Nos últimos anos do século XVII iníciase un movemento filosófico, cultural e científico que se prolongará ata a Revolución Francesa e será coñecido como a Ilustración, e converterá o século XVIII no Século das Luces.

Introdución No Século das Luces enfrontouse a razón á superstición, combateuse a ignorancia e impúxose unha ideoloxía de liberdades e recoñecemento de dereitos. É tamén un momento de cambio na mentalidade feminina con grandes avances nas reivindicacións de dereitos das mulleres. Foi unha época crucial, porque nela se iniciou o debate arredor da igualdade entre ambos os sexos, como consecuencia das novas correntes de pensamento que comenzaban a estenderse, nas que os máis conspicuos pensadores se constituían en defensores dos dereitos dos cidadáns, dos escravos, os indios e os nenos, pero moi poucos aceptaban e moito menos defendían eses dereitos para as mulleres. Pola súa parte moitas mulleres cultivaron un sentimento igualitario e loitaron por non quedar excluídas dos dereitos e liberdades que se ían conquistando, sobre todo o acceso á educación.

A revolución científica cambiara a forma na que as persoas se relacionaban coa ciencia. Homes adiñeirados e ociosos convertéranse en científicos afeccionados e abrira novas posibilidades para facer ciencia. As súas esposas e irmás convertéranse en damas de ciencia —etiqueta que foi utilizada como un insulto polos seus detractores—, o que lles permitiu alcanzar un nivel de competencia científica moi superior ás súas predecesoras. Pero á marxe da polémica sobre se a ciencia se consideraba ou non apropiada para as mulleres, un amplo estrato da poboación feminina comezou a interesarse por ela, a estudala e realizar achegas. As mulleres dos salóns do Século das Luces apoiaron e divulgaron as novas teorías de Descartes, Newton e Leibniz. alt=Retrato dunha dama (Marquise du Châtelet) realizado por Largillière|miniatura|Marquise du Châtelet

Os Salóns Científicos en Francia O libro de Isaac Newton (1643-1727) Philosophiæ Naturalis Principia Mathematica é unha das obras básicas do pensamento científico. Substituíu a mecánica de Descartes —na que as forzas actúan por contacto— pola lei de gravitación universal —na que as forzas actúan a distancia—; o que supuxo un avance cualitativo importante, porque permitiu explicar o movemento dos astros e fenómenos terrestres cunha formulación matemática. O conde Francesco Algarotti (1712-1764), que era un admirador da obra de Newton, en 1735 realizou unha estancia de seis semanas no castelo de Cirey, residencia da Marquise du Châtelet e sede dun dos Salóns de Ciencia mellor dotados do momento. Algarotti aproveitou a súa estancia en Cirey para escribir parte do seu libro Il neutonianismo per le dame (1737), no que, por medio do diálogo entre un filósofo e unha dama, explica parte das ideas de Newton. Nese mesmo lugar, os dous volumes dos Principia de Newton foron traducidos do latín ao francés e comentados por Émilie du Châtelet, Marquise du Châtelet, o que permitiu que se difundisen na Francia cartesiana as ideas de Newton. Esta muller fixo importantes contribucións ao desenvolvemento do pensamento científico francés, ademais de ser a que máis colaborou á introdución e difusión das teorías de Newton e Leibniz en Francia. Pero ademais foi unha das que con máis ardor e vehemencia alzaron a súa voz para defender os dereitos das mulleres, sobre todo o dereito das mesmas á educación. Así, no seu "Discurso sobre a felicidade" mantén que: A sabedoría sempre debe facer ben os seus cálculos, porque quen di sabio di feliz, polo menos no meu dicionario. Ou máis adiante: O estudo fainos totalmente independentes, polo que o amor ao estudo é a paixón máis necesaria para a nosa felicidade; é un recurso seguro contra a adversidade, é unha fonte de pracer inesgotable. Mentres que na tradución que realizou de "A fábula das abellas", de Bernard Mandeville, di no seu prefacio: Sinto todo o peso do prexuízo que nos exclúe universalmente das ciencias, e é unha das contradicións deste mundo que sempre me sorprendeu moitísimo, dado que hai grandes países nos que a lei nos permite regular os seus destinos, pero non hai ningún no que sexamos educadas para pensar. Ou nunha carta a Federico de Prusia: "Xulgádeme polos meus propios méritos ou pola súa falta, pero non me consideres un mero apéndice deste gran xeneral ou dese recoñecido erudito, de tal estrela que brilla na corte de Francia ou destoutro autor tan famoso. Son unha persoa completa, son responsable de min por todo o que son, por todo o que digo, por todo o que fago. Pode que haxa metafísicos e filósofos cuxo coñecemento sexa maior que o meu, aínda que eu non os coñecín. Non obstante, eles tamén son só seres humanos débiles e teñen os seus defectos; entón, cando sumo o total das miñas grazas, confeso que non son inferior a ninguén.

