Chiu Wing Yin Rebecca, nada en Hong Kong o 24 de novembro de 1978 e coñecida como Rebecca Chiu, é unha ex-xogadora profesional de squash de Hong Kong que chegou ao posto 13º da clasificación mundial en outubro de 2007.

Traxectoria Chiu comezou a practicar squash con nove anos na escola primaria e logo entrou no Instituto de Deportes de Hong Kong e con doce anos entrou no equipo de Hong Kong. Graduouse no departamento de ciencias do deporte da Universidade Chinesa de Hong Kong no ano 2000.

Logrou o seu primeiro campionato de Campionato de Hong Kong en 1995 e de 1997 a 2008 foi a campioa indiscutible, ao ser a primeira en todos os campionatos nacionais. Disputou cinco finais do Campionato de Asia de Squash entre os anos 2000 e 2010 todos fronte a Nicol David, sen lograr batela. Pola contra, formou parte dos equipos de Hong Kong que en 2000 e 2010 lograron o título do Campionato de Asia de Squash por equipos.

Foi medalla de prata nos Xogos Asiáticos de 1998 logo de perder contra Nicol David mais en 2002 logrou o desquite ao vencer á malaisiana para se facer coa medalla de ouro. En 2006 enfrontáronse de novo Nicol e Chiu na final dos Asiáticos e desta volta o ouro foi para Nicol e a prata para Chiu. Nos Asiáticos de 2010 Chiu participou no equipo de Hong Kong que logrou a prata na competición por equipos.

En decembro de 2009 dirixiu o equipo de Hong Kong nos Xogos de Asia Oriental que arrasou na competición de squash con sete medallas e a propia Chiu logrou tres medallas de prata e unha de ouro.

Logo de se retirar da competición profesional principiou unha carreira como adestradora, recibiu premios nacionais como adestradora do ano polo seu labor, e salientou o seu traballo co equipo feminino que logrou a medalla de ouro nos Xogos Asiáticos de 2019.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Encontro (parcial) entre Nicol e Chiu no Campionato de Asia de 2010

Categoría:Nados en 1978 Categoría:Nados en Hong Kong Categoría:Xogadores de squash de Hong Kong Categoría:Adestradores de squash