miniatura|300px|O feixe de hélices no dominio auricular da vilina de polo. A vilina é unha proteína que se une á actina de 92,5 kDa específica de tecido asociada co feixe central de actina do bordo en cepillo de certas células epiteliais. A vilina contén moitos dominios de tipo xelsolina rodeados no extremo C-terminal por unha pequena rexión con forma de "auricular" de son (de 8,5 kDa) consistente nun feixe de tres hélices de pregamento rápido e independente, que está estabilizado por interaccións hidrófobas. Este dominio auricular (headpiece na literatura inglesa) é unha proteína frecuentemente estudada en dinámica molecular debido ao seu pequeno tamaño e cinética de pregamento rápida e á súa curta secuencia primaria.

Estrutura

A vilina consta de sete dominios, seis dominios homólogos que constitúen o núcleo do extremo N-terminal e o dominio restante constitúe a caparuza C-terminal. A vilina contén tres sitios de unión fosfatidilinositol 4,5-bifosfato (PIP2), un dos cales está localizado no auricular e os outros dous na parte central. O dominio central (core) comprende aproximadamente 150 residuos de aminoácidos agrupados en seis repeticións. Nesta zona central está o auricular C-terminal hidrófobo de 87 residuos. O auricular ou headpiece (HP67) está formado por unha compacta cadea proteica pregada de 70 aminoácidos no C-terminal. Este auricular contén un dominio de unión á actina F. Os residuos K38, E39, K65, 70-73:KKEK, G74, L75 e F76 rodean unha parte central hidrófoba e crese que están implicados na unión da actina F á vilina. Os residuos E39 e K70 forman unha ponte salina enterrada dentro do auricular, que serve para conectar os extremos N e C-terminais. Esta ponte salina pode tamén orientar e fixar os residuos C-terminais implicados na unión á actina F, xa que en ausencia desta ponte salina non ocorre esta unión. As cadeas laterais do residuo W64 forman unha “caparuza” hidrófoba, que está completamente conservada en toda a familia da vilina. Baixo esta caparuza hai unha coroa de posicións alternativamente cargadas positiva e negativamente. A vilina pode sufrir modificacións postraducionais como a fosforilación da tirosina. A vilina ten a capacidade de dimerizarse e o sitio de dimerización está localizado no extremo amino da proteína.

Expresión A vilina é unha proteína que se une á actina que se expresa principalmente no bordo en cepillo de células epiteliais en vertebrados, pero ás veces exprésase en todas partes en plantas e en protistas. A vilina está localizada nas microvilosidades do bordo en cepillo do epitelio que tapiza o interior do tracto dixestivo e túbulos renais en vertebrados.

Función A vilina crese que funciona na agrupación en feixes, nucleación, cuberta dos extremos (capping) e corte dos filamentos de actina. En vertebrados, as proteínas vilina colaboran no soporte dos microfilamentos das microvilosidades dos bordos en cepillo. Porén, os ratos knockout parecen mostrar microvilosidades ultraestruturalmente normais, o que indica que a función da vilina non se comprende de todo; pode xogar un papel na plasticidade celular ao cortar filamentos de actina F. O núcleo de vilina de seis repeticións é o responsable do corte da actina en presenza de Ca2+, mentres que o auricular encárgase das unións cruzadas e formación de feixes (que é independente do Ca). Postúlase que a vilina é unha proteína controladora do corte da actina inducido por Ca2+ nos bordos en cepillo. O Ca2+ inhibe a clivaxe proteolítica dos dominios do núcleo N-terminal de 6 repeticións, a cal inhibe o corte da actina. En ratos normais o incremento dos niveis de Ca2+ induce o corte da actina pola vilina, mentres que en ratos knockout para a vilina esta actividade non ocorre en resposta á elevación dos niveis de Ca2+. En presenza de baixas concentracións de Ca2+ o auricular da vilina funciona agrupando en feixes os filamentos de actina, mentres que en presenza de altas concentracións de Ca2+ a N-terminal cobre e corta estes filamentos. A asociación de PIP2 coa vilina inhibe o cubrimento dos extremos da actina e a acción de corte e incrementa a unión da actina na rexión do auricular, posiblemente por medio de cambios estruturais na proteína. O PIP2 incrementa a unión en feixes da actina non só por diminuír a acción de corte da vilina, senón tamén ao disociar as proteínas da caparuza, liberando monómeros de actina das proteínas secuestradoras e estimulando a nucleación da actina e o establecemento nela de enlaces cruzados.

Subdominio de vilina O subdominio C-terminal do auricular da vilina VHP67, denominado VHP35, está en parte estabilizado por un grupo enterrado na molécula de tres residuos de fenilalanina. O seu pequeno tamaño e alto contido helicoidal crese que promove unha maior rapidez de pregamento e isto foi confirmado experimentalmente.

Ten unha topoloxía simple consistente en tres hélices α que forman unha zona central hidrófoba ben empaquetada.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Supervilina

Bibliografía

Ligazóns externas

Categoría:Proteínas Categoría:Xenes do cromosoma 2 Categoría:Xenes do cromosoma 6