David Martínez Varela, nado en Betanzos o 31 de xaneiro de 1967, é un exatleta galego, especializado en lanzamento de disco. Foi dez veces campión de España da especialidade, unha vez campión de lanzamento de peso e disputou tres Xogos Olímpicos (Barcelona 1992, Atlanta 1996 e Sydney 2000).
Traxectoria Foi catro veces campión de España en categorías inferiores, e en 1987 bateu en Madrid o récord de España de lanzamento de disco, cunha marca de 58,88 metros, superando a Sinesio Garrachón, que levaba once anos como plusmarquista. Ese mesmo ano gañou en Granollers o seu primeiro campionato de España. Durante os seguintes anos dominou de xeito absoluto o lanzamento de disco do país, gañando todos os títulos nacionais ata 1992 e sendo o primeiro lanzador español en superar os 60 metros. Ademais en 1991 proclamouse tamén campión de España de lanzamento de peso en pista cuberta.
En 1990 gañou a medalla de ouro no Campionato Iberoamericano de Atletismo en Manaus e ao ano seguinte o bronce nos Xogos Mediterráneos en Atenas, En abril de 1992, en California, lanzou o disco a 65,46 metros, superando en máis dun metro a súa anterior marca, e en xullo conseguiu a medalla de prata no Campionato Iberoamericano de Sevilla, superado só polo cubano Juan Martínez Brito. Con estes antecedentes acudiu aos Xogos Olímpicos de 1992, onde non puido superar os 60,16 metros na final, quedando na novena posición, a cinco metros do campión, o lituano Romas Ubartas.
Volveu proclamarse campión de España en 1994, 1995 e 1996 e participou nos Xogos Olímpicos de 1996, onde non conseguiu meterse na final, ao facer tres lanzamentos nulos. Ao ano seguinte bateu por décima vez o récord de España, deixándoo en 65,52 metros, marca que se mantivo imbatida ata que a conseguiu superar Mario Pestano en 2001. No ano 2000 gañou o seu décimo título nacional de lanzamento de disco e participou nos Xogos Olímpicos de Sydney, onde acabou de 19º cunha mellor marca de 61,50 metros. No 2001 gañou unha medalla de prata nos Xogos Mediterráneos celebrados en Radès.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Datos do atleta no sitio web oficial do Comité Olímpico Internacional . Datos do atletaen sports-reference.com. Arquivado dende o orixinal . Datos do atleta no sitio web oficial da Asociación Internacional de Federacións de Atletismo .
Categoría:Nados en 1967 Categoría:Nados en Betanzos Categoría:Atletas olímpicos de Galicia Categoría:Atletas nos Xogos Olímpicos de 2000 Categoría:Atletas nos Xogos Olímpicos de 1996 Categoría:Atletas nos Xogos Olímpicos de 1992 Categoría:Lanzadores de peso