Arturo Juan Rodríguez Pérez-Reverte, nado en Cartaxena o 30 de abril de 1989, é un futbolista español que xoga como dianteiro no UCAM Murcia.

É sobriño do escritor e xornalista Arturo Pérez-Reverte.

Traxectoria Formouse como futbolista en varios clubs de base da súa Cartaxena natal, como o Ciudad Jardín ou o CD Dolorense, antes de debutar na Terceira División co Club Deportivo Bala Azul. A súa boa tempada co equipo de Mazarrón fixo que Paco Sánchez, director do fútbol base do FC Cartagena, o levase para o club, para xogar no seu filial, o FC Cartagena-La Unión. Na tempada 2010/11 comezou a adestrar co primeiro equipo dirixido por JIM e entrou nalgunha convocatoria, pero non chegou a debutar.

No verán de 2011 fichou polo Caravaca, de Segunda B, no momento no que o club se trasladou a La Unión. Con 11 goles, foi o máximo anotador do equipo, pero non evitar o descenso á Terceira División. A continuación pasou polo Getafe B, co que marcou nove goles antes de recalar no La Roda. No equipo albaceteño converteuse nun dos xogadores revelación da Segunda B, colocándose como o máximo goleador da categoría na primeira volta, con 15 goles en 19 partidos. Os seus grandes números valéronlle para fichar no mercado invernal polo Córdoba, da Segunda División.

Debutou na categoría de prata nun partido ante o Recreativo de Huelva no Nuevo Arcángel, no que entrou na segunda parte como substituto de Xisco, marcando poucos minutos despois o definitivo 2-0. Contribuíu cun total de 15 partidos e dous goles ao ascenso do equipo do Chapi Ferrer á Primeira División. Na seguinte campaña, a chegada de xogadores como Cartabia ou Ghilas deixárono sen sitio no equipo, polo que saíu cedido ao Alcorcón de Bordalás, onde apenas contou con minutos. En xaneiro cambiou de equipo, xogando cedido na UE Llagostera ata o final da tempada. Na 2015/16, co Córdoba de novo en Segunda, non entrou nos plans de Oltra, co que disputou só tres encontros, polo que en xaneiro volveu saír cedido, desta vez ao Dundee escocés.

En xullo de 2016 regresou ao FC Cartaxena, co que finalmente debutou nun partido ante o Linares Deportivo. Con oito dianas, foi o máximo goleador do equipo dirixido por Monteagudo, e disputou a fase de ascenso a Segunda. Ao remate da campaña chegou a un acordo co club para rescindir o seu contrato e fichou polo UCAM Murcia, da mesma categoría. Disputou 24 partidos co equipo murciano, co que marcou tres goles, pero en xaneiro de 2018 uniuse ao Sabadell, co que continuou tamén durante a tempada 2018/19. Na 2019/20 militou no Atlético Baleares, co que se proclamou campión do Grupo I da Segunda B, aínda que non logrou o ascenso.

Na tempada 2020/21 fichou polo San Sebastián de los Reyes, club no que xogou durante dous anos e medio, o primeiro deles na Segunda División B e os seguintes na Primeira RFEF, acumulando un total de 81 partidos e 17 goles.

O 31 de xaneiro de 2023 deixou o club madrileño para fichar polo Deportivo da Coruña, da mesma categoría. Apenas tivo presenza no equipo galego, disputando só 164 minutos repartidos en 8 partidos. Ao remate da tempada anunciouse o seu regreso ao UCAM Murcia.

Notas

Categoría:Nados en Cartaxena Categoría:Nados en 1989 Categoría:Futbolistas da Rexión de Murcia Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Getafe CF B Categoría:Xogadores do La Roda CF Categoría:Xogadores do Córdoba CF Categoría:Xogadores da AD Alcorcón Categoría:Xogadores do UE Llagostera Categoría:Xogadores do Dundee FC Categoría:Xogadores do FC Cartagena Categoría:Xogadores do UCAM Murcia Categoría:Xogadores do CE Sabadell Categoría:Xogadores do CD Atlético Baleares Categoría:Xogadores da UD San Sebastián de los Reyes Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña