A Facultade de Dirección e Xestión Pública de Pontevedra é un centro educativo universitario da Universidade de Vigo, con sede en Pontevedra no campus da Xunqueira.
Historia A Facultade de Dirección e Xestión Pública de Pontevedra creouse en 2022 polo decreto 133/2022, do 7 de xullo, no seu artigo 2. Ata ese momento os estudos de Dirección e Xestión Pública estiveron integrados na facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
En 1999 polo decreto 250/1999 do 9 de setembro, no seu artigo 4, implantáranse na facultade de Ciencias Sociais os estudos de Xestión e Administración Pública, únicos en Galicia, sendo a segunda carreira universitaria que se puido cursar nese centro.
En 2009 a carreira universitaria de Xestión e Administración Pública converteuse no grao denominado Dirección e Xestión Pública polo decreto 385/2009, do 27 de agosto da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no seu artigo 3. No curso académico 2009-2010 leváronse a cabo cambios significativos na estrutura do plan de estudos e nas prácticas e por resolución do 15 de outubro de 2010 publicouse o novo plan de estudos.
A facultade de Dirección e Xestión Pública ten a súa sede actualmente no mesmo edificio que a facultade de Comunicación no campus da Xunqueira. No futuro construirase un edificio para albergala no barrio de Tafisa, alén do Lérez, conxuntamente coa nova facultade de Deseño.
Titulacións Grao en Dirección e Xestión Pública. Ofrécense dúas modalidades de estudo: unha presencial e outra virtual. É un título único no Sistema Universitario de Galicia e algunhas materias pódense cursar en inglés.
Como estudos de posgrao acolle o seguinte máster: Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional. Ofrécese nunha modalidade en liña.
Na facultade coordínase o Doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sostible.
Equipo decanal O primeiro decano da facultade é Enrique José Varela Álvarez, e os vicedecanos son Xosé Mahou e Soraya Rodríguez. O secretario é Óscar Briones.
Actividades A facultade organiza actividades didácticas para os seus estudantes como as visitas ao Parlamento de Galicia ou á Valedora do Pobo. Ademais a facultade conta con convenios de prácticas con empresas e administracións públicas e é unha das carreiras con maior e máis rápida empregabilidade dos seus titulados.
Tras cada proceso electoral en España, o profesorado da facultade especializado en Ciencia Política e da Administración e a delegación de alumnos do centro realizan un encontro público para analizar de maneira científico-política os resultados dos comicios municipais, autonómicos e estatais.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Facultade de Comunicación de Pontevedra
Ligazóns externas Páxina web da facultade
Categoría:Facultades en Pontevedra