Ramón Rey Garrido, nado en Mourente (Pontevedra) en 1899 e finado no mesmo lugar o 14 de abril de 1931, foi un futbolista galego. Xogaba principalmente na demarcación de defensa, aínda que a súa polivalencia permitíalle actuar en calquera posición do campo.
Traxectoria
Pontevedra Naceu en 1899 na parroquia pontevedresa de Mourente, sendo un dos 10 fillos do industrial Bernardo Rey Rey e de Consuelo Garrido Gallego. Comezou a xogar ao fútbol en 1918 nas filas do Club Deportivo Pontevedra, equipo capitaneado por seu irmán Celestino, e trala fusión deste club co Pontevedra Sporting Club, pasou a xogar no novo Pontevedra Athletic Club.
Axiña comezou a destacar, xogando en diferentes posicións como defensa, centrocampista, dianteiro e incluso gardameta. Militou no club pontevedrés ata 1926, participando en seis tempadas do Campionato de Galicia e compartindo equipo con xogadores como Edmundo Nóvoa, Pasarín, José Vega, Solla, ou Redondela, así como o seu irmán Celestino.
Deportivo da Coruña No verán de 1926 fichou xunto a Redondela polo Deportivo da Coruña. No club galego afianzouse na posición de defensa, formando unha das mellores zagas do fútbol español, xunto a Otero e o porteiro Isidro. Tras dous anos disputando o campionato galego (proclamándose dúas veces campión) e a Copa do Rei, na tempada 1928/29 debutou co Deportivo na edición inaugural da Segunda División, xogando 16 dos 18 partidos de liga, case sempre formando parella defensiva xunto a Guerra. O equipo coruñés rematou na oitava posición da táboa, evitando así o descenso. Na seguinte campaña participou só nos partidos do Campionato de Galicia, rematando subcampión por detrás do Celta de Vigo. Pechou o seu paso polo Deportivo cun total de 72 partidos oficiais.
Enfermidade e morte A continuación regresou a Pontevedra, onde pasou brevemente polo Eiriña, pouco antes de caer gravemente enfermo. Encamado, a súa familia estaba a pasar dificultades económicas, polo que en agosto de 1930 varios seareiros e xogadores organizaron no pontevedrés campo do Progreso un partido no seu beneficio, enfrontándose dous equipos con figuras como Edelmiro, Losada, Fariña, Guevara, Chaco ou Eloy. Uns días despois disputouse na Coruña outro partido con igual finalidade, enfrontándose no campo de Riazor o Deportivo da Coruña e unha selección de xogadores pontevedreses.
Faleceu en Mourente o 14 de abril de 1931, con só 32 anos.
Vida persoal Casou en agosto de 1924 con Dolores Villaverde Quinteiro, coa que tivo tres fillas: Consuelo, Dolores e Eudosia.
Palmarés Deportivo da Coruña Campionato de Galicia (2): 1926/27, 1927/28.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com
Categoría:Nados en 1899 Categoría:Finados en 1931 Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Futbolistas de Pontevedra Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Pontevedra Athletic Club Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Eiriña CF