Italia como pioneira esquerda|miniatura|314x314px Italia, que xa en séculos anteriores destacou polo maior respecto ás súas mulleres, foi outro dos lugares nos que floreceron nesta época os Salóns, tanto literarios como científicos, sobre todo no norte do país, onde ademais empezaron a abrirse algunhas das súas universidades á incorporación das mulleres, tanto como alumnas como profesoras, nas mesmas. Nesta época pódese destacar a matemática napolitana Faustina Pignatelli Carafa (1705-1785), que foi fundamental na introdución das teorías de I. Newton en Nápoles. Ou a veneciana Cristina Roccati (1732-1797), que se graduou na Universidade de Boloña en Filosofía Natural (Ciencia), onde tamén estudara literatura, lóxica, metafísica, moral, meteoroloxía e astronomía. Posteriormente foi nomeada membro da Academia Concordi de Rovigo (Véneto) en 1749, onde ensinou física newtoniana durante décadas, sendo ademais unha destacada e afamada poeta. Tamén da mesma época é Diamante Medaglia Faini (1724-1770), que destacou dende moi nova como poeta, pero que xa na súa idade adulta "buscando novas fronteiras intelectuais" descubriu o seu interese pola filosofía natural, especialmente polas matemáticas, a astronomía e a física, que se converteron na súa nova paixón. Abertamente admiradora de Cristina Roccati, foi tamén unha gran loitadora polo dereito das mulleres á educación, tema no que disentiu publicamente de divulgadores como Francesco Algarotti —autor de Newtonianismo para as damas—, quen consideraba que existían conceptos adecuados e non adecuados para as mulleres, o que o levou a excluír as matemáticas do seu famoso libro, co argumento de que non eran adecuadas para a mente feminina. Para rebatir todos estes prexuízos, ela escribiu e publicou unha disertación sobre a importancia do estudo das matemáticas para as mulleres. Pero se hai unhas científicas que brillaron especialmente na Italia do momento foron Laura Bassi (1711-1778) e María Gaetana Agnesi (1718-1799), dúas grandes figuras enciclopédicas. Bassi brillou con luz propia na Boloña ilustrada. No seu ano de gloria, en 1732, despois de ter participado en varios debates públicos con notables académicos, primeiro é nomeada membro da Academia de Ciencias de Boloña, a continuación a Universidade de Boloña concedeulle un doutoramento honorario, e finalmente, nese mesmo ano, despois dun exame público, consegue unha praza de profesora na Universidade de Boloña. Tanto na Academia como na Universidade de Boloña “pelexa” por defender os seus dereitos e conseguir un salario —xusto e equiparable ao dos seus colegas— polo seu traballo. Os seus potentes coñecementos de física e matemáticas, xunto coa súa formación pioneira nas teorías de Newton, que contrastaba cos enfoques tradicionais dos seus colegas, fixeron de Bassi unha figura clave na difusión da ciencia newtoniana en Italia. alt=woman's almanack, for the year of our Lord 1789|miniatura|388x388px|The ladies' diary Pola súa parte, Agnesi foi famosa no seu tempo pola súa obra Instituzioni analítiche ad uso della gioventú italiana, libro que escribe aos 30 anos pola necesidade de ocuparse da educación matemática das súas 20 irmás e irmáns. A este tratado atribúeselle que foi o primeiro libro de texto que acometeu o tratamento conxunto do cálculo diferencial e o cálculo integral, facendo explícita ademais a súa natureza como problemas inversos. Tralo éxito deste libro, María Gaetana Agnesi foi elixida membro da Academia de Ciencias de Boloña e nomeada, por orde papal, profesora de matemáticas da Universidade de Boloña.

