Helenio Herrera Gavilán, nado en Buenos Aires o 10 de abril de 1910 e finado en Venecia o 9 de novembro de 1997, foi un futbolista e adestrador arxentino de ascendencia española e naturalizado francés. Considerado un dos mellores adestradores de todos os tempos, desenvolveu a súa carreira principalmente entre España (onde gañou catro ligas e dúas Copas do Rei) e Italia, país no que dirixiu durante case unha década ao Inter de Milán, na época do coñecido como Grande Inter, conquistando tres títulos da Serie A, dúas Copas de Europa consecutivas e dúas Copas Intercontinentais.

Tras unha modesta carreira como futbolista entre Marrocos e Francia, iniciouse nos bancos no país galo en 1944, e logrou o seu primeiro éxito ao ascender co Stade Français á primeira división francesa. En 1948 chegou a España e tras un ano no Valladolid pasou ao Atlético de Madrid, co que gañou dúas ligas consecutivas e a Copa Eva Duarte. A continuación pasou polo Málaga e o Deportivo da Coruña, sendo contratado pola directiva deste último para tentar salvar o equipo do descenso na fase de permanencia, obxectivo que conseguiu tras derrotar no derbi da última xornada ao Celta de Vigo en Balaídos.

Entre 1953 e 1957 adestrou o Sevilla, obtendo bos resultados na liga e disputando unha final de Copa. A continuación marchou a Portugal, onde adestrou ao Os Belenenses, para evitar unha sanción que recibira no Sevilla, e regresou a España en 1958, fichando polo FC Barcelona. No club catalán converteu ao coruñés Luis Suárez no eixo do equipo e gañou dúas ligas consecutivas, unha Copa do Xeneralísimo e dúas Copas de Feiras.

En 1960 comezou a súa etapa no Inter de Milán, que durou ata 1968. Alí pediu a fichaxe de Luis Suárez, e xa co centrocampista galego no equipo, e xunto a outros destacados futbolistas como Tarcisio Burgnich, Giacinto Facchetti, Armando Picchi, Mario Corso ou Sandro Mazzola, o Inter converteuse nun dos grandes dominadores do fútbol europeo e mundial da súa época, gañando dúas Copas de Europa seguidas nas tempadas 1963/64 e 1964/65 (contra Real Madrid e Benfica respectivamente), así como dúas Copas Intercontinentais e tres ligas, e de disputar unha terceira final da Copa de Europa na 1966/67, perdendo contra os Lisbon Lions do Celtic de Glasgow.

Paralelamente aos seus cargos de adestrador no Barcelona e no Inter, traballou tamén como adestrador nas seleccións de España e Italia, participando coa española no Mundial de 1962 en Chile. Tras deixar o Inter adestrou á Roma, coa que gañou unha Copa Italia, e posteriormente regresou brevemente ao banco do Inter e pasou dúas veces polo Rimini, tamén de xeito breve.

Alcumado "O Mago" ou "H.H.", polas súas iniciais, foi un innovador en moitos aspectos do xogo e dos adestramentos e un pioneiro no uso de habilidades de motivación psicolóxica. Popularizou o catenaccio, o sistema de xogo de corte defensivo co que triunfou no Inter de Milán, e que foi amplamente utilizado en Italia nas seguintes décadas, así como a figura do líbero.

Herrera foi o primeiro adestrador en levar os méritos das actuacións dos seus equipos, acumulando máis fama que os propios futbolistas e converténdose nunha estrela no mundo do fútbol. A súa fama procedía non só dos seus éxitos deportivos, senón tamén do seu carisma, o seu carácter e a súa relación coa prensa e con outras personalidades do fútbol, mantendo continuas polémicas e enchendo titulares nos xornais.

O seu estilo e tácticas influenciaron a numerosos adestradores posteriores, entre eles Juan Carlos Lorenzo, Antonio Durán ou Arsenio Iglesias.

