Para o historiador español, cronista de Castela e de Indias en tempos de Felipe III e Felipe IV véxase Gil González Dávila (cronista). Gil González Dávila, nado en Ávila en 1480 e finado na mesma cidade en 1526, foi un capitán, explorador e conquistador español,. Foi o xefe da expedición ao territorio das actuais Costa Rica e Nicaragua, chegando mesmo a penetrar en territorio da actual Honduras.

Traxectoria Foi criado do influente bispo Fonseca e en 1511 conseguiu o cargo de contador na Española.

En 1520 asinou unha capitulación para explorar a ruta que ía ás illas Molucas desde o istmo de Panamá, realizando a viaxe dous anos máis tarde.

En 1522 realizou a primeira expedición pola Mar do Sur desde Terra Firme, alcanzando territorios costarriqueños, na súa procura de ouro, obtendo certa cantidade, aínda que menos da esperada. Na expedición percorreron a costa do Pacífico da actual Costa Rica, e visitaron os dominios de numerosos monarcas amerindios, entre eles os caciques Huetar, Chorotega, Gurutina, Orosi, Nicoya e Nicarao. Tivo que enfrontarse ao ataque do cacique Diriangén que o obrigou a retirarse cara a San Lucar (Golfo de Nicoya), e logo regresar a Panamá.

En 1523 iniciou a conquista de Nicaragua, tendo lugar un encontro entre o conquistador e o rei Nicarao. O seu piloto, Andrés Niño, chegou até o actual golfo de Fonseca, que foi bautizado así en honra do bispo Juan Rodríguez de Fonseca.

En marzo de 1524 desembarcou en Honduras, cunha orde de poboamento e enfrontouse coas forzas de Hernando de Soto; fundou San Gil de Buena Vista. Indebidamente, foi acusado de usurpador por Hernán Cortés, o que motivou o seu apresamento. Enviado a México, mandouse a España como prisioneiro, onde foi logo liberado. Morreu na súa Ávila natal o 21 de abril de 1526.

Notas

Categoría:Nados en Ávila Categoría:Nados en 1480 Categoría:Finados en 1526 Categoría:Militares de España Categoría:Exploradores Categoría:Conquistadores