Elsa Rosa Diana Kelly, nada en Buenos Aires o 28 de febreiro de 1939, é unha avogada e diplomática arxentina. Entre 2011 e 2020 foi xuíza no Tribunal Internacional do Dereito do Mar, en calidade de experta.
Ocupou diversos cargos dentro da diplomacia arxentina. Foi embaixadora ante Italia, Austria e a UNESCO. Ademais, foi representante permanente ante organizacións internacionais en Viena e gobernadora na Xunta de Gobernadores da OIEA.
Traxectoria Elsa Kelly naceu na cidade de Buenos Aires o día 28 de febreiro de 1939.
En 1960, titúlase como avogada da Universidade de Buenos Aires e é bolseira polo programa do Centro de Asuntos Internacionais da Universidade Harvard. Traballou como profesora titular de Dereito Internacional Público.
Entre 1991 e 1995, durante o goberno de Carlos Menem, foi deputada nacional por parte da Unión Cívica Radical. En 1996, foi nomeada constituínte da Cidade de Buenos Aires, novamente representando ao radicalismo.
Actualmente é membro do Consello Arxentino para as Relacións Internacionais (CARI) e da ONG Fundación Nuevos Derechos del Hombre.
Carreira diplomática En 1962 comezou a súa carreira diplomática ao ingresar no Servizo Exterior da Nación. Foi promovida sucesivamente até alcanzar a xerarquía de embaixadora en 1984.
Na Chancelería Arxentina ocupou varios cargos, entre eles: Membro do Consello Superior de Embaixadores, Directora de Relacións Culturais e Directora Xeral de Asuntos Ambientais. Durante o goberno de Raúl Alfonsín, foi nomeada viceministra de Relacións Exteriores.
Entre 1985 e 1989 representou á Arxentina ante a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, en París. No ano 2000, foi nomeada embaixadora ante a República de Italia, cargo no que permaneceu até o 2003.
Entre 2003 e 2006 foi embaixadora ante Austria. Ademais, nese período, foi representante permanente ante organizacións internacionais en Viena e gobernadora na Xunta de Gobernadores do Organismo Internacional de Enerxía Atómica. Presentou as súas cartas credenciais na Oficina das Nacións Unidas en Viena en maio de 2003. En 2006, o chanceler Jorge Taiana, nomeouna directora de Seguridade Internacional, Asuntos Nucleares e Espaciais da Chancelería arxentina.
En 2010 foi designada pola presidenta Cristina Fernández de Kirchner como coordinadora nacional para o Cume Nuclear Global de Washington. Durante ese ano, o seu nome estivo entre os posibles sucesores de Héctor Timerman á fronte da Embaixada Arxentina nos Estados Unidos, cargo que con todo quedou en mans de Alfredo Chiaradía.
O 1 de outubro de 2011 foi nomeada xuíza do Tribunal Internacional do Dereito do Mar, converténdose na primeira muller entre os vinte e un membros que integran o organismo. Kelly permaneceu no cargo durante un período de nove anos.
Recoñecementos Elsa Kelly foi condecorada polos gobernos de México, Ecuador e Francia (Palmas Académicas). En 2008, polos seus méritos recibe o Premio Konex na categoría Diplomáticos, entregado pola Fundación Konex.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Sitio oficial do Tribunal Internacional do Dereito do Mar Sitio oficial do Consello Arxentino para as Relacións Internacionais (CARI) Sitio oficial da Fundación Nuevos Derechos del Hombre
Categoría:Embaixadores da Arxentina en Italia Categoría:Dereito marítimo Categoría:Nados en Buenos Aires Categoría:Nados en 1939 Categoría:Embaixadores da Arxentina en Austria