Elena Sorolla García (quen asinaba como Helena), nada en Valencia o 12 de xullo de 1895 e finada en Alaior (Menorca) o 16 de marzo de 1975, foi unha escultora e pintora española. Dedicou a súa mocidade á escultura, mais abandonou a súa breve carreira para dedicarse á súa familia. As máis das súas obras forman parte de coleccións particulares, agás algunhas que pertencen ao Museo Sorolla de Madrid.
Traxectoria Foi a filla máis nova de Joaquín Sorolla y Bastida e Clotilde García del Castillo. Estudou na Institución Libre de Ensino. Desde unha idade moi temperá empezou a interesarse pola escultura, fronte os seus irmáns máis vellos María e Joaquín, que cultivaron a pintura. Entre os seus mestres atopábanse José Capuz e Mariano Benlliure, quen pertencían ao círculo do seu pai. Así mesmo, asistiu ao estudo onde traballaban o alumnado do seu pai.
Produciu a maior parte da súa obra entre 1916 e 1926. Participou en varias exposicións e certames en España, como a Exposición de Arte Joven Valenciano en 1917, unha exposición no Musée de l'Hotel de la Ville de Bordeos en 1919 e a Exposición de Arte de 1922 celebrada no Palau de les Belles Arts-Parc de la Ciutadella de Barcelona, organizada pola Junta Municipal de Exposiciones. En 1926 realizou xunto á súa irmá María a única exposición persoal conxunta no Lyceum Club Feminino de Madrid, que entre 1926 e 1936 serviu como centro asociativo das mulleres cultas da cidade.
En 1922 contraeu matrimonio con Victoriano Lorente, enxeñeiro de camiños. Tiveron sete fillos: José María, Elena, Alberto, Victoriano, Manolo, Joaquín e Mercedes. Deixou de lado a súa produción artística debido á súa dedicación á familia e aos cambios de residencia. Porén, realizou retratos dos seus fillos e un busto de cada un deles.
As súas temáticas favoritas foron o retrato e o corpo femenino, e traballou con mármore, bronce e madeira. A súa obra destaca pola súa gran calidade técnica, cunha alta fidelidade dos trazos persoais.
Elena na obra de Joaquín Sorolla e outros artistas Joaquín Sorolla pintouna en varias das súas obras, como Elena con túnica amarela ou Elena na praia, ambos de 1909, ou xunto á súa irmá en María e Elena na praia (1904). A primeira vez que o seu pai a retratou foi na obra Nai (1900), en que a súa cabeza sobresae das sabas xunto á súa nai Clotilde.
Tamén José Capuz realizou un retrato escultórico de Elena en 1921, pouco antes de ela casar, que se expón no Museo Sorolla. Legado Na súa casa familiar quedaron expostas moitas das súas obras. Os seus herdeiros doaron trece pezas á Fundación Sorolla e renovaron o seu depósito no Museo Sorolla. En 2014 o Consorcio de Museos, a través da Institución Joaquín Sorolla de Investigación e Estudos, realizou a primeira exposición monográfica sobre ela, «Helena Sorolla Escultora 1895-1975», no Centre del Carme de Valencia. En 2015 o Museo Sorolla organizou unha exposición e talleres infantís sobre ela con motivo do Día da Muller, na que se expuxeron 13 obras da escultora e un retrato.
Obras
Espido feminino (ca. 1915-1926) Rapariga sentada (ca. 1915-1929) Busto de muller (1921) Sevillana bailando (1915) Xitana (ca. 1915-1922) Francisco Pons-Sorolla neno (ca.1920) Espido feminino recostado (1919) Fachendosa (ca. 1915-1919) Espido de muller (ca. 1915-1921) Saeta (ca. 1919)
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas O Museo Sorolla presenta a obra escultórica de Helena Sorolla, filla do pintor Ministerio de Educación, Ciencia e Deporte Helena Sorolla en Valentes, serie documental de À Punt TV (en catalán'') Helena Sorolla García, escultora Museo Sorolla
Categoría:Nados en Valencia Categoría:Escultores do século XX Categoría:Pintores da Comunidade Valenciana Categoría:Pintores do século XX Categoría:Nados en 1895 Categoría:Finados en 1975 Categoría:Escultores da Comunidade Valenciana