Antonio García Noriega, nado na Coruña o 23 de febreiro de 1910 e finado na mesma cidade o 27 de abril de 1933, foi un futbolista galego, que xogaba de defensa.
Traxectoria Naceu na Coruña o 23 de febreiro de 1910. Os seus pais, Eugenio García e Marina Noriega, rexentaban un establecemento na rúa da Atocha Baixa.
Comezou a xogar ao fútbol no equipo infantil do Deportivo da Coruña, na tempada 1926/27, e debutou co primeiro equipo o 17 de marzo de 1929, nun partido amigable contra o Eiriña no antigo campo de Riazor que acabou con goleada para o equipo coruñés por 7-0 e no que foi un dos xogadores máis destacados. Un mes despois debutou na Segunda División, que celebraba a súa edición inaugural, nunha vitoria por 5-2 sobre o Racing de Madrid. Disputou un total de catro partidos na categoría de prata durante esa campaña e a seguinte, e competiu tamén no Campionato de Galicia.
En 1931 fichou polo Club Coruña, no que xogou ata a súa morte dous anos despois. Mentres realizaba o servizo militar xogou tamén cun equipo de militares, co que se enfrontou varias veces ao Deportivo da Coruña. Posteriormente traballou no Banco de La Coruña.
O 27 de abril de 1933, con só 23 anos, faleceu na súa casa da rúa Panadeiras, onde vivía coa súa muller Consuelo Varela Paz, coa que casara catro anos antes, e cos seus dous fillos, Antonio e María Estrella. Aínda que nun principio a prensa falou de suicidio, a posterior investigación concluíu que se tratou dunha morte accidental.
Notas
Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1910 Categoría:Finados en 1933 Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Club Coruña