Aneby é un municipio sueco (kommun) do condado de Jönköping. A súa capital é Aneby. En decembro do ano 2024 o concello tiña unha poboación de 6 797 habitantes.

O municipio está formado por vales que se entrecruzan con elevacións medias, a meirande parte delas cubertas por bosques de coníferas. As condicións xeográficas afectaron á economía do municipio, sendo dominante a industria da madeira aínda a que a súa importancia diminuíu.

A poboación medrou ata a metade dos anos 90 do século pasado, cando a tendencia se inverteu. Porén, a mediados da década de 2010 volveu subir o número de habitantes do municipio.

Historia administrativa A área do concello correspóndese coa das parroquias de Askeryd, Bredestad, Bälaryd, Frinnaryd, Haurida, Lommaryd, Marbäck e Vireda. Coa reforma municipal de 1862 formáronse nesas parroquias concellos rurais co mesmo nome.

Na zona atopábase tamén a localidade municipal de Aneby, establecida o 24 de novembro de 1923 e disolta a finais de 1966.

Coa reforma municipal de 1952 creáronse dous grandes concellos na zona: Bredestad (a partir dos anteriores concellos rurais de Askeryd, Bredestad, Bälaryd, Frinnaryd e Marbäck), e Hullaryd (a partir dos de Haurida, Lommaryd e Vireda).

En 1967 creouse o concello rural de Aneby a partir dos municipios de Bredestad e Hullaryd. O actual concello de Aneby naceu coa reforma municipal de 1971 pola reorganización co concello rural de Aneby.

Xeografía O concello de Aneby atópase no nordés do condado de Jönköping. Ao norte limita co municipio de Tranås, ao oeste co de Jönköping, ao sur co de Nässjö, e ao sueste co de Eksjö, todos eles no condado de Jönköping. Ao leste fai fronteira co concello de Ydre, no condado de Östergötland.

Hidrografía e topografía A paisaxe está formada por vales que se cruzan con alturas intermedias, algunhas en forma de longos drumlins. O fondo dos vales atópase a uns 200 metros sobre o nivel do mar e as alturas alcanzan os 300 metros, sendo nalgúns casos máis altas. O río Svartån flúe dende o sur ata o norte a través dunha das liñas de fractura e entre os lagos Anebysjön e Ralången pasa a fervenza Stalpet, de 19 metros de altura. A meirande parte da paisaxe está cuberta de bosque, especialmente de coníferas. As terras de cultivo atópanse nas zonas altas onde a terra é de gran máis fino e o risco de xeadas é menor. Alí atópanse as granxas soas ou en fila unha tras outra. A terra cultivable está máis preto da súa granxa correspondente, mentres que os pastos e o bosque están máis abaixo na ladeira.

Conservación da natureza No ano 2022 había seis reservas naturais no concello de Aneby. O lago Ören está clasificado como unha área Natura 2000 e na súa ribeira occidental atópase a reserva natural de Björkenäs. A zona é rica en carballos e ten unha variada paisaxe agrícola. Existen moitas árbores vellas e nodosas. O bosque caducifolio de Degla está situado xunto ao lago Noen e consta de bosque caducifolio, bosque pantanoso caducifolio e zona húmida. Na reserva natural prosperan moitas especies de paxaros e doutros animais. Nos anos 60 fundouse o que hoxe é unha das reservas máis pequenas e antigas do condado, Vållingsön. Situada no lago Ören é unha illa importante como punto de nidificación para especies de paxaros como movellas árticas, mergullóns cristados, biluricos bailóns, carráns comúns e aguias peixeiras. As outras reservas son Hyllingen, Nynäs e Åsen.

Divisións administrativas Ata o ano 2016 para cuestións de informes de poboación o concello de Aneby vestaba dividido en cinco congregacións: Aneby, Askeryd, Frinnaryd, Haurida-Vireda e Lommaryd.

A partir de 2016 o municipio está dividido no seu lugar en oito distritos que se corresponden coas antigas parroquias: Askeryd, Bredestad, Bälaryd, Frinnaryd, Haurida, Lommaryd, Marbäck e Vireda.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Páxina oficial do concello

Categoría:Concellos de Suecia Categoría:Condado de Jönköping