Outeiro de Sanguñedo é un lugar da parroquia de Sanguñedo, no concello ourensán de Verea na comarca da Terra de Celanova. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2024 tiña 24 habitantes (11 homes e 13 mulleres).

Xeografía O lugar dista da capital do concello 5,3 quilómetros pola estrada OU-0206.

A aldea sitúase preto do alto do monte de Outeiro. Preto do lugar pasa o regato de Balín e o regato de Sanguñedo. No monte de Outeiro nace o regato de Quintela.

Toponimia Outeiro vén do latín altariu(m), altar elevado ou calquera cousa illada e elevada.

Por outra banda, Sanguñedo é un fitotopónimo, ven do arbusto sangomiño tamén denominado como sanguiño, sanguino, sanguvino ou sanguineto (Rhamnus sanguineus) (Cornus sanguinea).

Personaxes Aquí naceu Antonio Dorado Fidalgo, alcalde de Verea entre 1979 e 1987. Durante unha época exercería de mestre na aldea.

Patrimonio

Igrexa de San Salvador de Sanguñedo A igrexa de San Salvador foi construída a principios do século XVIII. Segundo a inscrición do canteiro que se atopa na fachada posterior, a obra foi rematada no ano 1707. A fachada ten unha porta de lintel sinxela e remata cunha cornixa curva. Nos extremos da cornixa érguense dous pináculos agudos rematados en esfera. O campanario está conformado por dous arcos romanos, nos cales se atopan dúas campás, unha por arco. Por riba deste corpo hai outros dous pináculos, similares aos situados na cornixa, e mais unha estrutura triangular sobre a cal está un pararraios ornamental con forma de cruz grega.

Cruceiro do Campo de Outeiro O cruceiro de Sanguñedo está situado no Campo do Outeiro, diante da igrexa de San Salvador de Sanguñedo a medio camiño entre o lugar de Sanguñedo e Outeiro.

Galería de imaxes

Lugares e parroquias

Lugares de Sanguñedo

Parroquias de Verea

Notas

Véxase tamén Outros artigos Lugares de Verea

Categoría:Lugares de Verea Categoría:Topónimos galegos con etimoloxía