Shiram Diana Atamaint Wamputsar, nada en Sucúa o 12 de maio de 1972, é unha política ecuatoriana e a primeira integrante do pobo shuar en ser lexisladora. É presidenta do Consello Nacional Electoral dende novembro de 2018.
Traxectoria Naceu o 12 de maio de 1972 en Sucúa, provincia de Morona Santiago. Realizou os seus estudos secundarios no Colexio Río Upano e os superiores na Universidade de Cuenca, onde obtivo o título de enxeñeira comercial. Posteriormente realizou unha mestría en políticas públicas na Facultade Latinoamericana de Ciencias Sociais.
Aos 26 anos foi nomeada técnica do Proxecto de Desenvolvemento dos Pobos Indíxenas e Negros de Ecuador, desenvolvido polo Banco Mundial. O seu cargo permitiulle visitar diversas comunidades da Amazonía ecuatoriana e atender as súas necesidades, con varios grupos pedíndolle que actuase como a súa representante.
Entrou na política en 2005 como deputada alterna de Sandra Palacios. Nas eleccións lexislativas de 2006 foi elixida deputada nacional en representación de Morona Santiago polo Movemento de Unidade Plurinacional Pachakutik, converténdose na primeira lexisladora do pobo shuar. Durante o seu tempo no Congreso utilizou en varias ocasións (incluíndo na súa posesión como deputada) traxes tradicionais da comunidade shuar.
En novembro de 2007 foi cesada do seu cargo xunto ao resto de deputados pola Asemblea Constituínte de 2007.
En 2009, foi nomeada subsecretaria da Amazonía do ministerio de agricultura, mais renunciou ao cargo para participar como candidata a asembleísta nas eleccións lexislativas do mesmo ano. Nas mesmas gañou un escano en representación de Morona Santiago por Pachakutik.
Durante as protestas da comunidade shuar a finais de 2009 participou como representante dos manifestantes nos diálogos co Goberno central.
En xuño de 2012 a ministra de ambiente, Marcela Aguiñaga, demandou a Atamaint por inxurias calumniosas logo de que a asembleísta afirmase nunha entrevista que a ministra realizou supostos desvíos de fondos públicos a contas de amigos. A Corte Nacional de Xustiza solicitou á Asemblea o levantamento da inmunidade parlamentaria de Atamaint, mais esta rexeitou a petición. A moción para negar o pedido foi presentada por Paco Moncayo e obtivo 66 votos a prol, 36 en contra e 11 abstencións.
O 2 de agosto de 2018 foi nomeada vicepresidenta encargada do Consello Nacional Electoral logo de tomar posesión como voceira do organismo polo Consello de Participación Cidadá e Control Social. Finalmente tomou cargo como presidenta do mesmo organismo cando se definiu o conxunto de conselleiros final.
Notas
Categoría:Nados en 1972 Categoría:Políticos de Pachakutik