Fidel Ángel Castro Díaz-Balart, nado na Habana o 1 de setembro de 1949 e finado na mesma cidade o 1 de febreiro de 2018, foi un físico nuclear cubano. Coñecido tamén co diminutivo Fidelito, era o fillo máis vello do presidente cubano Fidel Castro e da súa primeira esposa, Mirta Díaz-Balart.
Traxectoria miniatura|Castro Díaz-Balart (esquerda) co Presidente de México Enrique Peña Nieto, o 28 de xaneiro de 2014, no 2º Cumio da CELAC, na Habana. Nado en 1949, seus pais, Fidel Castro e Mirta Díaz-Balart, divorciáronse en 1955, uns anos antes da Revolución cubana na que Fidel Castro chegou ao poder. A súa nai mudouse a Miami, coa familia Diaz-Balart, levando ao seu fillo con ela. Regresou de neno a Cuba para visitar o seu pai e xa quedou alí o resto da súa infancia. En 1959, con 9 anos, apareceu na televisión estadounidense durante unha entrevista a seu pai.
Posteriormente trasladouse a Moscova (capital daquela da Unión Soviética), onde se matriculou na Universidade Estatal de Voronezh en 1968. Por seguridade, estudou co nome de "José Raúl Fernández", nome que elixiu segundo el, en homenaxe ao campión mundial de xadrez José Raúl Capablanca. Posteriormente usou ese nome para publicar uns 30 traballos científicos. Nun principio estudou educación física antes de pasar á física nuclear en 1970. Graduouse na Universidade Estatal Lomonosov de Moscova e continuou traballando no Instituto Central de Investigacións Nucleares de Dubna, doutorándose por primeira vez en 1978. De regreso a Cuba, dirixiu durante un tempo o programa de enerxía nuclear de Cuba, liderando o programa de construción da central nuclear Juragua desde 1980 ata 1992, tempo no que foi tamén secretario executivo da Comisión de Enerxía Atómica do país. Foi destituído dos seus cargos en xuño de 1992, pouco antes de suspenderse a construción de Juragua.
Regresou entón a estudar a Moscova e en 1999 obtivo un segundo doutoramento no Instituto Kurchatov de Enerxía Atómica. Na década de 2010 recuperou protagonismo en Cuba, exercendo como asesor científico do Consello de Estado, e como vicepresidente da Academia de Ciencias de Cuba. Ao longo da súa carreira, publicou numerosos artigos sobre o papel da enerxía nuclear no desenvolvemento.
En abril de 2014 visitou Rusia para declarar o recoñecemento de Cuba á anexión de Crimea por parte da Federación Rusa, recibindo tamén un doutoramento honoris causa na Universidade Estatal de Voronezh.
Suicidio Suicidouse na Habana o 1 de febreiro de 2018, aos 68 anos. Anteriormente estivera a tratamento por depresión. No momento do seu suicidio, ocupaba os seus cargos na Academia de Ciencias de Cuba e no Consello de Estado.
Familia Tivo tres fillos -Mirta María, Fidel Antonio e José Raúl- con Natasha Smirnova, a quen coñeceu en Rusia. Despois de divorciarse de Smirnova, casou coa cubana María Victoria Barreiro. Obra
Ciencia, innovación y futuro (2002). Energía nuclear y desarrollo: realidades y desafíos en los umbrales del siglo XXI (1991). Espacio y tiempo en la filosofía y la física (1990). Ciencia, tecnología y sociedad: hacia un desarrollo sostenible en la era de la globalización (2003).
Notas
Categoría:Nados en 1949 Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Nados na Habana Categoría:Cubanos de ascendencia galega Categoría:Científicos de Cuba Categoría:Alumnos da Universidade Estatal de Moscova Categoría:Finados en 2018 Categoría:Suicidios en 2018 Categoría:Suicidas de Cuba