Lois Rodríguez Martínez, nado en Ferrol o 26 de xuño de 1959, é un deseñador gráfico, xornalista e editor galego, coñecido polo seu compromiso coa edición en lingua galega.

Traxectoria En 1988 creouse AGA, unha empresa de deseño con sede en Ferrol que creaba material de oficina en galego. Poucos anos despois mudou o nome a Item:)aga, que comezou a crear contidos propios en Internet desde 1995 e dirixiría o propio Lois Rodríguez ata o ano 1996. Neste ano Rodríguez creou a empresa Vieiros S.L. para fundar e editar o primeiro portal galego en Internet, Vieiros, que operou entre o 24 de febreiro de 1996 e o 24 de xullo de 2010, polo que Rodríguez abandonou Item:)aga para centrarse na edición de Vieiros. No ano 2000 o Banco Pastor chegou a un acordo con Vieiros para desenvolver contidos promocionais na páxina de Internet, polo que en maio creou unha nova empresa chamada Acordar Comunicación en Internet S.L., con sede en Santiago de Compostela, na que se integraría Vieiros S.L. Este acordo impulsou a transformación de Vieiros nun diario electrónico en galego, chegando a contabilizar como diario de información ata vinte mil visitas diarias.

Ata 2003 a área informativa de Vieiros titulábase Galicia Hoxe. Neste ano o xornal compostelán O Correo Galego mudou a cabeceira precisamente a este nome, rexistrando o correspondente dominio en Internet. Deste xeito, Vieiros debeu abandonar esta outra denominación.

O financiamento de Vieiros procedía exclusivamente de publicidade e patrocinios. Pechouse por problemas económicos, que Rodríguez denunciou como consecuencia dunhas irregularidades administrativas. O propio Lois Rodríguez escribiu o artigo de peche do diario, titulado "Até sempre".

Outro dos logros de Rodríguez foi a publicación na primavera de 1996, cando aínda estaba traballando en Item:)aga, de Mil primaveras para a lingua galega, que está considerado o primeiro libro electrónico en galego.

En febreiro de 2013 foi un dos cofundadores da Asociación de Medios en Galego. Tamén é membro da Asociación Puntogal, de promoción do dominio en Internet .gal, para a lingua galega e a súa cultura.

Obra escrita

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas

Vieiros Páxina do 11 de xuño de 1998 en Internet Archive. Asociación de Medios en Galego

Categoría:Xornalistas de Ferrol Categoría:Editores de Galicia Categoría:Nados en Ferrol Categoría:Nados en 1959

Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Deseñadores gráficos