The Economist é unha publicación semanal en lingua inglesa con sede en Londres, que aborda a actualidade das relacións internacionais e da economía desde un marco global. O seu primeiro número foi publicado o 2 de setembro de 1843 baixo a dirección de James Wilson. Aínda que por razóns históricas se define a si mesma como un xornal, o seu formato actual aseméllao ao dunha revista.

A publicación pertence a The Economist Group, unha sociedade editorial controlada no 50 % polas familias Rothschild e Agnelli. O outro 50 % das accións son propiedade de investidores privados, incluíndo os traballadores da revista. O cadro está formado por máis de 75 xornalistas procedentes de todo o mundo. Un consello editorial encárgase de elixir o redactor xefe, que non pode ser cesado sen o seu consentimento.

The Economist segue unha liña editorial liberal que apoia a liberdade económica, o libre comercio, a globalización, a inmigración e o liberalismo cultural, e que foi definida por eles mesmos como "un produto do liberalismo de Adam Smith e David Hume". Entre outros obxectivos, busca influír nos cargos de responsabilidade política e económica, polo que o seu público destinatario é de clase alta familiarizado coa linguaxe económica. A publicación foi recoñecida no ámbito do xornalismo polo rigor e a excelencia dos seus artigos, que adoitan non ir asinados, facéndose responsable da información presentada o consello editorial.

Historia miniatura|Smithson Plaza, antigamente coñecido como The Economist Building, que serviu como sede da revista ata 2017 The Economist foi fundado por James Wilson, banqueiro e empresario escocés, co obxectivo de esixir a derrogación do arancel á importación de grans (Corn Laws) e defender o libre comercio.

O 5 de agosto de 1843, Wilson publicou un prospecto en que se rexistraba o nome da cabeceira, o formato de semanario publicado cada domingo e unha liña editorial liberal que cubriría a actualidade informativa, non só no ámbito económico senón tamén en asuntos de interese xeral. Como lema propuña defender a existencia dese medio "para facer parte na contenda entre a intelixencia, que fai presión cara a adiante, e a indigna e tímida ignorancia que obstrúe o progreso".

O naturalista Herbert Spencer foi o subdirector desde 1848 ata 1853. Pola súa parte, entre 1861 e 1877 o redactor xefe foi Walter Bagehot, xenro de Wilson. Neses anos, The Economist especializouse en actualidade política e económica, aumentando a súa influencia nos círculos de poder de Londres. Non obstante, a súa tiraxe estaba limitada a 10 000 exemplares na capital británica, algo que se mantivo ata comezos do século XX.

The Economist non adquiriu un papel relevante no estranxeiro ata a segunda guerra mundial. Geoffrey Crowther, redactor xefe entre 1938 e 1956, apostou entón pola actualidade internacional e estableceu unha sección exclusiva sobre os Estados Unidos. Desde eses anos, a publicación reforzou a difusión e cobertura informativa nos cinco continentes; así, a circulación de exemplares creceu dos 100 000 semanais en 1970 a máis de 500 000 en 1992, e superou o millón na década de 2000.

Liña editorial Cando se fundou The Economist no século XIX, a palabra "economista" era empregada para definir o liberalismo económico. Hoxe en día, considérase unha publicación de filosofía liberal que apoia o libre comercio, a globalización, a libre circulación de persoas, o liberalismo cultural e a liberdade individual. Ademais, propón que o goberno deba manterse o máis afastado posible dos individuos e da empresa privada. De acordo con Bill Emmott, editor entre 1993 e 2006, "The Economist sempre foi liberal e non conservador", e non está adscrito a ningunha corrente política, o que lle permite unha liña editorial flexible; nalgunhas ocasións defendeu políticas keynesianas, sempre e cando as mesmas sexan "razoables" para o contexto en que se aplican, e mesmo avogaron por un imposto sobre o carbono para combater o quecemento global.

Karl Marx era lector da cabeceira, que definía como "o órgano da aristocracia financeira".

En certos casos, The Economist criticou personaxes públicas por corrupción e falta de honradez. Entre os cargos públicos así denunciados estiveron o expresidente do Banco Mundial Paul Wolfowitz; o primeiro ministro italiano Silvio Berlusconi, que os alcumou "The Ecommunist"; o presidente de Zimbabwe Robert Mugabe; a expresidenta arxentina Cristina Fernández de Kirchner, o presidente venezolano Nicolás Maduro, e o candidato republicano á presidencia dos Estados Unidos Donald Trump. The Economist tamén defendeu o xuízo político a Bill Clinton polo escándalo Lewinsky, así como a dimisión de Donald Rumsfeld tras desvelarse as torturas en Abu Ghraib.

Contidos The Economist dedica a maioría das súas páxinas a cubrir a actualidade política, económica e internacional. As cinco seccións principais son Countries and Regions (Países e rexións), Business (Negocios), Finance and Economics (Finanzas e economía), Science and Technology (Ciencia e tecnoloxía) e Other (Outros), en que se inclúen recensións de libros e necrolóxicas. Ademais, dentro de cada sección hai columnas de opinión.

Na epígrafe económica, está especializada en táboas estatísticas e índices propios con reputación a nivel internacional. O máis coñecido é o índice Big Mac, publicado por primeira vez en 1986, que compara o poder adquisitivo de distintos países a través do prezo dun Big Mac, a hamburguesa máis emblemática de McDonald's.

Existe unha sección de cartas ao director, téndose en conta as opinións de personalidades influentes ou afectadas por un artigo de números anteriores. Por exemplo, un informe sobre a responsabilidade social corporativa publicado en 2005 provocou a protesta de diversas organizacións, entre elas Oxfam, o Programa Mundial de Alimentos e o presidente de BT Group, que atoparon nesta sección o seu dereito a réplica. De igual modo, Amnistía Internacional contestou en 2007 unha reportaxe da publicación en que criticaban o seu labor. As cartas ao director sempre van asinadas.

Estilo Por tradición, The Economist non asina os seus artigos, xa que o consello editorial se fai responsable colectivamente da información. Se unha reportaxe foi elaborada por máis dun autor, aclárase en que cidades se recolleron datos.

A publicación presupón que os seus lectores están familiarizados cos conceptos básicos da economía e cos seus actores máis coñecidos a nivel internacional. Moitos dos seus artigos están escritos cun estilo agudo e sentido do humor, especialmente notable nas portadas (con fotomontaxes e xogos de palabras) e nos pés de foto das imaxes.

Notas

Véxase tamén Bibliografía Arrese, Angel (1995), La identidad de The Economist, Pamplona: Eunsa. Edwards, Ruth Dudley (1993), The Pursuit of Reason: The Economist 1843–1993, Londres: Hamish Hamilton,

Ligazóns externas Páxina web

Categoría:Prensa do Reino Unido Categoría:Revistas en lingua inglesa