A situación en Inglaterra Entre 1704 e 1840 publicouse anualmente, en Londres, un almanaque destinado ao público feminino: The Ladies’ Diary or Woman’s Almanack, subtitulado: Containing New Improvements in Arts and Sciences, and many Entertaining Particulars: designed for the Use and Diversion of the Fair-Sex. Ademais das seccións propias sobre o calendario, esta publicación incluía regularmente seccións con adiviñas, preguntas científicas e problemas matemáticos. En cada número incluíanse solucións aos problemas do ano anterior, enviadas polas lectoras, e propúñanse problemas novos, suxeridos tamén por elas. Tanto a redacción dos problemas como a súa solución adoitaban versificarse. Na introdución do número de 1718 o seu editor escribía: “[...] os estranxeiros asombraríanse se lles mostrase non menos de catrocentas ou cincocentas cartas doutras tantas mulleres, con solucións xeométricas, aritméticas, alxébricas, astronómicas e filosóficas”. No século XVIII hai tantas publicacións de carácter científico dirixidas a mulleres —xa sexa en forma de epístolas, periódicos ou textos divulgativos—, que o feito non fai máis que corroborar o anhelo das mulleres pola educación e o seu alto interese polas manifestacións culturais e científicas de toda índole. As mulleres do Século das Luces apoiaron nos seus salóns a difusión das ideas de Descartes, Newton e Leibniz. Posteriormente, a ciencia pasaría dos salóns ás universidades e ás academias, das que as mulleres se verían excluídas durante moitos anos.

As Astrónomas Como xa ocorría no século anterior, unha das áreas da matemática cunha importante presenza de mulleres foi a Astronomía. Nesta época, moitas mulleres dedicaban as súas noites a contemplar o firmamento, cal fillas de Urania —musa da astronomía na mitoloxía grega—. O feito de que esta ciencia estivese relacionada con oficios artesáns, que se desenvolvían dende o fogar, probablemente tivo moito que ver para que neste século houbese unha impresionante constelación de astrónomas que traballaron nos observatorios, que eran naquel tempo negocios familiares. Maria Winkelmann (1670-1720) descubriu o cometa de 1702, aínda que non se lle deu o seu nome nin recibiu ningún recoñecemento por iso. Despois da morte do seu marido, en 1710, preparou o seu fillo, de dezaseis anos para que fose o seu asistente. Catro anos máis tarde, en 1714, foi el o elixido como director do Observatorio de Berlín, converténdose a súa nai e as súas irmás nas súas asistentes. O trato dado a Maria Kirch foi unha das primeiras "conxuras dos necios" que tiveron lugar nas recentemente creadas institucións científicas. Afortunadamente non toda a comunidade científica reaccionou do mesmo xeito, un prestixioso científico como Leibniz non tivo problema en recoñecer os méritos dela —presentándoa incluso á corte de Prusia, da que non tardou en recibir unha oferta de traballo— con todo, os mediocres atrevéronse a dicir que a presenza dunha muller desprestixiaba a academia, cando eran eles os que a mancelaban coa súa mediocridade. alt=Alegoría da Astronomía, Urania. Círculo de Jacques Bellange|esquerda|miniatura|Urania, Alegoría da Astronomía