Wilson Alfredo Jones Rodríguez, nado no Barco de Valdeorras o 19 de maio de 1934 e finado en Ourense o 12 de xullo de 2021, foi un futbolista galego que xogaba como dianteiro centro e interior.

Comezou a súa carreira no Lemos, de onde o fichou o Real Madrid con 18 anos. Suplente de Alfredo Di Stéfano, foi xunto co nedense Juanito González e o vigués Carlos Cela, o primeiro futbolista galego en gañar a Copa de Europa, na súa primeira edición, aínda que ningún dos tres chegou a xogar ningún minuto na competición. Disputou só un partido oficial co equipo branco, que o cedeu ao Lleida e ao Alavés, obtendo elevadas cifras goleadoras nos dous conxuntos. Entre 1956 e 1960 xogou no Zaragoza, e tras un paso polo Racing de Santander, rematou a súa carreira no Ourense, co que marcou máis de medio cento de goles.

Traxectoria

Comezos Naceu no Barco de Valdeorras, sendo fillo dun inglés e unha valdeorresa. Era neto de Edward Jones, un inglés que se aveciñara na vila ourensá. Durante a súa mocidade destacou no baloncesto, e comezou a xogar ao fútbol no club da súa vila, o Barco de Valdeorras.

En 1952 interesouse por el o Club Lemos, da Terceira División, que o fichou coa tempada 1952/53 xa comezada. Debutou na novena xornada contra o Turón de Mieres, sendo o máis destacado do seu equipo e facendo un dos tres goles galegos (3-1).

Real Madrid En febreiro de 1953, con dezaoito anos, viaxou a Madrid xunto con Jesús Ares, do Racing de Ferrol, para adestraren ambos co Real Madrid e realizaren probas para as súas posibles fichaxes. As probas foron satisfactorias para Wilson, que foi fichado polo club branco para a seguinte tempada, aínda que antes regresou a Monforte para disputar un último partido co Lemos, contra o Club Calzada de Xixón. A continuación deixou a carreira de Dereito que estaba estudando na Universidade de Oviedo e instalouse na capital española. A tempada estaba preto de rematar no momento da súa chegada, polo que xogou só algún partido amigable.

Cesión ao Lleida Na tempada 1953/54, o club branco cedeuno ao Lleida, da Segunda División, que estaba adestrado polo tamén galego Lelé. Debutou na categoría de prata nun partido contra o Barakaldo, marcando dous goles, e completou a tempada con 18 tantos, 6 deles na fase de promoción a Primeira, na que o club catalán tentou sen éxito o ascenso.

Cesión ao Alavés Na tempada 1954/55 saíu de novo cedido, esta vez ao Alavés, de Primeira División. Estreouse na máxima categoría na primeira xornada contra o Athletic de Bilbao, e marcou o seu primeiro gol no seu seguinte partido, contra o Valladolid. Rematou a tempada como o sétimo máximo goleador da liga, con 17 goles en 22 partidos, a mellor media da historia do club en Primeira. Ademais marcou 2 goles nos oitavos de final da Copa do Xeneralísimo contra o Deportivo da Coruña, que serviron para forzar un partido de desempate, no que finalmente a vitoria foi para o club galego.

Tempada co equipo branco As súas boas actuacións en Lleida e Vitoria permitíronlle facerse cun posto no cadro de xogadores do Real Madrid para a tempada 1955/56. Con todo, no club branco estivo como suplente de Alfredo Di Stéfano, polo que só puido disputar partidos amigables e un único partido oficial, nunha derrota en liga contra a Real Sociedad en Atotxa. Conquistou ese ano a primeira edición da Copa de Europa, aínda que non chegou a debutar na competición europea.

Zaragoza En novembro de 1956 foi cedido ao Real Zaragoza, ata o final de tempada. Marcou 8 goles en 16 partidos de liga, e ao remate da competición o equipo aragonés fíxose co xogador en propiedade. En Zaragoza disfrutou dos seus mellores anos como profesional e coincidiu no equipo con numerosos futbolitas galegos como Chaves, Cortizo, Rodolfo, Mauro, Marcelino ou Reija. Disputou 98 partidos oficiais, conseguindo 33 goles, e marcou no partido inaugural do novo estadio da Romareda, contra o Osasuna.

Racing de Santander En 1960 fichou polo Racing de Santander, tamén da Primeira División. No equipo cántabro disputou só 26 partidos en dous anos, debido en parte a algunha lesión e en parte á pouca preferencia por el do adestrador brasileiro Otto Bumbel. Sumou 10 goles co Racing, 5 en liga e 5 en Copa.

Ourense En 1962 regresou a Galicia para xogar co Ourense na Segunda División. Foi o máximo goleador do equipo na súa primeira tempada, con Urquizu no banco, diminuíndo as súas cifas goleadoras nas seguintes dúas campañas. Na 1964/65, co arxentino Cobo como adestrador, o equipo descendeu á Terceira División, despois de seis anos na categoría de prata. Ao ano seguinte recuperou os bos números goleadores, conseguindo 17 tantos na fase regular, e outros 5 na promoción de ascenso. Finalmente anotou outros 12 goles en 14 partidos na tempada 1966/67, contribuíndo a que o equipo se proclamase campión do grupo I e disputase a continuación a fase de ascenso, onde perdeu contra o Xerez. Foi a súa última campaña como futbolista, colgando as botas ao remate da mesma.

Como adestrador Anos despois de deixar o fútbol realizou un par de incursións nos banquiños. Na tempada 1981/82 adestrou o CD Barco, levándoo a ascender por primeira vez na súa historia á Terceira División. Volveu coller as rendas do equipo en 1986, dimitindo pouco despois.

Faleceu o 12 de xullo de 2021, aos 87 anos.

Notas

Categoría:Nados en 1934 Categoría:Nados no Barco de Valdeorras Categoría:Españois de ascendencia inglesa Categoría:Futbolistas da provincia de Ourense Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Club Lemos Categoría:Xogadores do Real Madrid CF Categoría:Xogadores da UE Lleida Categoría:Xogadores do Deportivo Alavés Categoría:Xogadores do Real Zaragoza Categoría:Xogadores do Racing de Santander Categoría:Xogadores do CD Ourense Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores do CD Barco Categoría:Futbolistas gañadores da Liga de Campións da UEFA