Dólar da Liberdade sentada (tipo 1) "1 Dollar "Seated Liberty" 1840-1866". Numista.com150x150px150x150pxA/: Figura sedente da Liberdade, con trece estrelas por riba, que representan as trece colonias orixinais. Nas súas mans, un pau da liberdade e un escudo coa inscrición LIBERTY. Data no exergo.R/: Aguia con setas e pólas de oliveira nas poutas. Lenda: UNITED STATES OF AMERICA. Valor facial no exergo: ONE DOL. Valor: 1 dólar. Gravador: Christian Gobrecht. Data do deseño: 1840. Datas de emisión: 1840-1866. Ceca: US Mint (cecas de Filadelfia, Denver e San Francisco). Aliaxe: prata (90 %) e cobre (10 %). Diámetro: 38,1 mm. Peso: 26,73 g. Espesor: 2,8 mm. Canto: estriado.
O dólar da Liberdade sentada (en inglés: Seated Liberty dollar) foi unha moeda dun dólar de prata cuñada pola Casa da Moeda dos Estados Unidos entre 1840 e 1873, deseñada polo seu gravador xefe, Christian Gobrecht.
Foi a derradeira moeda de prata deste valor cuñada antes da aprobación da Lei da Moeda de 1873, que supuxo unha interrupción temporal da emisión do dólar de prata.
O anverso desta moeda baséase no do anterior "dólar Gobrecht", ao que substitúe, cuñado de xeito experimental entre 1836 e 1839. No reverso, no entanto, non se utilizou a aguia do dólar Gobrecht, senón que no canto dela a US Mint utilizou unha aguia heráldica baseada nun antigo deseño do que fora gravador da ceca, John Reich, utilizado por vez primeira en moedas de 1807.
Inicialmente os dólares da Liberdade sentada producíronse na Ceca de Filadelfia, e en 1846 a cuñaxe estendeuse á Ceca de Nova Orleáns. A finais da década de 1840 o prezo da prata aumentou en relación ao do ouro por mor do incremento da oferta deste último provocado pola febre do ouro de California. Isto levou ao acaparamento, á exportación e á fundición de moedas dun dólar de prata.
A Lei da Moeda de 1853 reduciu o peso de todas as moedas de prata, a partir da de cinco centavos, coa excepción da dun dólar, mais tamén esixiu un pagamento complementario ás persoas que quixesen que a súa prata fose convertida en moedas dun dólar na casa de moeda. Dado que nesa época non abundaban os depositantes de prata na ceca, a produción seguiu a ser moi baixa. Nos derradeiros anos da serie, no entanto, produciuse máis cantidade de prata nos Estados Unidos, co conseguinte aumento das cuñaxes.
En 1866 introduciuse a inscrición IN GOD WE TRUST no reverso do dólar da Liberdade sentada, dado que a principios desa década se fixera preceptiva a inclusión deste lema nacional en toda a moeda do país.
A produción do dólar da Liberdade sentada detívose logo da aprobación da Lei da Moeda de 1873, que autorizou a emisión do dólar de comercio para o seu uso no comercio exterior. Finalmente, coa aprobación da Lei Bland-Allison en 1878, a produción do dólar de prata retomouse, mais xa cun novo modelo, que se coñeceu como "dólar Morgan".
Antecedentes A Lei da Moeda de 1792 determinou que tanto a prata como o ouro terían curso legal e especificaba os pesos que, en cada un destes metais, equivalían a un dólar como unidade monetaria.Coin World Almanac (1977). Páxina 247. A Casa da Moeda dos Estados Unidos cuñaba o ouro e a prata unicamente cando os depositantes lle proporcionaban ese metal, que logo se lles devolvía convertido en moeda.Lange, D. W. (2006). Páxina 37. A flutuación dos prezos dos produtos básicos no mercado significaba que calquera dos dous metais podía estar sobrevalorado con respecto ao outro, o que levaba a poboación ao seu acaparamento ou á súa fundición, e nas décadas posteriores a 1792 eran adoito as moedas de prata as que corrían esa sorte.
