José Luis Tasende de las Muñecas, ás veces escrito José Luis Tassende, nado en Manzanillo o 15 de xaneiro de 1925 e finado en Santiago de Cuba o 26 de xullo de 1953, foi un revolucionario cubano, de orixe galega, morto no asalto ao cuartel Moncada.
Traxectoria
Inicios Aínda que naceu en Manzanillo, trasladouse logo a Santiago de Cuba, onde seu pai, natural da Coruña, traballaba na Compañía Bacardí. Morto o pai en 1935, a familia emigrou á Habana, onde José Luis (ou Pepe Luis como era coñecido) estudou electromecánica e coñeceu a Fidel e Raúl Castro. Traballou en varias fábricas, onde destacou como líder laboral e vinculouse ao Partido Ortodoxo, no que tamén militaba Fidel. Este propúxolle destapar uns turbios negocios de compras de terreos do presidente Prío Socarrás. Xunto a Pedro Trigo foron aos terreos onde simularon realizar un pícnic, tomaron fotos das construcións e publicáronas no diario Alerta.
Asalto ao cuartel Moncada En 1952, Fulgencio Batista deu un golpe de Estado e Tasende comezou a recibir leccións de tiro, preparándose para seguir os plans revolucionarios de Fidel. O 26 de xullo de 1953, participou xunto a máis dun cento de revolucionarios liderados por Fidel, no asalto ao cuartel Moncada. O exército cubano repeleu o ataque, que resultou un fracaso. Tasende logrou entrar no cuartel pero foi ferido nunha perna. Confundido cun xeneral do exército (polo seu uniforme) foi levado á enfermaría e atendido, ata que uns soldados se deron conta de que era un dos atacantes. Entón foi lanzado da cama e levado ao Hospital Militar. Alí foi fotografado e acto seguido asasinado, sendo o primeiro moncadista morto. A súa foto xusto antes de ser executado converteuse nun símbolo da loita antibatistiana.
Vida privada En 1951 casou con Elita Dubois e un ano despois naceu a súa filla, Temita. sendo Raúl Castro o seu padriño.
Legado Varias institucións levan o seu nome en Cuba, como a Clínica Estomatológica José Luis Tassende en Santiago de Cuba, a Escuela Primaria José Luis Tassende en Puerto Padre, a Escuela Básica Secundaria José Luis Tassende en Santiago de Cuba, a Escuela y Teatro José Luis Tassende en Camagüey ou a Escuela Especial José Luis Tassende de las Muñecas en Cienfuegos.
En 1959, durante o acto de entrega do cuartel Moncada ao Ministerio de Educación, Raúl Castro levantou ante os micrófonos á filla de José Luis, Temita, e dixo: "E hoxe aquí, Temita, mira a obra de teu pai."
Notas
Véxase tamén Outros artigos Revolución Cubana
Ligazóns externas Reportaxe sobre José Luis Tasende en Youtube .
Categoría:Nados en 1925 Categoría:Nados na provincia de Granma Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Finados en 1953 Categoría:Revolucionarios de Cuba Categoría:Cubanos de ascendencia galega Categoría:Personalidades sen imaxes