Haparanda é un municipio sueco (kommun) do condado de Norrbotten. O concello está no landskap de Norrbotten e a súa capital é Haparanda. No ano 2024 o concello tiña unha poboación de 9 151 habitantes.

O sector servizos domina a economía local que tradicionalmente dependeu fortemente do comercio fronteirizo con Finlandia.

Dende a fundación do municipio no ano 1971 e ata 1995 a súa poboación medrou, e dende entón o número de habitantes diminúe. Tras as eleccións de 2018 os socialdemócratas tiveron que ceder o poder en favor dun goberno conservador.

Historia administrativa A área do concello correspóndese coa das parroquias de Karl Gustav e Nedertorneå. Nesas dúas parroquias creáronse concellos rurais co mesmo nome coa reforma municipal de 1862. A zona tamén incluía a cidade de Haparanda, fundada en 1842, e que se converteu nun municipio urbano en 1863.

A reforma municipal de 1952 non tocou as divisións da zona, xa que non afectou aos condados de Västerbotten e Norrbotten.

En 1969 os concellos rurais de Nedertorneå e Karl Gustav pasaron a formar parte da cidade de Haparanda. O actual concello de Haparanda naceu coa reforma municipal de 1971 a través da transformación da cidade de Haparanda.

Xeografía O municipio de Haparanda atópase na fronteira con Finlandia e o núcleo urbano de Haparanda está na desembocadura do río Torne no golfo de Botnia. Ao norte Haparanda limita co concello de Övertorneå e ao oeste co de Kalix, ámbolos dous suecos, mentres que ao leste limita co concello finés de Tornio.

Topografía e hidrografía Por regra xeral, o os lagos e cursos de auga do concello teñen unha dirección que vai do noroeste cara o sueste, o que pode atribuírse a fisuras do leito rochoso. Nas partes orientais do municipio o substrato está formada por rochas ígneas básicas, que proporcionan un solo nutritivo. Ao redor das zonas costeiras e das illas do arquipélago, a área quedou inundada polas ondas relacionadas co levantamento do terreo, o que provocou formacións rochosas lavadas en frío, zonas con terrapléns de cantos rolados e antigas baías que se encheron de sedimentos.

O terreo ondulado deu lugar a comunidades vexetais con abundancia de especies, os chamados bloques de prados de praia (blockstrandängar). Nas illas de Sandskär e Seskar-Furö atópanse campos con dunas de area ben desenvolvidas. O río Torne é unha das zonas máis valiosas do municipio e é un dos catro últimos ríos sen explotar do país. A paisaxe vese afectada polo rápido fluxo de xeo asociado ao desxeo da primavera. O clima cálido do verán no val do río ofrece oportunidades para o cultivo, mentres que a zona está chea de especies do norte.

Notas

Categoría:Concellos de Suecia Categoría:Condado de Norrbotten