Thomas Paine, nado en Thetford (Norfolk) o 29 de xaneiro de 1737 e finado en Nova York, 8 de xullo de 1809, foi un político, escritor, filósofo, intelectual radical e revolucionario estadounidense de orixe inglesa. Promotor do liberalismo e da democracia. Está considerado un dos Pais fundadores dos Estados Unidos.
Paine emigrou ás colonias británicas en América en 1774 para participar na revolución americana. As súas contribucións principais foron o ensaio Common Sense (1776), onde avogaba pola independencia das colonias e The American Crisis (1776-1783) unha serie de escritos a favor da revolución.
En 1789 visitou Francia e alí viviu durante case toda a década seguinte. Viuse involucrado profundamente nos primeiros anos da Revolución Francesa. Escribiu Rights of Man (1791), en parte unha defensa da Revolución Francesa contra os seus críticos, en particular o estadista británico Edmund Burke. En Gran Bretaña foi xulgado e declarado culpable en ausencia polo crime de libelo sedicioso. A pesar de non falar francés, foi elixido para a Convención Nacional en 1792. Os xirondinos vírono como un aliado polo que os montañeses, en especial Robespierre, considerárono o seu inimigo. En decembro de 1793, foi arrestado e encarcerado en París e liberado en 1794. Fíxose célebre por The Age of Reason (1793-94), libro que avoga polo deísmo, promove a razón e o librepensamento, argumenta en contra da relixión institucionalizada e das doutrinas cristiás. Tamén escribiu Agrarian Justice (1795), discutindo as orixes da propiedade e introducindo o concepto de renda mínima garantida.
Traxectoria De orixe humilde, fillo dun cuáquero e dunha anglicana, recibiu unha educación moi elemental que se limitaba a saber ler, escribir e as catro operacións aritméticas básicas, polo que se formou de maneira autodidacta. Chegou a ser un moi importante revolucionario norteamericano, con ideas en conflito permanente coas elites e os grupos reaccionarios do seu tempo, como foron a súa loita contra o sexismo, a escravitude, o racismo e a monarquía, á que se opuxo propondo no seu lugar a república. Como outros ilustrados, tamén abominou da superstición, a relixión organizada (igrexas) e o clero, sendo un impulsor do laicismo, a educación popular e a ciencia.
Sempre en loita con todo tipo de apuros económicos, traballou como oficial de impostos perseguindo contrabandistas de licores e tabaco e conseguiu ilustrarse comprando libros. A súa sorte cambiou ao coñecer a Benjamin Franklin, quen o animou a buscar fortuna en América dándolle cartas de presentación. Chegou a Filadelfia en 1774 e alí dirixiu a Pennsylvania Magazine and American Museum.
Ao xeneralizarse o descontento das colonias, Paine fomentou as ideas racionais, chamadas por el do "sentido común", criticando os excesivos impostos decretados polo goberno británico como inxustos e economicamente erróneos, favorecedores do contrabando e a corrupción, a prohibición de comerciar con outras nacións, causante da perda de fortunas materiais, e a falta de representantes continentais no parlamento británico. Sostivo que a solución a todos eses problemas era a independencia, postura que divulgou no máis famoso dos folletos impresos, Common Sense (1776), que alcanzou a tiraxe de medio millón de exemplares. esquerda|miniatura|Estatua de Thomas Paine en Norfolk, Inglaterra. A doutrina do common sense marcou un fito na historia, ao non fundamentar as decisións políticas en doutrinas baseadas na historia, a relixión, a nación, a honra ou en nocións apriorísticas, senón en criterios avalados pola experiencia dos seres humanos e na razón. Common Sense preparou o camiño á Declaración de Independencia dos Estados Unidos, ratificada o 4 de xullo do mesmo ano.
Cando as tropas de Washington estaban a piques de desunirse, publicou o panfleto The American Crisis, que levantou os ánimos insurxentes e que por orde de George Washington foi lido a todos os seus soldados.
Tras acabar con éxito a guerra, volveu aos seus apuros económicos, pois nunca consentiu en pedir dereitos de autor polos seus panfletos. Viaxou a Europa e para evitar que William Pitt declarase a guerra a Francia divulgou a idea entre os británicos de que as guerras só carrexaban máis impostos. En Francia atopouse co escritor e teórico radical William Godwin e un grupo de amigos seus, a quen frecuentaba.
Logo dedicouse a refutar as ideas de Edmund Burke sobre a Revolución Francesa na súa obra mestra, Rights of Men, impresa en dúas partes, a primeira en 1791 e pola cal foi expulsado de Inglaterra. Refuxiado en Francia, Paine foi encarcerado por Robespierre por declararse abertamente contra o réxime do Terror.