En 1806, o presidente Thomas Jefferson ordenou oficialmente que se detivese a produción de moedas dun dólar de prata, aínda que de facto xa estaba paralizada desde 1804. Isto levouse a cabo, en parte, para evitar que as moedas fosen exportadas ao estranxeiro para a súa fundición, o que suporía unha carga para a incipiente Casa da Moeda, a cambio de escasos beneficios.Julian, R. W. (1993). Páxina 431. Durante o seguinte cuarto de século, a moeda de prata que se cuñaba normalmente para os depositantes de metal era a de medio dólar.Taxay, Don (1983) . Páxinas 125-126. En 1831, o daquela director da US Mint, Samuel Moore, solicitoulle ao presidente Andrew Jackson que levantase a restrición contra a cuñaxe de moedas dun dólar, e o presidente accedeu en abril dese mesmo ano. Malia a aprobación para retomar a cuñaxe destas moedas, non se cuñou ningún novo dólar ata 1836.Julian, R. W. (1993). Páxina 495.
A Casa da Moeda atravesou unha serie de cambios importantes na década de 1830, á medida que se ían adoptando novas tecnoloxías. En 1828, a ceca, cuxa autorización estivera ata aquel momento suxeita a renovacións periódicas por parte do Congreso desde a súa creación en 1792, recibiu un status xa permanente.Lange, D. W. (2006). Páxina 41. O Congreso autorizou a construción dun novo edificio para a ceca en Filadelfia, que se inaugurou en 1832,Taxay, Don (1983) . Páxinas 145, 149. e tamén axustou o contido do metal precioso das moedas estadounidenses coa Lei da Moeda de 1834 e logo en 1837, co que logrou un equilibrio para que estas moedas puidesen coexistir na circulación xunto con outras moedas estranxeiras —principalmente moeda colonial española—. En 1836 introduciuse a primeira máquina de vapor na Casa da Moeda dos EEUU,Lange, D. W. (2006). Páxinas 41-43. e en 1835 o Congreso autorizou a creación dunha serie de cecas sucursais da US Mint en Xeorxia —Ceca de Dahlonega—, en Carolina do Norte —Ceca de Charlotte— e en Luisiana —Ceca de Nova Orleáns". As cecas de Charlotte e de Dahlonega só cuñaron ouro, para atender as necesidades dos mineiros do Sur, que lle subministraban ese metal, en tanto que a de Nova Orleáns tamén cuñou moedas de prata, entre elas, o "dólar da Liberdade sentada".Coin World Almanac (1977). Páxinas 200-202.Yeoman, R. S. (2013). Páxina 222.
O dólar Gobrecht
miniatura|290x290px|O "dólar Gobrecht", sen as estrelas do anverso e coa aguia voadora como motivo central do reverso. A mediados de 1835, o novo director da Casa da Moeda dos Estados Unidos encargoulles aos artistas Titian Peale e Thomas Sully a creación de novos deseños para as moedas do país.Julian, R. W. (1993). Páxina 496. O 1 de agosto de 1835, Patterson propúxolle a Sully que crease un deseño para o anverso consistente na representación da Liberdade sentada nun penedo, sostendo na man dereita un "pau da liberdade" rematado nun pileus, o toucado que os romanos lles daban aos escravos emancipados. Tamén lle propuxo a creación dun deseño para o reverso consistente nunha "aguia erguendo o voo no medio dunha constelación irregularmente esparexida de vinte e catro estrelas". Patterson pediu que a ave tivese un aspecto natural e criticou os deseños que se usaban daquela nas moedas do país, por seren pouco naturais, principalmente polo escudo que adoitaba poñerse no peito das aguias.
O gravador xefe da Casa da Moeda dos EEUU, William Kneass, preparou un esbozo concibido consonte as indicacións de Patterson, mais sufriu un ataque de apoplexía que o deixou parcialmente paralizado.Taxay, Don (1983) . Páxina 171. Máis tarde, en 1835, contratouse a Christian Gobrecht como debuxante e gravador de cuños na Casa da Moeda, como axudante de Kneass;Coin World Almanac (1977). Páxina 211. aínda que nominalmente era un subordinado seu, Gobrecht realizou realmente unha gran parte do traballo para a Casa da Moeda ata o falecemento de Kneass en 1840, cando foi nomeado formalmente como novo gravador xefe.Lange, D. W. (2006). Páxina 46.
