O diafragma da pelve (tamén coñecido como diafragma pelviano, solo da pelve ou solo pelviano) está composto por fibras musculares do músculo elevador do ano, do músculo isquiococcíxeo e o tecido conxuntivo asociado que se estende pola zona debaixo da pelve. O diafragma da pelve é unha partición muscular formada polos músculos elevadores do ano e os isquiococcíxeos, cos que se pode incluír a fascia pelviana parietal nos seus aspectos superior e inferior. O diafragma de pelve separa a cavidade pelviana por encima da rexión perineal (incluído o perineo) por baixo. Debido a que, para acomodar a canle de nacemento, a cavidade pelviana dunha muller é máis grande que a dun home, o diafragma da pelve tende a considerarse parte da anatomía feminina, mais os homes teñen un diafragma da pelve equivalente.
Estrutura Os músculos elevadores do ano dereito e esquerdo atópanse case horizontalmente no diafragma da pelve, separados por un estreito espazo que transmite a uretra, a vaxina e a canle anal. O músculo elevador do ano adoita considerarse en tres partes: pubococcíxeo, puborrectal e iliococcíxeo. O pubocoxígeo, a parte principal do músculo elevador do ano, corre cara a atrás desde o corpo da pube cara ao cóccix e pode danarse durante o nacemento. Algunhas fibras insírense na próstata, a uretra e a vaxina. O puborrectal dereito e esquerdo únense detrás da unión anorrectal para formar unha estribeira muscular. Algúns considéranos como unha parte do esfínter anal externo. O iliococcíxeo, a parte máis posterior do músculo elevador do ano, a miúdo está pouco desenvolvido.
O coccíxeo, situado detrás do músculo elevador do ano e con frecuencia tendinoso tanto como muscular, esténdese desde a espiña isquiática até a marxe lateral do sacro e o cóccix.
A cavidade pelviana da pelve verdadeira ten o piso pelviana como o seu bordo inferior (e o bordo pelviano como o seu bordo superior). O perineo ten o solo da pelve como o seu bordo superior.
Algunhas fontes non consideran que o "solo pelviano" e o "diafragma da pelve" sexan idénticos, co "diafragma" composto unicamente polo músculo elevador do ano e o coccíxeo, mentres que o "solo" tamén inclúe a membrana perineal e a bolsa perineal profunda. Con todo, outras fontes inclúen a fascia como parte do diafragma. [cita requirida] Na práctica, os dous termos a miúdo úsanse indistintamente.
Posteriormente, o solo da pelve esténdese cara ao triángulo anal.
O solo da pelve ten dous hiatos (ocos): hiato uroxenital anterior a través do cal pasan a uretra e a vaxina e o hiato rectal posterior a través do cal pasa a canle anal.
Función É importante para proporcionar apoio ás vísceras pelvianas (órganos), por exemplo, a vexiga, os intestinos, o útero (nas mulleres), e para manter a continencia como parte dos esfínteres urinarios e anais. Facilita o nacemento ao resistir o descenso da parte que se presenta, facendo que o feto rote cara a adiante para discorrer a través da faixa pelviana. Axuda a manter unha presión intraabdominal óptima
Importancia clínica Os danos no diafragma da pelve non só contribúen á incontinencia urinaria, senón que poden provocar un prolapso dos órganos pelvianos. O prolapso de órganos pelvianos prodúcese nas mulleres cando os órganos pelvianos (por exemplo, a vaxina, a vexiga, o recto ou o útero) sobresaen dentro ou fóra da vaxina. Os prolapsos clasifícanse de acordo co órgano prolapsado e o lugar.
Prolapso da parede vaxinal anterior Cistocele (vexiga dentro da vaxina) Uretrocele (uretra dentro a vaxina) Cistouretrocele (vexiga e uretra) Prolapso da parede vaxinal posterior Enterocele (intestino delgado dentro da vaxina) Rectocele (recto dentro da vaxina) Prolapso vaxinal apical Prolapso uterino (útero na vaxina) Prolapso da bóveda vaxinal (teito da vaxina): despois da histerectomía
As causas do prolapso de órganos pelvianos non son diferentes das que tamén contribúen á incontinencia urinaria. Entre elas figuran o ton muscular inapropiado (asimétrico, excesivo ou insuficiente) e as asimetrías causadas por un traumatismo na pelve. A idade, o embarazo, os antecedentes familiares e o estado hormonal contribúen ao desenvolvemento do prolapso de órganos pelvianos. Despois do tratamento dos cancros xinecolóxicos pode presentarse unha disfunción do solo da pelve.
A vaxina está suspendida por medio de unións ao perineo, a parede lateral da pelve e o sacro a través de unións que inclúen coláxeno, elastina e músculo liso. Pódese realizar unha cirurxía para reparar os músculos do solo da pelve. Os músculos do solo da pelve poden fortalecerse cos exercicios de Kegel.
Os trastornos do solo da pelve posterior inclúen prolapso rectal, rectocele, hernia perineal e unha serie de trastornos funcionais, incluído o anismo. O estrinximento debido a calquera destes trastornos denomínase "estrinximento funcional" e é identificábel por criterios de diagnóstico clínico.
O exercicio do solo da pelve (PFE polas súas siglas en inglés Pelvic floor exercise), tamén coñecido como exercicios de Kegel, pode mellorar o ton e a función dos músculos do solo da pelve, o cal é de particular beneficio para as mulleres (e con menos frecuencia os homes) que experimentan incontinencia urinaria de esforzo. Con todo, o cumprimento dos programas de PFE a miúdo é deficiente, o programa PFE xeralmente non é eficaz para a incontinencia urinaria a menos que se realice con biorretroalimentación e supervisión capacitada, e nos casos difíciles pode ser sen benificio. O ton muscular do solo da pelve pódese estimar usando un perineómetro, que mide a presión dentro da vaxina. A medicación tamén pode usarse para mellorar a continencia. [cita requirida] Nos casos graves, pódese realizar unha operación cirúrxica para reparar ou mesmo para reconstruír o solo da pelve [cita requirida] A pelviperineoloxía é a especialidade fisioterapéutica que se ocupa dos problemas funcionais do tres eixos (urolóxico, xinecolóxico e coloproctolóxico) do solo da pelve.
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén
Bibliografía páxina 420 da 20ª edición da Gray's Anatomy (1918). Ligazóns externas Descrición xeral en nih.gov
Categoría:Anatomía humana