Editar Adhiambo Ochieng é unha activista de Kenya que aboga e defende os dereitos das mulleres e axuda ás sobreviventes de violencia sexual.

En 2020, converteuse na primeira gañadora do Premio Wangari Maathai en Kenya pola súa contribución para frear a expansión da pandemia de COVID-19 nos barrios marxinais de Kibera.

Traxectoria Ochieng naceu e medrou en Kibera, un dos barrios marxinais máis grandes de Nairobi. Foi violada ós 6 anos, e violada en grupo ós 16, após o cal os seus atacantes fachendearon do seu delito. Ela sinala estas experiencias persoais como exemplos da violencia sexual normalizada contra as mulleres, así como a forza das mulleres para vivir, e o impulso do seu activismo.

Ochieng dirixe o Centro Feminista para a Paz, os Dereitos Humanos e a Xustiza en Kibera, que fundou ela. É unha feminista interseccional, e o seu obxectivo é unha sociedade que "permita o pleno desenvolvemento, a seguridade, o acceso á igualdade de dereitos, unha xustiza xusta e a autorrealización das mulleres novas". O seu centro ten como obxectivo desenvolver o liderado entre as mulleres novas, servindo como unha plataforma multixeracional de organización e de creación de redes. Anima ás mulleres a falar sobre as súas historias, creando conciencia e apoio ó dar a coñecer os puntos en común destas experiencias. O centro que dirixe serve como unha rede de apoio para mulleres vulnerábeis, como as que abandonan relacións abusivas. Segundo o goberno de Kenya, o 45% das mulleres e as mozas entre 15–49 anos sufriron algún tipo de violencia. Moitos casos non se denuncian, e poucos reciben atención médica ou xustiza.

Editar tamén proporciona produtos sanitarios a mulleres vulnerábeis, apoia a aplicación da Resolución 1325 do Consello de Seguridade das Nacións Unidas como unha forma de incluír ás mulleres nos plans de paz e seguridade, e educa ás mulleres sobre os seus dereitos constitucionais. É tamén organizadora de ferramentas con Peace Brigades International Kenya, colaborando con outras defensoras dos dereitos humanos de Nairobi (WHRD). Ela estaba entre as máis de 56 persoas arrestadas durante unha marcha o 7 de xullo de 2020 contra a brutalidade policial, xa que a policía de Kenya matara a máis de 100 persoas ata ese momento en 2020.

Durante a pandemia de COVID-19 coordinou servizos porta a porta, doazóns de alimentos, e máscaras reusables para sobreviventes de violencia sexual e mulleres vulnerábeis na comunidade, ademais de achegar información sobre a pandemia á xente local. Foi panelista durante a discusión anual sobre os dereitos humanos das mulleres realizada polo Consello de Dereitos Humanos da ONU, sobre o tema da COVID-19 e os dereitos das mulleres. Presentouse, sen acadalo finalmente, para o escano parlamentario da Circunscrición electoral de Kibra polo partido Ukweli durante as eleccións parciais do 7 de novembro de 2019, obtendo 59 votos dun total de 41,984 emitidos.

Recoñecementos Gañou o premio Wangari Maathai en 2020 polos seus servizos comunitarios en Kibera durante a pandemia de COVID-19, converténdose na primeira gañadora do premio.

Notas

Categoría:Personalidades de Kenya Categoría:Personalidades sen imaxes Categoría:Nados en Kenya Categoría:Nados en ano descoñecido Categoría:Activistas polos dereitos humanos