Eliseo Víctor Mouriño Oyarbide, nado en Buenos Aires o 3 de xuño de 1927 e finado en Cerro Las Ánimas, Chile, o 3 de abril de 1961, foi un futbolista arxentino, de orixes galega e vasca, que se desempeñaba na posición de volante de contención.
Destacou no Club Atlético Banfield e no Boca Juniors, sendo considerado un ídolo de ambos clubs. Con Banfield rematou na primeira posición o campionato arxentino de 1951, acabando finalmente subcampión tras xogar dous partidos de desempate contra o Racing Club. O Estadio Florencio Sola de Banfield ten unha tribuna co seu nome. Con Boca gañou o campionato arxentino de 1954.
Foi 21 veces internacional coa selección arxentina, coa que conquistou dúas edicións da Copa América, en 1955 e 1959. En 1961 fichou polo Green Cross de Chile, onde faleceu ao pouco de chegar, nun accidente aéreo no que perderon a vida a maioría dos seus compañeiros de equipo e o corpo técnico.
Traxectoria
Primeiros anos Naceu en Mataderos, fillo do galego Antonio Mouriño e da vasca Concepción Oyarbide. O seu pai morreu cando tiña 4 anos e a familia mudouse ao barrio de San Cristóbal. Neste barrio comezou a xogar ao fútbol, formando parte do Superclub ata 1941, cando entrou na canteira do Club Atlético Banfield.
Banfield Tras xogar nas categorías inferiores de Banfield debutou co primeiro equipo na Primera B (segunda división do fútbol arxentino) o 1 de xuño de 1946, nunha vitoria por 3-1 contra Unión de Santa Fe. Ese ano o equipo acabou primeiro e ascendeu á Primeira División.
Debutou na máxima categoría o 9 de maio de 1948 contra Independiente. Consolidouse no campionato de 1949 e foi titular indiscutible no equipo ata 1952. Na tempada 1951 contribuíu a que o equipo lograse un histórico primeiro posto, empatado a puntos co Racing Club. Xogáronse entón no Gasómetro dous partidos de desempate que acabaron 0-0 o primeiro e 1-0 o segundo, con vitoria para Racing cun gol de Mario Boyé. Este equipo de Banfield foi o primeiro dos non chamados grandes en rematar primeiro no fútbol arxentino.
A tribuna leste do Estadio Florencio Sola leva o nome de Eliseo Mouriño.
Boca Juniors miniatura|Eliseo Mouriño en 1954 con Boca. Emilio Baldonedo, que fora adestrador de Banfield, chegou en 1951 ao Boca Juniors e desde o principio suxeriu á xunta directiva a contratación de Eliseo Mouriño, concretándose finalmente esta para a tempada 1953. En Boca formou un lembrado tridente con Lombardo e Pescia, e foi unha figura clave para gañar o campionato de 1954, despois de dez anos de seca. Mouriño xogou en Boca ata 1960, e en 1961 fichou polo Green Gross de Chile.
Traxedia de Green Cross Mouriño aceptou ir a Chile e vestir a camiseta do Green Cross para participar no campionato que expandiu o fútbol cara ao sur do país que se preparaba para organizar o Mundial de 1962. Non obstante, nunha viaxe entre Osorno e Santiago despois dun partido contra a selección de Osorno para o torneo de apertura "Copa Chile", o avión no que viaxaba o equipo estrelouse contra o outeiro Las Ánimas, preto de Linares, morrendo todos os pasaxeiros e a tripulación. Este accidente foi coñecido como a traxedia de Green Cross. En homenaxe a eles, a Copa Chile do ano seguinte foi chamada Copa Chile Green Cross.
En 2015 acháronse restos do avión que foi protagonista do tráxico voo.
Selección arxentina miniatura|Eliseo Mouriño coa selección arxentina. Eliseo xogou 25 partidos coa selección da Arxentina, todos mentres xogaba en Boca Juniors. En 1955, baixo a batuta de Guillermo Stábile proclamouse campión da Copa América en 1955. Foi parte do equipo arxentino no Mundial de 1958 en Suecia, aínda que non chegou a disputar ningún partido, pois foi como suplente de Néstor Rossi. En 1959 participou na súa segunda Copa América, celebrada na Arxentina. Disputou catro partidos no torneo, incluído o partido decisivo no Monumental de Núñez contra o Brasil de Pelé, Didi e Garrincha, no que a selección arxentina se proclamou campioa.
Palmarés Boca Juniors
Primeira División da Arxentina (1): 1954.
Selección arxentina
Copa América (2): 1955, 1959.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Datos do xogador en BDFA.com.ar .
Categoría:Nados en 1927 Categoría:Nados en Buenos Aires Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Finados en 1961 Categoría:Finados en accidente aéreo Categoría:Arxentinos de ascendencia galega Categoría:Futbolistas da Arxentina Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do CA Banfield Categoría:Xogadores do CA Boca Juniors Categoría:Xogadores da selección de fútbol da Arxentina Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1958