Traxectoria

Orixe e primeiros anos Naceu en Buenos Aires, sendo fillo de emigrantes andaluces. O seu pai Francisco, alcumado "Paco o sevillano", era un carpinteiro de ideas anarquistas, mentres que a súa nai, María Gavilán Martínez, era limpadora. Ambos traballaban en Xibraltar e tras sufrir a morte dos seus tres fillos colleron o camiño da emigración cara á Arxentina. Alí naceu Helenio e alí viviron ata 1920, cando a familia abandonou o país suramericano e instalouse en Casablanca, que entón formaba parte do Marrocos francés. Na cidade marroquí comezou Helenio a súa carreira como futbolista ao tempo que traballaba en diferentes oficios e tamén para grandes empresas como Citröen e Saint-Gobain.

Como futbolista Xogaba como defensa central, e en 1932, despois de xogar no Racing de Casablanca, trasladouse á Francia continental para fichar polo CASG Paris. Antes do comezo da Segunda guerra mundial xogou no Stade Français, no FCO Charleville (onde foi convocado dúas veces para a selección francesa) e no Excelsior Roubaix. Durante a guerra, xogou no Red Star Paris, Stade Français, EF Paris-Capitale e Puteaux, comezando neste último a súa carreira nos bancos en 1944 como xogador-adestrador. Retirouse como futbolista en 1945.

Como adestrador

Comezos en Francia Despois da súa primeira experiencia como adestrador en Puteaux regresou en 1945 ao Stade Français, comezando a súa terceira etapa no club, a primeira como técnico. Permaneceu tres anos no equipo, ascendendo á Primeira División e obtendo dous quintos postos. Alí tivo ás súas ordes entre outros a Larbi Ben Barek e Marcel Domingo. En 1948 trasladouse a España, onde traballaría durante a seguinte década.

Real Valladolid O seu primeiro equipo español foi o Real Valladolid, que viña de ascender a Primeira co técnico Antonio Barrios. Con Herrera no banco o equipo de Valladolid mantívose durante boa parte da tempada pola parte media da táboa, ata que perdeu posicións na parte final da campaña, rematando cun só punto por riba dos postos de descenso. Xa nesa súa primeira tempada, as súas tácticas e estilo comezaron a gañar fama no fútbol español e foi elixido pola Federación Española para dirixir a nova Escola de Preparadores. Con todo, non se lle ofreceu o posto de seleccionador, e unhas declaracións súas queixándose disto, fixeron que a Federación acabase por prescindir dos seus servizos.

Atlético de Madrid A finais de abril de 1949 asinou como novo adestrador do Atlético de Madrid, club co que conseguiría nos anos seguintes os seus primeiros títulos, dirixindo a un cadro de xogadores entre os que destacaban os seus antigos pupilos no Stade Français Marcel Domingo e Ben Barek, así como Mújica, Silva, Juncosa, Escudero ou Carlsson. O equipo comezou mal a tempada 1949/50 e tras caer goleado por 6-0 en Mestalla rematou a primeira volta só dous postos por riba do descenso. Con todo, na segunda volta só perdeu un encontro e sumou varias goleadas, entre elas un 5-1 contra o Real Madrid e un 6-1 contra o Deportivo da Coruña, proclamándose campión de liga na última xornada, cun punto de vantaxe sobre o propio Deportivo, adestrado por Scopelli. Disputou tamén a Copa Latina, reforzado cos futbolistas Babot, Lesmes II, Olmedo e Pahiño, rematando no terceiro posto despois de perder contra o Girondins de Bordeos e derrotar á Lazio no estadio Jamor de Oeiras. esquerda|miniatura|Helenio Herrera dirixindo aos xogadores do Inter de Milán durante un adestramento. Na seguinte tempada e co mesmo bloque de xogadores, o Atlético mantivo un duelo co Sevilla, intercambiándose a primeira praza varias veces durante a liga, ata que finalmente se proclamou campión o equipo de Herrera, sumando o cuarto título de liga para o club. O equipo destacou pola súa habilidade goleadora, marcando ata en cinco xornadas 6 ou máis goles, incluído un 9-1 contra o Racing de Santander, e derrotou contundentemente ao seu máximo rival, o Real Madrid, tanto na ida (3-6), como na volta (4-0). Xogou a Copa Eva Duarte contra o Athletic de Bilbao, rematando o encontro con resultado de 5-5, polo que se disputou un partido de desempate, no que a vitoria foi para o club vasco. Ademais volveu quedar terceiro na Copa Latina, despois de perder contra o Milan e de gañar ao Sporting de Portugal no estadio Giuseppe Meazza.

