Finspång é un concello sueco (kommun) do condado de Östergötland. A súa capital é a localidade de Finspång.
En Risinge, Doverstorp e na área de Hällestad atópanse as áreas de cultivo do concello. Nas áreas de Hällestad e Risinge hai xacementos de mineral de ferro, e en Kattala, entre outros lugares, tamén se extraeu pedra calcaria. O traballo do ferro caracterizou a economía local dende mediados do século XVI, pero a principios dos anos 2020 o principal empregador era Siemens.
A tendencia da poboación foi negativa ata o ano 2010, cando a curva comezou a subir. En decembro de 2024 vivían en Finspång 21 623 persoas.
Historia administrativa A área do concello correspóndese coa das parroquias de Hällestad, Regna, Risinge e Skedevi. Nestas fundáronse concellos rurais co mesmo nome durante a reforma municipal de 1862.
O köping de Finspång fundouse en 1942 a través da reorganización do municipio rural de Risinge.
Coa reforma municipal de 1952 fundouse o gran concello de Hävla (a partir dos concellos rurais de Regna e Skedevi) mentres que o concello de Hällestad e o köping de Finspång non se viron afectados.
O concello de Finspång fundouse coa reforma municipal de 1971 a partir do köping de Finspång e dos municipios rurais de Hävla e Hällestad.
Dende o seu nacemento o concello pertence ao partido xudicial de Norrköping.
Xeografía O concello é o máis setentrional do landskap de Östergötland e ten unha pequena parte, ao noroeste de Igelfors, no landskap de Närke. Limita cos concellos de Norrköping, Motala e Linköping no condado de Östergötland, cos de Hallsberg e Örebro no condado de Örebro, e cos de Vingåker e Katrineholm no condado de Södermanland.
Notas
Categoría:Concellos de Suecia Categoría:Condado de Östergötland