Conrado Paz Fernández, nado en Ribadeo o 22 de abril de 1932 e finado en Porto Rico o 14 de xaneiro de 2011, foi un futbolista galego. Xogaba de centrocampista e foi internacional coa selección cubana.

Traxectoria Comezou a xogar ao fútbol na súa vila natal e xogou co primeiro equipo do Ribadeo FC dende 1950. Entre finais de 1955 e comezos de 1956 estivo a proba no Real Oviedo e no Deportivo da Coruña, pero continuou no equipo da Mariña ata 1957.

En 1957 emigrou a Cuba, onde estaba a súa moza, Jesusa Gil, filla dun catalán e unha monfortina. Na Habana traballou nunha compañía farmacéutica e xogou no Deportivo Huracán. En 1961 volveu con Jesusa a Ribadeo, e pouco despois instaláronse en Nova York, onde Conrado traballou nunha empresa de pintura e decoración. En 1966 mudáronse para San Xoán, en Porto Rico, montando alí unha panadería chamada La Paz e anos despois outra chamada La Coruña.

Selección cubana Durante a súa estancia en Cuba foi convocado pola selección cubana, coa que disputou 8 encontros e á que representou nas Copas CCCF de 1960 e 1961.

Vida persoal Casou en 1959 en Cuba con Jesusa Gil. En 1964 naceu en Nova York a súa primeira filla, Lizette, e en 1968 en Porto Rico o segundo, Ricardo. Faleceu en Porto Rico o 14 de xaneiro de 2011.

Notas

Categoría:Nados en 1932 Categoría:Nados en Ribadeo Categoría:Finados en 2011 Categoría:Futbolistas de Ribadeo Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Ribadeo FC Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Cuba Categoría:Galegos de Cuba