miniatura|Vidreira co escudo da Compañía de María no seu colexio na Coruña.miniatura|Igrexa do primeiro colexio da Compañía de María, actual Temple du Hâ, en Bordeos.
A Orde da Compañía de María Nosa Señora é unha orde relixiosa católica adicada á educación. Foi fundada en Bordeos (Francia) no 1607 por Xoana de Lestonnac sendo a primeira orde feminina que tiña como finalidade o ensino da muller. Na actualidade, a Compañía de María está presente en: Francia, Albania, España, Italia, o Reino Unido, a República Democrática do Congo, Kenya, o Camerún, México, o Brasil, a Arxentina, Chile, o Perú, os Estados Unidos, Filipinas e o Xapón. As relixiosas desta orde engaden ás iniciais O.D.N (en latín: Ordinis Dominae Nostrae) ao final dos seus nomes. No 2023, a orde sumaba un total de 1007 monxas. Historia Xoana de Lestonnac, logo de coñecer a tarefa dos xesuítas, decide fundar unha orde adicada á educación cristiá da muller a principios do século XVII. En 1606 eleva a súa proposta ao arcebispado de Bordeos, que recibe a proposta con escepticismo. O Concilio de Trento establecera que o monacato feminino debía vivir en estrita clausura, dificilmente compatible co maxisterio proposto. A solución atopada por Xoana de Lestonnac está na concepción arquitectónica cos seus colexios: o edificio contaría cunha estrutura tripartita, o corpo central, a igrexa, separaría os outros dous tramos do complexo: un para albergar a escola, o outro para o convento. Deste xeito facíase posible combinar a contemplación relixiosa coa tarefa docente. Finalmente, o 7 de abril de 1607, o papa Paulo V aproba a orde da Compañía de María Nosa Señora. Deste xeito, foi a primeira orde relixiosa católica feminina adicada ao ensino e, en 1610, abriu o seu primeiro colexio na rúa du Hâ en Bordeos (hoxe en día, un templo protestante). No proxecto educativo da Compañía de María, Xoana de Lestonnac conxugou as influencias intelectuais que recibira ao longo da súa vida: o calvinismo, co seu énfase na educación da muller; o humanismo do seu tío Michel de Montaigne; así como a espiritualidade ignaciá e as innovacións pedagóxicas xesuítas (Ratio Studiourum). O éxito da experiencia de Bordeos levou á pronta fundación doutros colexios en Béziers (1616), Périgueux e Tolosa. En 1638 imprímense as regras e constitucións da orde e para cando morre Xoana de Lestonnac, en 1640, a Compañía de María sumaba 30 casas en Francia.
O longo dos seus catrocentos anos de existencia a Compañía de María difundiuse por diferentes países. O primeiro colexio fóra de Francia foi o de Barcelona en 1650, onde recibiu o nome "A Ensinanza" que se mantén noutros moitos centros desta orde. En 1754, a Compañía de María estableceuse en México, primeiro colexio en América; en 1948 en Mulo (República Democrática do Congo), primeiro centro en África, e 1959, a orde establece a súa casa de Tokyo, Xapón, a primeira de Asia. Ademais, no ano 1994 a orde creou unha organización non gobernamental, a FISC (Fundación Internacional de Solidariedade Compañía de María), centrada no desenvolvemento educativo en rexións empobrecidas.
A Compañía de María en Galicia En 2025, a Compañía de María rexenta catro colexios en Galicia:
Colexio Compañía de María de Santiago de Compostela, fundado en 1759 Colexio Compañía de María de Vigo, aberto en 1886 Colexio Compañía de María da Coruña, fundado en 1917 Colexio Compañía de María de Cangas establecido en 1925 Ademais, entre 1953 e 1990 existiu o Colexio Compañía de María de Lugo, posteriormente renomeado Colexio María Auxiliadora e que dende 2023 está xestionado pola Diocese de Lugo. Doutra parte, ata 2023 a Compañía de María contaba con dous colexios en Ferrol: un en San Amaro, aberto en 1889, e o Lestonnac de Caranza, fundado en 1961.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Web oficinal da Compañía de María Nosa Señora.
Categoría:Compañía de María Nosa Señora