categoría:Dux de Venecia Categoría:Nados no século VIII Categoría:Nados en Venecia