Un rancho de reis é unha agrupación musical formada, durante as festas de reis, por cantadores, danzantes e músicos, para percorrer a veciñanza pedindo o aguinaldo.
Características A tradición dos ranchos de reis, antigamente máis estendida, consérvase hoxe unicamente en oito lugares das comarcas do Condado e Vigo: Riofrío, Guláns, Fozara, As Cortellas, Santiago de Oliveira, Fornelos, Lourido e Salceda de Caselas.
Estes grupos festeiros xúntanse os días cinco e seis de xaneiro para solicitar o aguinaldo polas casas cos seus cantos e bailes. Habitualmente era un gaiteiro, xunto a tambor e bombo, o encargado de subministrar a música, porén, tamén os cantadores se valían dos denominados instrumentos humildes, é dicir, calquera dos utensilios propios do fogar ou do traballo.
A diferenza doutras formacións similares, como os bandos, que só cantan, ou as rondallas, que só tocan, os ranchos incorporan danzas de reis ao seu repertorio. Nestas danzas, encadradas entre as chamadas danzas brancas, empréganse arcos, castañolas, paus e fitas e os danzantes van adornados con sombreiros, xoias, colares, plumas, teas de cores, e outra indumentaria rechamante. Nalgúns lugares as danzas dos ranchos acompañan tamén as procesións relixiosas do día de reis.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
O Nadal e a música tradicional galega - musicatrazo (2017) - Youtube.
Categoría:Música tradicional galega Categoría:Etnografía galega Categoría:Baile tradicional galego Categoría:Xaneiro