Armando Bortolaso, S.D.B., nado o 17 de agosto de 1926 en Villaganzerla di Castegnero (Italia) e finado o 8 de xaneiro de 2019 en Al-Husun (Líbano), foi un salesiano católico latino italiano, vigairo apostólico de Alepo entre 1992 e 2002.

Traxectoria Naceu en Villaganzerla di Castegnero, unha localidade do concello de Castegnero na provincia de Vicenza (Italia) o 17 de agosto de 1926. Entrou na Sociedade de San Francisco de Sales, e dende os anos da súa formación como salesiano residiu en Oriente Medio, comezando o seu traballo pastoral en 1949 en Istanbul. O 15 de xullo de 1953 foi ordenado sacerdote en Xerusalén.

O 9 de xullo de 1992 o papa Xoán Paulo II nomeouno vigairo apostólico de Alepo e bispo titular de Raphanea. Recibiu a consagración episcopal o 4 de outubro de 1992 de mans do seu predecesor Guerino Dominique Picchi, e tivo como co-consagradores ao arcebispo greco-melquita de Alepo Naufitus Idilbi e ao arcebispo de Isfahán Ignazio Bedini. Como bispo, estivo vinculado ao movemento dos focolares, e destacou tamén pola súa actividade ecuménica con ortodoxos e protestantes, e a prol do diálogo interrelixioso cos musulmáns.

Retirouse o 21 de novembro de 2002. Finou o 8 de xaneiro de 2019 en Al-Husun, no Líbano.

Notas

Categoría:Nados en 1926 Categoría:Nados en Castegnero Categoría:Finados en 2019 Categoría:Salesianos Categoría:Relixiosos católicos de Italia Categoría:Bispos católicos do século XX Categoría:Bispos católicos do século XXI Categoría:Bispos da Igrexa católica latina Categoría:Bispos católicos de Italia Categoría:Bispos católicos de Siria