Olaya Pérez Pazo, nada en Caracas o 7 de xuño de 1983, é unha xogadora de voleibol e voleibol praia galego-venezolana. Competiu nos Xogos Olímpicos de 2016.
Traxectoria Naceu en Caracas, sendo filla dunha parella de emigrantes galegos con orixe en Canaval, Sober. Seu pai Francisco fora futbolista en Galicia e xogou nas categorías inferiores do Celta de Vigo e no Arenteiro, ata que unha lesión o fixo abandonar o fútbol e emigrar a Venezuela.
Xunto á súa irmá xemelga Rebeca, estudou nos Estados Unidos, onde formou parte dos equipos de voleibol da Universidade de Texas en Arlington e da Universidade Rice. En 2006 instalouse en Monforte, onde xogou durante dúas tempadas co AD A Pinguela, e na tempada 2008/09 militou no Club Voleibol Albacete.
Posteriormente pasou a competir en voleibol praia e formou parella coa viguesa Alejandra Simón, coa que disputou a Liga Mundial e coa que se proclamou campioa de España en 2010. Representou a Venezuela nos Xogos Olímpicos de 2016, formando parella con Norisbeth Agudo, pero sen conseguir meterse na fase eliminatoria, despois de obter unha vitoria e dúas derrotas no seu grupo e de perder a repesca contra a parella alemá Büthe-Borger.
Notas
Categoría:Nados en 1983 Categoría:Nados en Caracas Categoría:Galegos de Venezuela Categoría:Xogadores de voleibol de Galicia Categoría:Xogadores de voleibol praia de Galicia Categoría:Xogadores de voleibol praia olímpicos de Venezuela Categoría:Xogadores de voleibol praia nos Xogos Olímpicos de 2016 Categoría:Xogadores de voleibol de Venezuela