Na tempada 1951/52 rematou cuarto na liga, pero sumou o seu terceiro título co Atlético, a Copa Eva Duarte, despois de vencer ao FC Barcelona por 2-0 en Chamartín. No seu cuarto ano en Madrid comezou a tempada con seis vitorias nas oito primeiras xornadas, pero a continuación apañou sete derrotas nas nove seguintes xornadas, polo que foi destituído en xaneiro de 1953.

Málaga Poucos días despois de ser cesado polo Atlético foi contratado polo CD Málaga, que ocupaba postos de descenso a Segunda, e ao que non puido salvar da perda de categoría a pesar da mellora no xogo do equipo. Durante a súa estancia en Málaga realizou unhas polémicas declaracións na radio, acusando ao Deportivo da Coruña de ter amañado o seu encontro fronte ao Oviedo, prexudicando así ao Málaga. As súas palabras provocaron unha grande indignación na Coruña e unha sanción por parte do Comité Nacional de Competición, que o suspendeu das súas funcións.

Deportivo da Coruña miniatura|Helenio Herrera rodeado de seareiros no banco do estadio de San Siro. A pesar do enfado que produciron na Coruña as súas declaracións e de que o presidente do Deportivo, Rafael Salgado, fixera presión para que a Federación o sancionase, só un mes despois foi contratado polo propio club coruñés para tentar evitar o descenso a Segunda. O Deportivo estaba disputando a promoción de permanencia nun grupo xunto a outros cinco equipos, e viña de destituír a Fernando Fariña despois de non gañar ningún dos dous primeiros partidos. O debut de Herrera á fronte do Deportivo deixou unha vitoria por 1–0 ante o Avilés, pero os seguintes compromisos, ante Hércules e Celta de Vigo, o segundo deles en Riazor, saldáronse con derrota. O Dépor era último ao final da primeira volta, pero a continuación conseguiu tres vitorias nos catro seguintes partidos, colocándose terceiro.

Disputou o derradeiro partido en Vigo, precisando un triunfo para manterse na categoría, ou un empate en caso de que o Tetuán non gañase. O partido xogouse o 12 de xullo de 1953, e Herrera despregou as súas artimañas para descentrar a un rival tan necesitado como o Deportivo. Os xogadores coruñeses cambiáronse sen présa, mentres o Celta xa agardaba no céspede de Balaídos, pese ao frío orballo que caía. O árbitro fixo soar varias veces o timbre do vestiario, pero Helenio Herrera ordenou tapalo cun pano para que soase menos. Finalmente o partido comezou con 20 minutos de atraso, e aos 19 minutos o Deportivo xa vencía por 0 a 2, tantos de Corcuera e Oswaldo. O Celta recortou distancias á media hora, pero antes do descanso, Arsenio logrou o 1 a 3 definitivo, que lle deu a permanencia ao Deportivo. Ao seu regreso á Coruña, Herrera foi levado a ombreiros polos afeccionados deportivistas.

Sevilla Tras salvar o Deportivo do descenso fichou polo Sevilla, onde dirixiu a mitos do club como Busto, Marcelo Campanal, Ramoní, Loren, Doménech, Arza ou Araujo. Estivo catro anos á fronte do club, revolucionando o seu estilo de xogo e pasando á historia como un dos mellores adestradores que pasaron polo equipo.

Nas súas tres primeiras tempadas obtivo un quinto e dous cuartos postos na liga, e conquistou a 9º edición do prestixioso Trofeo Teresa Herrera, así como as primeiras edicións do Ramón de Carranza. Na Copa do Xeneralísimo de 1955 acadou a final, despois de eliminar ao Valencia en cuartos de final e ao Real Madrid nas semifinais. Na final, disputada contra o Athletic Club en Chamartín, a vitoria foi para o equipo vasco, grazas a un solitario gol de Uribe. Na tempada 1956/57 Herrera levou ao equipo andaluz ao subcampionato de liga, e clasificouno por primeira vez para a Copa de Europa, aproveitando a condición de campión de liga e de Europa do Real Madrid.