Gaku Shibasaki (柴崎 岳 Shibasaki Gaku), nado en Noheji (Aomori) o 28 de maio de 1992, é un futbolista xaponés. Xoga de centrocampista e o seu equipo actual é o Kashima Antlers da J1 League.
Traxectoria
Kashima Antlers (1ª etapa) Nado en Noheji, na prefectura de Aomori, estudou no Instituto Yamada, onde comezou a destacar en campionatos xuvenís de fútbol. En xaneiro de 2010 anunciouse sería xogador do Kashima Antlers a partir da tempada 2011. Debutou co seu novo club na J1 League o 29 de abril de 2011, nun partido ante o Avispa Fukuoka, da man do adestrador brasileiro Oswaldo de Oliveira, que o fixo xogar como lateral dereito. Catro días despois disputou o seu primeiro encontro continental, ante o Shanghai Shenhua na Liga de Campións da AFC.
Marcou o seu primeiro gol na prórroga das semifinais da Copa J.League, metendo o seu equipo na final, que finalmente acabaría conquistando ante o Urawa Red Diamonds con Shibasaki como titular. Pechou a súa primeira campaña como profesional, cun total de 20 encontros e un gol. Na seguinte tempada, xa con Jorginho como adestrador, revalidou o título da copa da liga, sendo o autor dos dous goles do Kashima Antlers na final contra o Shimizu S-Pulse no Estadio Nacional. Durante esta campaña xogou 45 encontros, nos que anotou catro goles, asentado no centro do campo, e recibiu o premio ao mellor xogador novo da liga.
Disputou a totalidade dos partidos do seu equipo na tempada 2013 e continuou destacando na 2014, na que foi elixido no once ideal da liga. En 2015 gañou a súa terceira Copa J.League e ao ano seguinte proclamouse por primeira vez campión de liga, superando na final ao Urawa Red Diamonds. Como campión do Xapón, disputou a Copa do Mundo de Clubs, sendo titular en todos os encontros do seu equipo e contribuíndo a acadar a final. Enfrontouse entón ao Real Madrid no Estadio Internacional de Iocoama e anotou dous goles cos que o Kashima Antlers neutralizou o tanto inicial de Karim Benzema. A pesar de que a final se acabou decantando a favor do conxunto español grazas a un triplete de Cristiano Ronaldo, a actuación de Shibasaki chamou a atención do fútbol europeo e valeulle o Balón de Bronce do torneo como terceiro mellor xogador (só por detrás de Cristiano Ronaldo e Luka Modrić), así como o premio ao xogo limpo da FIFA.
O primeiro día do 2017 conquistou a Copa do Emperador ante o Kawasaki Frontale, sendo este o último encontro da súa primeira etapa no Kashima Antlers.
Tenerife O 31 de xaneiro de 2017 anunciouse a súa fichaxe polo Tenerife, da Segunda División. Despois dun difícil período de adaptación, debutou co club canario o 19 de marzo, nun partido de liga ante o Reus, substituíndo no treito final a Aitor Sanz. Nos seguintes encontros aumentou a súa participación e asentouse na titularidade a partir da xornada 36, sendo unha importante peza do equipo na súa pelexa polo ascenso á Primeira División. Marcou un gol na 40ª xornada ante o Alcorcón e foi autor do tanto co que o Tenerife elminou ao Cádiz e se meteu na final da promoción de ascenso. Foi titular nos dous partidos da final ante o Getafe, pero non puido certificar o ascenso.
Getafe Aínda que o Tenerife estaba interesado na súa renovación, no verán de 2017 asinou un contrato de catro anos co Getafe, que acababa de conseguir o ascenso a Primeira contra o propio Tenerife. Debutou na máxima categoría contra o Athletic de Bilbao de San Mamés e marcou o seu primeiro gol nun encontro ante o FC Barcelona no Coliseum. Con todo, nese partido contra o Barça sufriu unha lesión que o afastou dos terreos de xogo durante tres meses, completando a tempada cun total de 22 encontros. A súa participación reduciuse drasticamente na campaña 2018/19, na que xogou só 9 partidos entre liga e Copa do Rei.
Deportivo da Coruña O 14 de xullo de 2019 asinou por catro tempadas polo Deportivo da Coruña, da Segunda División, na busca de máis minutos. Converteuse así no primeiro xogador nipón en vestir a camisola do Deportivo. O traspaso foi a custo cero, acordando que o club galego só abonaría unha parte en caso de ascenso. Debutou na primeira xornada, saíndo como titular ante o Oviedo en Riazor, e formou parte do once inicial na maior parte da tempada, perdendo algúns encontros por unha lesión muscular e polos dous cartóns vermellos que viu ante o Zaragoza e o Elche.
Disputou un total de 27 encontros co club galego, que completou unha das peores tempadas da súa historia, culminada co descenso á Segunda División B.
Leganés O 4 de setembro de 2020 fichou polo Leganés, co que firmou por tres tempadas, continuando así na Segunda División. Durante as seguintes tres tempadas disputou 99 partidos co club madrileño, anotando cinco goles.
Kashima Antlers (2ª etapa) Ao remate do seu contrato co Leganés regresou ao Xapón e ingresou de novo no Kashima Antlers. Para a tempada 2024 recibiu o brazalete de capitán e na seguinte campaña capitaneou o equipo na conquista do título de liga, superando por un punto ao Kashiwa Reysol.
Palmarés Kashima Antlers J1 League (2): 2016, 2025. Copa J.League (2): 2011, 2012. Copa do Emperador (1): 2016. Copa Suruga Bank (2): 2012, 2013.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com Datos do xogador en fifa.com Datos do xogador en soccerway.com Datos do xogador en national-football-teams.com
Categoría:Nados en 1992 Categoría:Nados na prefectura de Aomori Categoría:Futbolistas do Xapón Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do CD Tenerife Categoría:Xogadores do Getafe CF Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do CD Leganés Categoría:Xogadores da selección de fútbol do Xapón Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 2022