A Prosopografía da Roma antiga, é unha aproximación aos estudos clásicos e á historia antiga que se centra nas conexións familiares, as alianzas políticas e as redes sociais na Roma antiga. A metodoloxía da prosopografía romana pasa por definir un grupo para o estudo —a miúdo escóllese o grupo social, chamado ordo en latín, dos senadores e equites— para despois recoller e analizar datos.

As fontes literarias proporcionan probas principalmente sobre a elite gobernante mentres que a epigrafía e a papiroloxía son fontes que tamén poden documentar a xente común, que foi estudada en grupos como os dos libertos imperiais, as familias de clase baixa ou con ocupacións específicas como as nodrizas (nutrices).

Estudosos da prosopografía histórica Entre os estudos alemáns, moitos dos artigos biográficos de Friedrich Münzer para a Realencyclopädie der Classischen Altertumswissenschaft adoptaron un enfoque prosopográfico. Matthias Gelzer, un dos fundadores da metodoloxía prosopográfica en relación coa Roma antiga, centrouse na institución social do mecenado e os seus efectos no sistema político romano.

Entre os principais estudosos do século XX que escribiron en inglés sobre a prosopografía da República Romana destacna T.R.S. Broughton, cuxos tres volumes The Magistrates of the Roman Republic son unha referencia estándar; Ronald Syme, cuxa Roman Revolution (1939) converteuse na base dos traballos posteriores dos estudosos sobre a República tardía e a transición ao Principado; T.P. Wiseman, que estudou en particular as carreiras e as liñas familiares dos romanos dos municipia, cidades fóra de Roma; E. Badian, particularmente o seu traballo de 1965 sobre o xuízo de Caio Norbano; Lily Ross Taylor; e Erich Gruen.

Outros estudosos, como P.A. Brunt, advertiron sobre unha dependencia excesiva da prosopografía, en particular a tendencia a ver os procesos xudiciais como "guerras por poderes" entre faccións políticas en lugar de como procesos xudiciais en busca de resultados xustos: ata inimigos acérrimos como Cicerón e Clodio Pulcro están rexistrados como testemuñas sobre o mesmo partido.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Prosopography of the Later Roman Empire Prosopographia Imperii Romani

Categoría:Roma antiga Categoría:Prosopografía