Concepción López Conde, mellor coñecida como Siña Conseusión a Xuliana, nada en San Martiño de Bueu en 1882 e finada no mesmo lugar en 1969, foi poxadora de peixe do concello de Bueu desde os inicios de 1900 até a década de 1940.

Traxectoria Naceu no lugar da Praia, na parroquia de San Martiño de Bueu en 1882, filla da tamén poxadora Xuliana Conde González e o mariñeiro Antonio López Troncoso. Foi a única filla muller do matrimonio, polo que non só herdou a casa familiar, senón tamén o negocio comezado pola nai, a cambio de coidar os proxenitores até a morte.

Casou con Manuel Dopazo Martínez a principios de 1900. Con el chegou a ter catorce fillas e fillos, das que sobreviviron seis mulleres e dous homes: Concepción, Carme, Manuela, Consuelo, María Amada, Manuel, Santiago e Josefa. Polo tanto, viviu entre o labor doméstico propio das mulleres da súa época e o traballo remunerado. O seu era o único soldo que entraba no fogar, pese a todo, os documentos oficiais estaban a nome do seu home.

Concepción conseguiu profesionalizar o oficio, acadando o recoñecemento dentro deste mundo eminentemente patriarcal, ademais de estabelecer ligazóns coas altas clases sociais do lugar: os salgadores e conserveiros Massó Hermanos, Attilio Gaggero e Juan Alonso, entre outros.

Morreu en 1969 no Ramal dos Galos despois dun longo período con demencia que lle impedía coñecer mesmo as persoas da súa contorna.

Premios e recoñecementos En 2021, a Asociación Club Golfiños-Bueu rendeulle a IV Homenaxe Bueuesa Senlleira xunto coas súas descendentes. Ademais, dedicóuselle o número 3 do fanzine Aña en marzo dese mesmo ano. En agosto dese mesmo ano saíu publicada unha pequena recensión na revista A Trabe de Ouro.

Notas

Categoría:Nados en 1882 Categoría:Finados en 1969 Categoría:Personalidades de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Nados en Bueu