En prisión empezou a escribir The Age of Reason (1794) un clásico do librepensamento con carácter anticlerical, onde rexeitaba a brutalidade e crueldade. Proclamaba contradicións da Biblia a imitación de Voltaire. Tres anos máis tarde publicou o seu panfleto Agrarian Justice.
O seu seguidor Bertrand Russell afirmou del:
Ideas
miniatura|Selo coa efixie de Thomas Paine 1969.
Pensamento social
Por influencia do xacobinismo e do movemento dos sans-culottes reivindicou, como outros radicais británicos, non só a democracia política senón tamén a democracia social, centrándose especialmente na cuestión da propiedade da terra. Por esta razón foi incluído no grupo dos socialistas agrarios, xunto con Thomas Spence e William Ogilvie de Pittensear. Con todo, Paine mostrouse máis moderado que estes dous últimos pois non cuestionou o dereito de propiedade, aínda que foi un dos precursores do laborismo e do estado do benestar ao propor a redistribución da renda por medio dun imposto sobre as grandes facendas e a implantación dun sistema público de pensións, entre outras medidas.
Expuxo o seu pensamento social en Rights of Man (1791-1792) e, sobre todo, en Agrarian Justice (1795-1796). Nestas obras defendía que para acadar a democracia plena había que abandonar as "miserias" da civilización, sobre todo en Europa, e volver á organización económica da comunidade primitiva propia do estado de natureza ou, cando non fose posible, establecer un imposto progresivo que limitase os bens que cada membro da sociedade podía posuír e que dotase o Estado dos recursos necesarios para que proporcionase aos máis desfavorecidos os medios que lles permitisen levar unha vida digna. Paine non cuestionaba o dereito de propiedade pero subordinábao á satisfacción das necesidades sociais e para iso propugnaba un Estado democrático que interviñese na vida económica. Así, en Agrarian Justice, escribiu o seguinte sobre a súa forma "social" de entender a propiedade:
Escravitude Atribúeselle a obra "African Slavery in America", o primeiro artigo que propuña a emancipación dos escravos africanos e a abolición da escravitude. Foi publicado o 8 de marzo de 1775 na postila ao Pennsylvania Journal and Weekly Advertiser (tamén coñecido como The Pennsylvania Magazine and American Museum). Tendo en conta que non puido demostrarse que Paine fose o autor deste ensaio publicado anonimamente, algúns académicos como Eric Foner e Alfred Owen Aldridge non consideran este escrito como parte da súa obra. Pola contra, John Nichols considera que a súa "fervente oposición á escravitude" levouno a ser excluído do poder durante os primeiros anos da república.
Relixión Sobre a relixión afirma en The Age of Reason:Aínda que non existe ningunha evidencia de que fose masón, Paine tamén escribiu "An Essay on the Origin of Free-Masonry" (1803-1805), sobre a Biblia como un mito alegórico que describe a astroloxía:
Describiuse a si mesmo como deísta, dicindo:
e de novo, en The Age of Reason:
Legado Os escritos de Paine tiveron grande influencia nos revolucionarios estadounidenses. Os seus libros supuxeron un rexurdimento do deísmo en Norteamérica e, a longo prazo, inspiraron tanto filósofos radicais como pensadores da clase obreira. Moitos liberais, libertarios, feministas, socialdemócratas, anarquistas, librepensadores e progresistas considerárono o seu antecedente intelectual. A crítica de Paine á relixión institucionalizada e a súa defensa do pensamento libre influíu en moitos librepensadores británicos dos séculos XIX e XX, tales como William Cobbett, George Holyoake, Charles Bradlaugh, Christopher Hitchens e Bertrand Russell.
En 2002, Paine foi incluído na lista dos cen británicos máis importantes de todos os tempos nunha enquisa levada a cabo pola BBC.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas Tras los huesos de Thomas Paine (Polvo eres/Rne) Biografía de Thomas Paine De los gobiernos viejos de nuestros días , por Thomas Paine Calling Tom Paine Thomas Paine Society (UK) Thomas Paine Society (US) Office location while in Alford
Categoría:Nados en Norfolk Categoría:Nados en 1737 Categoría:Finados en 1809 Categoría:Políticos dos Estados Unidos de América Categoría:Filósofos dos Estados Unidos de América Categoría:Escritores dos Estados Unidos de América Categoría:Filósofos de Inglaterra Categoría:Políticos do Reino Unido Categoría:Escritores de Inglaterra Categoría:Escritores en lingua inglesa