Sully preparou os esbozos para a obra, que Gobrecht utilizou como guía para gravar as pranchas, que logo foron aprobadas polos funcionarios encargados do Goberno e, a partir de aí creáronse os primeiros cuños e cuñáronse as primeiras moedas de proba.Julian, R. W. (1993). Páxina 498. O deseño non estivo exento de polémica; o antigo director da ceca, Samuel Moore, desaprobara o uso do pileus. Citando o expresidente Thomas Jefferson, Moore escribiulle ao secretario do Tesouro, Levi Woodbury, para lle dicir: "non somos escravos emancipados".
Logo dunha serie de probas e modificacións ao longo de 1836, en decembro dese ano cuñouse o primeiro dos que se coñecerían como dólares Gobrecht, cunha lei de 892 milésimas de prata,Julian, R. W. (1993). Páxina 504. unha especificación determinada pola Lei da Moeda de 1792.Peters, R. ed. (1845). Páxinas 246-251. A nova Lei da Moeda do 18 de xaneiro de 1837 cambiou a lei da prata das moedas estadounidenses a 900 milésimas, e os dólares Gobrecht adoptaron ese novo padrón. A partir de 1837 utilizouse unha variante do anverso deste dólar, que representaba a liberdade sentada, nas moedas de prata de valor inferior ao dólar; excepto na moeda de cinco centavos, suprimida en 1873, este deseño permaneceu nestas moedas durante máis de 50 anos.Yeoman, R. S. (2013). Páxinas 139-142, 147-151, 163-167, 195-200.Vermeule, C. (1971). Páxina 47.
A cuñaxe do dólar Gobrecht mantívose, con tiraxes pequenas, ata 1839, cando cesou definitivamente a súa produción.Julian, R. W. (1993). Páxina 505. As moedas emitíranse a modo de proba para comprobar o seu grao de aceptación pola poboación.Julian, R. W. (1993). Páxina 535.
A casa da Moeda adquiriu en 1837 uns novos equipamentos para o gravado de retratos, o que lle permitiu a Gobrecht traballar con modelos de gran tamaño para súas posteriores versións da moeda dun dólar de prata. Este equipamento, similar a un pantógrafo, reducía mecanicamente o deseño do modelo a un cubo de aceiro no que posteriormente se podía producir o cuño, operación que anteriormente cumpría facer á man.Taxay, Don (1983) . Páxina 150.
Produción
Deseño miniatura|O gravador xefe da US Mint, Christian Gobrecht, creador do dólar da Liberdade sentada. Antes da produción dunha nova moeda dun dólar en 1840, Patterson revisou o modelo que ata entón estaba en uso e optou por substituír a aguia en voo do reverso deseñada por Gobrecht por unha aguia calva ollando á esquerda, baseada nun deseño dun antigo gravador da casa da moeda, John Reich, un deseño que xa se utilizara por vez primeira en moedas de prata e de ouro en 1807.Yeoman, R. S. (2013). Páxinas 185, 234. Canto ás causas deste cambio, co que se acadou un reverso común coas moedas de medio dólar e dun cuarto de dólar, o historiador numismático Walter Breen especula con que tería sido un funcionario do Tesouro o que se decantara polo deseño de Reich.Breen, W. (1988). Páxina 436.
O anverso do dólar Gobrecht tiña un relevo alto, pero os funcionarios da Casa da Moeda dos EEUU consideraron que este debería rebaixarse algo para a nova moeda, que se produciría xa en cantidades moi superiores. O director Patterson contratou a Robert Ball Hughes, un artista de Filadelfia, para estas lixeiras modificacións do deseño. Como parte destes cambios, ampliouse tamén o tamaño da cabeza da Liberdade, engrosouse o pano e reduciuse o relevo xeral, ademais do engadido das trece estrelas.Yeoman, R. S. (2013). Páxina 217. No anterior "dólar Gobrecht", co seu maior relevo, a representación da Liberdade semella unha estatua nun zócolo, en tanto que no "dólar da liberdade sentada" aparece como máis plana, semellando máis ben un gravado.
O historiador da arte Cornelius Vermeule vinculou o aspecto do anverso co Neoclasicismo, salientando as semellanzas da Liberdade de Gobrecht coas antigas estatuas romanas de mármore. A escola neoclásica era popular nos Estados Unidos na primeira metade do século XIX e non só nos artistas oficiais; Vermeule indicou que "resulta case dolorosamente evidente que consultaron fontes tanto os gravadores das moedas dos Estados Unidos como os cortadores de lápidas desde Maine ata Illinois".Vermeule, C. (1971). Páxinas 47-48.