Mónica García Gómez, nada en Madrid o 16 de xaneiro de 1974, é unha anestesióloga e política española, deputada da X lexislatura da Asemblea de Madrid dentro do grupo parlamentario de Podemos Comunidade de Madrid e posteriormente deputada da súa XI lexislatura dentro do grupo parlamentario de Más Madrid. Dende o 20 de novembro de 2023 é ministra de Sanidade do Goberno de España.
Traxectoria
Primeiros anos e formación Filla de dous psiquiatras, seu pai foi membro do PCE e deputado na Asemblea de Madrid, naceu o 16 de xaneiro de 1974 en Madrid, estudou no colexio privado Yale na colonia de El Viso e no Instituto Beatriz Galindo da rúa Goya, ambos en Madrid, cidade na que viviu toda a súa vida no barrio Retiro. Licenciouse en Medicina e Cirurxía pola Universidade Complutense de Madrid (UCM), especializándose en anestesioloxía.
García, que desenvolveu a súa carreira profesional como anestesista no Hospital 12 de Octubre, participou nas protestas das mareas brancas en defensa da sanidade pública como voceira da Asociación de Facultativos Especialistas de Madrid (AFEM).
Con 15 anos comezou a practicar atletismo, primeiro no estadio de Vallehermoso e despois no INEF. Na idade adulta continúa saíndo a correr por diversión e participa en carreiras que apoian causas benéficas. No seu tempo libre tamén goza da fotografía e viaxando en vacacións en autocaravana por Galicia.
Carreira política
Activismo En 2012 uniuse á Asociación de Facultativos Especialistas de Madrid (AFEM). Nun principio formou parte da Xunta Directiva da asociación e asumiu o cargo de coportavoz.
Nesta época a asociación plantou cara ao daquela Conselleiro de Sanidade da Comunidade de Madrid, Javier Fernández-Lasquetty e ao seu Plan de Medidas de Garantía da Sostibilidade do Sistema Sanitario Público da Comunidade de Madrid que comprendía, entre outras medidas, un recorte do orzamento en sanidade do 7% así como a privatización dalgúns servizos hospitalarios. Neste contexto, Mónica García participou nos peches, concentracións e manifestacións que se desenvolveron en 2012 e 2013 xunto aos seus compañeiros da AFEM.
Tamén participou en calidade de voceira da AFEM nas mobilizacións da Marea Branca e as súas marchas os domingos para denunciar os recortes e precariedade da sanidade pública.
Deputada da Asemblea de Madrid A través do movemento de Marea Branca, adscrito ao 15-M, foi incluída como candidata no número 26 da lista de Podemos de cara ás eleccións á Asemblea de Madrid de 2015 encabezada por José Manuel López, e resultou elixida deputada da X lexislatura do parlamento rexional, pasando a formar parte do Grupo Parlamentario de Podemos Comunidade de Madrid.. En decembro de 2017, en virtude dunha reestruturación do grupo parlamentario, anunciouse que García se convertería na presidenta do grupo parlamentario en substitución de Marco Candela. Nesta etapa destacou a súa denuncia ante a Fiscalía Anticorrupción do "malgasto sanitario durante o mandato de Esperanza Aguirre". Tamén se incorporou entón ao Consello de Coordinación de Podemos Comunidade de Madrid.
Deputada afín á corrente de Podemos liderada por Íñigo Errejón, en marzo de 2019, abandonou Podemos e se integrou na lista deste último para as primarias de Más Madrid de cara a confeccionar a lista para as eleccións á Asemblea de Madrid de 2019. Trala convocatoria de eleccións anticipadas na Comunidade de Madrid froito da ruptura do goberno entre o PP e C's, García foi anunciada como a candidata oficial de Más Madrid aos comicios.
Eleccións de maio de 2021 O 21 de abril, participou no debate televisado por Telemadrid e varias cadeas nacionais. A sondaxe de Metroscopia sobre quen gañou o devandito debate outorgou unha segunda posición á candidata de Más Madrid tras Isabel Díaz Ayuso, o que supuxo ser a preferida entre os votantes de esquerda, por diante de Pablo Iglesias e Ángel Gabilondo.Nas eleccións de maio de 2021, a candidatura de Más Madrid foi a segunda máis votada, superando ao PSOE en 6.593 votos e chegando a 24 deputados, pasando a ser o principal partido da oposición.
Volveu repetir como candidata de Más Madrid nas eleccións autonómicas do 28 de maio de 2023 sendo, de novo, o segundo partido máis votado e chegando a 27 deputados na Asemblea de Madrid, e Mónica García pasou a ser, de novo, a xefa da oposición ao goberno de Ayuso na XIII Lexislatura.
Ministra de Sanidade En novembro de 2023, Pedro Sánchez, novo presidente de goberno, nomeouna ministra de Sanidade, dentro do grupo de ministros de Sumar.
Notas
Véxase tamén
Categoría:Nados en 1974 Categoría:Nados en Madrid Categoría:Deputados da X Lexislatura da Asemblea de Madrid Categoría:Deputados da XI Lexislatura da Asemblea de Madrid Categoría:Deputados da XII Lexislatura da Asemblea de Madrid Categoría:Ministros de Sanidade de España Categoría:Ministros do Goberno de España da XV Lexislatura