Vicente Vázquez Diéguez, nado en Verín en 1942, é un pintor e escritor galego.
Traxectoria Nado en Verín, xa de neno foi para Pontevedra e despois para Madrid estudar Belas Artes. Alí coñece a Raimundo Patiño e María Cremaes. Foi membro fundador do grupo A Gadaña, introdutor do informalismo en Galicia, impulsor de Estampa Popular Galega, autor de ducias de deseños para diversas iniciativas bibliográficas e culturais. A súa traxectoria comezou en Madrid á volta de 1960 e decorreu parella a un firme compromiso co país e coa cultura galega, desde os tempos de Brais Pinto, do Seminario de Cultura Galega e do Club de Amigos da UNESCO. Estivo moi relacionado con Laxeiro, a quen acompañou na súa volta a España en 1968.
Foi o autor de portadas de libros como Nin vexo Vigo nin Cangas de Bernardino Graña, Seraogna de Alfonso Pexegueiro ou O estatuto galego de Xosé Vilas Nogueira e tamén editor de proxectos como Rueiro ou Xistral. Foi militante nacionalista desde os tempos da UPG e a ANPG.
Chegou a ter un dos obradoiros de gravado máis importantes de Galicia.
Aparece nos catálogos das exposicións Arte Joven de Galicia 1973 (A Coruña), VI Exposición al Aire Libre en la Plaza de la Princesa (Vigo, 1973), Plástica Gallega: Séptimo ciclo. Pintura, Dibujo y Grabado (Vigo, 1980), Plástica gallega (1981), I Premio de Arte Fundación Araguaney (Santiago, 1985), XXI Bienal de Arte Pontevedra'90 (Pontevedra, 1990), Catálogo da colección da arte galega do Museo "Quiñones de León" (Vigo, 1991), Arte en Pontevedra II (Pontevedra, 2002), Artistas con Unicef (Santiago, 2003).
En 1968 publicou As ponlas baixas, novela que se pode inserir (aínda que tardiamente) na Nova narrativa galega. Despois escribiu Nidiamente nos lindeiros. (inédita).
Obra literaria As ponlas baixas (1968). Vigo: Galaxia, Col. Illa Nova. Prólogo de Reimundo Patiño. Ilustracións do autor. 102 páxs.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Nados en Verín Categoría:Nados en 1942 Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Pintores de Galicia do século XX