Emilio García Cerdido, coñecido como Lameiro, nado na Coruña o 3 de outubro de 1906 e finado na mesma cidade o 31 de xaneiro de 1983, foi un futbolista galego, que xogaba na demarcación de centrocampista. Militou nos dous principais clubs coruñeses da súa época, o Emden e o Deportivo da Coruña, debutando con este último na tempada inaugural da Segunda División.
Traxectoria
Comezos Naceu no barrio de Santa Lucía da Coruña o 3 de outubro de 1906, sendo o máis novo dos nove fillos do armador de buques de pesca Emilio García Fieital e da súa esposa, Obdulia Cerdido Mota. Os seus irmáns maiores eran Antonia, Manuela, Fortunata, María, Emilia, Obdulia, Evangelina e José. Comezou a xogar ao fútbol no Stadium Coruñés do seu barrio, xunto ao seu amigo Emilio Pereiro. En 1925 pasou ao reserva do Deportivo da Coruña, chegando a xogar varios encontros amigables co primeiro equipo, onde se reencontrou con Pereiro.
Emden En 1926 fichou polo Emden, co que militou na Serie B do Campionato Galego, proclamándose campión e logrando o ascenso á Serie A. En abril de 1927, nun partido amigable ante o Eiriña en Riazor, deu un salto para rematar o balón nun córner, chocando a súa cabeza coa do defensa eiriñista Perfecto Baamonde, provocándolle a este unha rotura no cranio que precisou dúas intervencións cirúrxicas e que supuxo a fin da súa carreira deportiva. Lameiro participou nalgúns dos numerosos partidos benéficos que se celebraron nos seguintes meses en beneficio do xogador pontevedrés. En xuño resultou ferido nun accidente automobilístico na Pasaxe, ao bater contra unha árbore o vehículo no que viaxaba xunto aos seus compañeiros do Emden Lolito e Edreira, ademais dun terceiro amigo e socio do club.
A causa do accidente, o rendemento do centro do campo do equipo reduciuse nos seguintes partidos, pero aínda así o Emden conseguiu proclamarse campión da Serie B na tempada 1926/27, logrando o ascenso á Serie A. Lameiro debutou na máxima categoría do fútbol galego nun partido ante o Deportivo da Coruña en Riazor e disputou toda a tempada 1927/28 co Emden, rematando o campionato na derradeira posición. En xaneiro de 1928, nunha noite de festa no Orzán, meteuse nunha pelexa co xogador do Deportivo Chiarroni, recibindo unha navallada.
Deportivo da Coruña O 31 de agosto de 1928 fichou polo Deportivo da Coruña, e aínda que nun principio o Emden non o deixaba saír, ambos clubs acabaron chegando a un acordo para o seu traspaso, así como para o de Cuestita. Ás ordes do húngaro Ferenc Voggenhuber, debutou en partido oficial ante o seu ex-equipo, o Emden, na primeira xornada do Campionato de Galicia, e marcou o seu primeiro gol sete días despois, de tiro libre directo nunha goleada por 1-7 sobre o Unión Sporting en Lavadores. Disputou 8 partidos no certame galego, flanqueado case sempre por Antoñito e Fariña, rematando na terceira posición.
Xa co boxeador Andŕes Balsa como técnico, participou na edición inaugural da Segunda División. Foi un dos once titulares no histórico primeiro partido do club na categoría, nunha derrota a domicilio fronte ao Deportivo Alavés (3–1), xogando na posición central do medio do campo, con Esparza e Fariña aos lados. Disputou case todos os partidos do Deportivo en Segunda esa campaña, sumando 15 encontros e rematando a liga na oitava posición, evitando así o descenso. Na tempada 1928/29 volveu xogar case todos os partidos do certame galego, pero non contou con ningunha oportunidade no campiontato de Segunda, sendo Esparza o elixido en case todos os encontros polo adestrador Paco González para a posición central do centro do campo. Reapareceu na Copa de España contra o FC Barcelona en Les Corts, caendo nunha estrepitosa goleada por 8-0, unha das peores derrotas da historia do club galego. O encontro de volta ante o Barcelona en Riazor foi o último de Lameiro coa camiseta do Deportivo.
Coruña En 1930 regresou ao Emden, que acababa de mudar o seu nome polo de Club Coruña, e disputou co club de Santo Amaro a tempada 1930/31 do Campionato de Galicia, rematando na derradeira posición e descendendo á Serie B.
Vida persoal Casou en febreiro de 1940 con Teresa Regueiro García, coa que tivo unha filla chamada María Teresa. Foi cuñado do seu compañeiro de equipo Manuel Martí Barreiro, casado coa súa irmá Fortuanta, e do historiador e arqueólogo Ángel del Castillo, casado con Obdulia.
Faleceu na Coruña o 31 de xaneiro de 1983, aos 76 anos de idade.
Estatísticas ClubTempadaSegunda DivisiónCopaC. GaliciaTotalPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesEmden1926/27 ----????1927/28 -- --8181Deportivo1928/29150 --812311929/30002081101Total club15020162332Club Coruña1930/31 -- -- ????
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com
Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1906 Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Club Coruña Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Finados en 1983