Caridina multidentata, coñecida cos nomes de camarón de Amano, camarón do Xapón ou camarón do Yamato,A Chave (2020): Os nomes galegos dos crustáceos. Xinzo de Limia (Ourense): A Chave Consultado o 27 de xuño de 2022. é unha especie de camarón de auga doce orixinaria do río Yamato (Xapón) que habita tamén nalgunhas áreas de Corea e Taiwán, sen que estea claro se é nativa nestas últimas localizacións ou foi introducida. Vive en «enxames» de decenas ou centenas de exemplares. Ten corpo translúcido, cuberto lateralmente con puntos marróns avermellados de ± 0.3 mm, que asemellan facer unha liña crebada de cor avermellada. A superficie dorsal presenta unha raia branca que vai da cabeza á cola. Os ollos son de cor negra. As femias distínguense facilmente dos machos por unha fila máis baixa e alongada de puntos ao longo do corpo.

Caridina multidentata chegou ao mundo da acuariofilia a comezos da década de 1980, introducida polo acuariofilista xaponés Takashi Amano. Úsanse en acuariofilia como limpadores debido á súa alimentación a base de algas.

Caridina multidentata coñeceuse anteriormente entre os acuaristas como Caridina japonica, rebautizándose como Caridina multidentata por mor dun estudo de 2006.

Pódese distinguir o sexo das pequenas Caridinas de forma sinxela xa que as femias miden aproximadamente o dobre que os machos que non superan os 3 cm. O abdome das femias tamén é moito máis avultado. Ademais as fileiras de puntos que percorren o seu corpo nas femias tenden a xuntarse formando liñas descontinuas.

Reprodución Caridina multidentata vive tanto en pantanos como en correntes de auga doce. As femias indican a súa disposición para aparearse mediante a liberación de feromonas, cuxo rastro seguen os machos para atopalas. Unha vez que os ovos fertilizados son liberados, chegan a augas mariñas ou salobres nas que ten lugar o desenvolvemento das larvas. En catividade, no entanto, rexistráronse casos de reprodución en auga doce.

Cando os camaróns novos se metamorfosean na última etapa larval, e son semellantes a pequenos camaróns adultos, retornan á auga doce, onde transcorre o resto do seu ciclo vital.

Notas

Véxase tamén

Categoría:Animais descritos en 1860 Categoría:Decápodos