Fernando Torcal Cabadas, nado en Madrid o 16 de febreiro de 1940 e finado en Cesena o 15 de febreiro de 2000, foi un representante e promotor de fútbol español. Actuou como intermediario en fichaxes de destacados futbolistas da súa época e foi o principal artífice do éxito dos torneos amigables de verán en España, levando a organización de case todos eles, como o Teresa Herrera, o Ramón de Carranza ou o Joan Gamper.
Traxectoria Comezou a traballar como administrativo na xestoría de seu irmán, ata que aos 20 anos se converteu no secretario do célebre representante de futbolistas Luis Guijarro. Aos 23 anos independizouse del, e despois de traballar un tempo xunto co exfutbolista Alfonso Aparicio, comezou a xestionar os seus propios negocios, principalmente os trofeos amigables de verán. En 1969 fixo de intermediario por primeira vez no Trofeo Teresa Herrera da Coruña, torneo que se encargou de organizar a partir de 1972. Durante ese tempo levou a participar no torneo a destacados clubs estranxeiros como o Bayern de Múnic de Franz Beckenbauer e Gerd Müller, ou o Ajax de Cruyff.
O seu éxito propiciou que en pouco tempo practicamente monopolizase o negocio dos torneos amigables en España, organizándoos case todos. Así, traballou na organización de trofeos como o Ramón de Carranza, o Joan Gamper, o Ciudad de Palma, o Costa del Sol, o Villa de Madrid ou o Cidade de Vigo. Como representante de futbolistas participou en numerosas fichaxes como a de varios futbolistas brasileiros que chegaron ao Deportivo da Coruña durante a presidencia de Augusto César Lendoiro (Rivaldo, Flávio Conceição, Luizão) ou a de Denílson polo Betis.
En novembro de 1999, a través da empresa que montou xunto a Francisco Monteiro "Todé", Continental Sports S.L., adquiriu o 100% do Ravena, club da Serie B italiana. Con todo, só tres meses despois faleceu dun infarto nun hotel de Cesena, onde negociaba a venda de parte do club para investir posteriormente no Logroñés. Faltaba un día para que cumprise os 60 anos de idade.
Notas
Categoría:Nados en Madrid Categoría:Nados en 1960 Categoría:Finados en 2000 Categoría:Axentes de fútbol