Singapore Airlines (SIA) é a aeroliña nacional de Singapur co seu centro de conexións no aeroporto de Singapur Changi. A compañía destaca polo uso da Singapore Girl como a figura central do branding corporativo. Foi elixida mellor aeroliña do mundo por Skytrax catro veces e foi número 1 nas clasificacións de mellores aeroliñas de Travel & Leisure durante máis de 20 anos.
Singapore Airlines ten varias empresas filiais relacionadas coas aeroliñas. SIA Engineering Company encárgase do mantemento, reparación e revisión e traballa en nove países, cun portfolio de 27 proxectos conxuntos, incluídos traballos con Boeing e Rolls-Royce. Singapore Airlines Cargo opera a frota de carga de SIA e encárgase da xestión das bodegas de carga nos avións de pasaxeiros. A compañía ten tamén dúas subsidiarias: SilkAir opera voos rexionais a cidades secundarias, mentres que Scoot opera como unha aeroliña de baixo custo.
Singapore Airlines foi o cliente de lanzamento do Airbus A380, o avión de pasaxeiros mía grande do mundo, ademais do Boeing 787-10 e da versión de ultra-longo alcance do Airbus A350-900. Atópase entre as 15 primeiras aeroliñas do mundo en termos de ingresos por pasaxeiro e quilómetro, e é a décima en pasaxeiros internacionais transportados. Singapore Airlines foi votada como a aeroliña coas mellores tripulacións de cabina por Skytrax en 2021. A aeroliña tamén gañou os postos segundo e cuarto entre as mellores aeroliñas do mundo e as máis limpas respectivamente.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Páxina da aeroliña
Categoría:Aeroliñas nacionais Categoría:Star Alliance