Marta de los Ángeles González - Abreu y Arencibia, coñecida como Marta Abreu de Estévez, nada en Santa Clara (Cuba) o 13 de novembro de 1845 e finada en París o 2 de xaneiro de 1909, foi unha filántropa cubana.
Traxectoria Naceu en Santa Clara, na rúa Sancti Spíritus (hoxe Juan Bruno Zayas), na casa marcada co número 49. Foi filla de Pedro Nolasco González-Abreu y Jiménez e de Rosalía Arencibia y Plana, ambos nados na mesma cidade. Creceu e educouse no seo dunha adiñeirada familia, a cal se caracterizou polos seus cuantiosos donativos para obras de beneficencia e utilidade pública.
Posteriormente mudouse a unha leira da súa familia no actual municipio de Encrucijada, destinada ao cultivo da cana de azucre. Grazas ao traballo cos escravos e polo seu bo corazón e bondade era coñecida entre eles como «La Generosa». Na súa cidade natal abriu os colexios San Pedro Nolasco e Santa Rosalía, masculino e feminino, respectivamente. Tamén fundou dous asilos para pobres e erixiu o Teatro de la Caridad, inaugurado o 8 de setembro de 1885, cuxa recadación se destinou a obras benéficas. Amais, construíu os lavadoiros públicos dos ríos Bélico e Cubanicay, o dispensario El Amparo para nenos pobres e fomentou a construción dunha planta eléctrica. Contribuíu con numerosos recursos financeiros á loita pola independencia de Cuba.
Con fondos provistos por ela organizáronse a mediados de 1896 tres expedicións destinadas a Las Villas e Camagüey. Tamén financiou a construción da liña férrea desde o municipio de Encrucijada até a cidade de Santa Clara e posteriormente a terminal de trens que hoxe leva o seu nome.
En 1874 casou co doutor Luis Estévez y Romero, avogado natural da cidade de Matanzas, quen sempre apoiou as súas actividades benéficas e patrióticas. Este foi vicepresidente da República durante o goberno de Tomás Estrada Palma. En 1895, a Coroa Española quixo outorgarlle o título de Condesa de Santa Clara, mais ela rexeitouno.
Faleceu en París o 2 de xaneiro de 1909.
Honras
Homenaxe póstuma O vapor Flandres partiu de Francia o 4 de febreiro de 1920 cos restos mortais de Marta Abreu e de Luis Estévez, quen se suicidara pouco despois de morrer a súa esposa. O día 20 foron inhumados no panteón da familia Abreu Arencibia, na Necrópole de Colón, con honras das autoridades gobernamentais.
Monumento a Marta Abreu
O Concello da Habana decidiu cambiar o nome da rúa Amargura na Habana Vella polo de Marta Abreu.
O recordo da protectora dos pobres e da cidade de Santa Clara foi conservado pola cidadanía. O 24 de febreiro de 1924 inaugurouse un monumento na súa honra na Praza Leoncio Vidal da cidade.
Universidade Central Marta Abreu de Las Villas Na biblioteca desta universidade hai unha colección de libros raros moi valiosa.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas Librínsula, Tesoros: Marta Abreu: testimonios documentarios de su generosidad Librínsula, Marta Abreu, una impronta permanente en el centro de la Isla Arte en el Centro. Nace Doña Marta Abreu de Estévez
Categoría:Cuba Categoría:Filantropía