José Luis Ponce Alcázar, coñecido simplemente como Ponce, nado en Murcia o 27 de agosto de 1942 e finado o 15 de decembro de 2021, foi un futbolista español, que xogaba como dianteiro e lateral dereito.

Traxectoria

Como futbolista Nacido no barrio murciano de Zeneta, formouse como futbolista no Murcia. Descartado polo club trala súa etapa xuvenil, xogou co Águilas na Terceira División. En 1961 fichou polo Ourense, da Segunda División, por petición do adestrador Molinuevo, que vía nel un prometedor dianteiro centro. Con todo, pouco despois da súa chegada sufriu unha lesión nun xeonllo, polo que o club contratou como o seu substituto a Abel, cuxo gran rendemento fixo que fose titular en cae tódolos partidos da tempada, na que o Ourense acabou terceiro. Ponce disputou só 2 partidos esa tempada e 9 na seguinte, marcando un gol ante o Atlético Baleares.

Na tempada 1963/64 xogou no Albacete, antes de fichar polo Constància de Inca para a tempada 1964/65 da Segunda División. No club balear foi reconvertido a lateral dereito e fíxose coa titularidade dende o primeiro momento, disputou un total de 61 partidos oficiais en dous anos e logrou nos dous casos a salvación en senllas fases de permanencia, ante Béjar Industrial e Eibar respectivamente. O seu bo rendemento na illa fixo que se fixase nel o Elche, que pagou 800.000 pesetas pola súa fichaxe.

Na tempada 1966/67 debutou na Primeira División, disputando 25 partidos e obtendo o noveno posto final, con Otto Bumbel como adestrador. Ese mesmo ano o equipo ilicitano chegou ás semifinais da Copa do Xeneralísimo. Na tempada seguinte, na que pasaron polo banco Alfredo Di Stéfano e Ferdinand Daučík, a súa participación reduciuse a só 8 encontros, acabando o equipo 11º.

En 1968 trasladouse ao Canadá para xogar nos Toronto Falcons, cos que participou na primeira edición da NASL, obtendo o terceiro posto na División dos Lagos. No equipo canadense tivo como adestrador a László Kubala e como compañeiros a Branko Kubala e Yanko Daučík entre outros. De regreso a España, na tempada 1968/69 xogou no Córdoba, co que descendeu a Segunda División, tendo de novo como técnico a Kubala. Xogou no club andaluz ata 1970, cando fichou polo Calvo Sotelo, da Segunda División, onde viviu un novo descenso.

En 1971 regresou ao Murcia, club no que se formara pero co que nunca chegara a xogar no primeiro equipo. Militou nel durante tres tempadas, logrando dous ascensos consecutivos dende a Terceira ata a Primeira División.

Atracos a bancos Na súa etapa no Murcia caeu no mundo das drogas, e a pesar dos seus bos números, o club decidiu non renovar o seu contrato. O seu representante conseguiulle entón a oportunidade de fichar polo Olympique de Marseille, pero as noticias do seu estilo de vida chegaron ao club francés e a oferta foi retirada. Despediu en Marsella ao seu representante e volveu a España en coche xunto á súa parella Purita. Pararon en Andorra, onde mercaron un revólver e unha escopeta, cos que levaron a cabo un atraco ao Banco Ibérico de Murcia o 7 de outubro de 1974, roubando máis dun millón de pesetas. Dous meses e medio despois realizou un novo atraco, desta vez na Caixa Rural de Orihuela.

Con todo, o segundo atraco non lle saíu tan ben como o primeiro. A resistencia dos empregados causoulle feridas na cara e cando foi queimar o coche foi identificado por varios nenos. Uns días despois foi detido en Murcia e ingresou en prisión. Cumpriu seis anos de condena no cárcere de Carabanchel e tras recuperar a súa liberdade traballou como representante de futbolistas.

Faleceu o 15 de decembro de 2021, aos 79 anos de idade.

Palmarés Murcia Segunda División (1): 1972/73. Terceira División (1): 1971/72.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Datos do xogador na NASL .

Categoría:Nados en Murcia Categoría:Nados en 1942 Categoría:Finados en 2021 Categoría:Futbolistas da Rexión de Murcia Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Águilas CF Categoría:Xogadores do CD Ourense Categoría:Xogadores do Albacete Balompié Categoría:Xogadores do Club Esportiu Constància d'Inca Categoría:Xogadores do Elche CF Categoría:Xogadores do Córdoba CF Categoría:Xogadores do CD Puertollano Categoría:Xogadores do Real Murcia