Teodoro Ignacio Gallego Bezares, máis coñecido como Ignacio Gallego, nado en Siles, Xaén, en 1914 e finado en Madrid o 23 de novembro de 1990, foi un político español, de ideoloxía comunista. Foi varias veces deputado nas Cortes.
Membro destacado das Xuventudes Socialistas Unificadas e do Partido Comunista de España (PCE), tras o final da Guerra civil exiliouse na Unión Soviética, país no que residiu durante moitos anos. Durante a súa etapa no exilio foi un dos principais dirixentes do PCE. Regresou a España tras a morte de Franco. Na década de 1980 liderou unha escisión no seo do PCE, sendo fundador e líder do Partido Comunista de los Pueblos de España.
Traxectoria
Inicios e mocidade Naceu na localidade xienense de Siles o 1 de abril de 1914. Era fillo dun fabricante de alpargatas e comezou a traballar con apenas 7 anos de idade, ao quedar orfo de pai. Apenas foi á escola, aos 16 anos era porqueiro. Ingresou na banda de música do seu pobo, onde aprendeu a ler e a escribir e algo de solfexo. Trasladouse a Xaén para traballar como mecánico. Con posterioridade gañou unha bolsa para estudar na Escola Industrial.
Membro das Xuventudes Socialistas dende 1932, foi secretario xeral destas na provincia de Xaén até 1936. Ese ano as Xuventudes Socialistas uníronse coas Xuventudes Comunistas, dando lugar ás Xuventudes Socialistas Unificadas (JSU). Gallego pasou a encabezar a federación provincial das JSU de Xaén.
Tras o estalido da Guerra civil uniuse ás milicias populares, destacándose na organización do batallón "Milicias de Xaén". Máis adiante, chegou a tomar parte en diversas accións militares na fronte de Córdoba. Do mesmo xeito que outros dirixentes das JSU de ascendencia socialista, como Santiago Carrillo, José Laín ou Federico Melchor, Gallego ingresaría no Partido Comunista de España (PCE) durante o transcurso da batalla de Madrid. A partir de 1937 pasou a ser un dos membros da Comisión Executiva Nacional das Xuventudes Socialistas Unificadas, traballando entre Xaén, Barcelona, Madrid e Valencia.
Etapa no exilio A derrota republicana obrigouno a abandonar España e marchar ao exilio, do mesmo xeito que outros moitos españois. Logrou chegar até Orán, na Alxeria francesa, aínda que foi detido e trasladado a un campo de concentración. As autoridades da Unión Soviética reclamaron aos franceses a saída de 104 españois, entre os que se atopaban Gallego e outros comunistas relevantes. Trasladouse á URSS, onde fixou a súa residencia. Alí cursou estudos na escola política de Planérnaya, xunto a outros españois exiliados como Pelegrín Pérez, José Fusimaña ou Víctor de Frutos. Posteriormente realizou un curso superior na Escola Leninista de Moscova.
Finalizada a segunda guerra mundial Gallego, Dolores Ibárruri e outros líderes do PCE trasladáronse dende a URSS a Francia. En 1945 foi elixido membro do Comité Executivo da Federación Mundial da Xuventude Democrática. Tres anos despois xa era membro do Comité Central do PCE. En 1950 o Ministerio do Interior francés declarou ilegal ao PCE en Francia, procedendo a unha redada de comunistas españois. Gallego volveu residir na Unión Soviética, con viaxes ocasionais a Francia e outros países de Europa oriental. En 1955, durante o V Congreso do PCE celebrado en Praga, entrou a formar parte do seu Comité Executivo.
Retorno a España Regresou a España en 1976 de forma clandestina. Reapareceu publicamente o día da legalización do PCE, o 25 de abril de 1977.
Fixou a súa residencia en Madrid. Nas eleccións xerais de 1977 obtivo acta de deputado ao congreso pola provincia de Córdoba, logrando revalidar o seu escano nos comicios de 1979. Durante aqueles anos o PCE, baixo a dirección de Santiago Carrillo, sufriu unha grave crise que implicou fortes disensións internas e numerosas expulsións. Os malos resultados obtidos polo PCE durante as eleccións de 1982 reflectiron o alcance da crise que atravesaba a formación. Ignacio Gallego, cabeza visible do chamado "sector pro-soviético", presentou a súa dimisión como membro do Comité Executivo e do Comité Central en outubro de 1983.
Tamén abandonou o PCE e a súa saída profundou a crise do partido. En xaneiro de 1984 Gallego e a súa facción pro-soviética fundaron xunto a outros grupos un novo Partido Comunista, renomeado pouco despois como Partido Comunista de los Pueblos de España (PCPE), formación da que saíu elixido secretario xeral durante o seu primeiro congreso. O PCPE era un partido marxista-leninista ortodoxo e estreitamente relacionado coa Unión Soviética. En 1986 Gallego foi un dos asinantes do nacemento da coalición Izquierda Unida, na que o PCPE tamén se integrou. Nas eleccións xerais dese ano obtivo acta de deputado por Málaga como cabeza de lista de IU na provincia. No II Congreso do PCPE en 1987 foi elixido presidente da formación.
En 1988, tras o cambio de liderado do PCE, Gallego cambiou a súa postura e avogou pola reunificación co PCE. Por iso, en novembro dese ano foi destituído como secretario xeral do PCPE. En xaneiro de 1989 regresou ao PCE xunto a gran parte dos cargos públicos e dirixentes do PCPE. Tras a destitución e marcha de Gallego o cargo de «Presidente do PCPE» foi abolido. Unha parte da formación rexeitou a reunificación e mantivo vivo o partido, baixo a xefatura de Juan Ramos Camarero.
Faleceu en Madrid o 23 de novembro de 1990.
Familia Na Unión Soviética unha das súas fillas deu a luz xemelgos, un dos cales morreu. O outro, o escritor Rubén Gallego, quedou paralítico cerebral e foi ingresado nunha institución para nenos discapacitados. A nai do neno creu que este morrera. Tras unha longa historia de superación, Rubén reencontrouse con ela no ano 2000.
Obras
E partido de masas que necesitamos, París, Ediciones Sociales, 1970. Desarrollo del Partido Comunista, París, Colección Ebro, 1976. Temas de Política y Sociedad. El Partido de Masas, Madrid, Edicións Cenit, 1977. Carta de dimisión de Ignacio Gallego dirigida al Comité Ejecutivo del Partido Comunista de España, Barcelona, Sociedade Limitada Impresións do Vállès, 1983.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Castelán
Inglés
Outros artigos
Partido Comunista de España Partido Comunista de los Pueblos de España Izquierda Unida
Ligazóns externas
Ignacio Gallego no tesauro do Arquivo Linz da Transición Española recollido pola Fundación March Ficha de Ignacio Gallego no Congreso dos Deputados.
Categoría:Políticos do PCE Categoría:Políticos de IU Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (Lexislatura constituínte) Categoría:Nados en 1914 Categoría:Finados en 1990 Categoría:Políticos do PCPE Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (I Lexislatura) Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (III Lexislatura) Categoría:Nados en Siles