Francesca Lluc Armengol Socías, coñecida como Francina Armengol, nada na cidade de Inca, Illas Baleares, o 11 de agosto de 1971, é unha farmacéutica e política mallorquina. Desde 1999 é deputada no Parlamento das Illas Baleares por Mallorca. Desde xullo de 2015 é presidenta do Goberno das Illas Baleares, sendo a primeira muller que o preside na historia das Baleares.

Traxectoria

Primeiros anos Filla de Jaume Armengol Coll, farmacéutico e alcalde de Inca entre 1991 e 1995, licenciouse en Farmacia pola Universidade de Barcelona en 1995. Posteriormente realizou un posgrao en Dermofarmacia e estudou Dereito na Universitat Oberta de Catalunya (UOC). Cando rematou os estudos de Farmacia, traballou na farmacia familiar até 1999. Carreira política Durante a súa etapa universitaria en Barcelona, pertenceu ao sindicato de estudantes independentistas Bloc d'Estudiants Independentistes. Militante desde os anos 90 no Partido Socialista de Baleares, de 1997 a 2000 foi Vicesecretaria Xeral da Federación Socialista de Mallorca e da Secretaría da Muller do PSIB - PSOE (1997-2000).

No ano 2000 foi elixida secretaria xeral da Federación Socialista de Mallorca e reelixida nos congresos de 2004 e 2008.

Tamén é secretaria da Comisión Executiva Federal do PSOE desde xullo de 2004 no XXXVI Congreso Socialista até a actualidade (2023). En 2016, foi a única persoa do PSOE que ocupaba a presidencia autonómica que apoiaba a Pedro Sánchez.

De 2007 a 2011 foi presidenta do Consello Insular de Mallorca. É secretaria xeral do Partido Socialista de Baleares (PSIB - PSOE) desde febreiro de 2012. Despois da súa primeira presidencia na lexislatura 2015 - 2019, en xuño de 2019 foi reelixida para un segundo mandato.

Eleccións de 2023 Nas eleccións ao Parlamento balear de 2023, o PP gañou as eleccións con 25 conselleiros fronte a 18 do PSIB-PSOE e Armengol dimitiu como presidenta en xuño do mesmo ano, defendendo o seu estilo de diálogo de goberno, promovendo a sanidade pública e universal, a implantación dunha lei de residuos, unha lei de cambio climático e transición enerxética e unha lei de turismo para tratar de loitar contra a masificación turística. Outras leis desenvolvidas durante o seu mandato son a lei LGTBI, a de igualdade, a de fosa ou a de memoria democrática.

Trala derrota electoral nas eleccións ao Parlament de Baleares, nas posteriores eleccións xerais españolas de 2023 conseguiu a acta de deputada e no proceso para a formación da Mesa do Parlamento, foi designada polo PSOE como a súa candidata para presidir o Congreso dos Deputados con vistas a conseguir o apoio de Junts. O 17 de agosto no proceso de constitución da Cámara Baixa, foi elixida presidenta do Congreso dos Deputados en primeira volta por maioría absoluta de 178 votos (PSOE, Sumar, Esquerra Republicana, Junts, Bildu, PNV e BNG).

Controversias na pandemia de COVID-19 Durante a pandemia de COVID-19, foi sorprendida ás 01:15 horas nun bar pola Policía Local de Palma, saltándose o horario de peche nocturno. Por iso, o Partido Popular de Baleares solicitou a súa dimisión. Armengol explicou que un dos seus acompañantes se desmaiara ao saír do local, polo que media hora máis tarde quedaron fóra, atendéndoo, sinalando que lamentaba o sucedido e que a imaxe que se podía trasladar non foi a que en realidade aconteceu.

No verán de 2021 produciuse un "macro brote" de COVID-19 na illa de Mallorca entre 350 estudantes de todo o Estado, que estaban na súa viaxe de fin de curso, entre eles varios galegos. A actuación do seu goberno foi criticada por estes estudantes e por partidos da oposición, acusando o seu goberno de "secuestro" e de ter manexado mal a situación. O Tribunal Superior de Xustiza das Baleares permitiu aos estudantes que deran negativo abandonar o confinamento no hotel e volver ás súas casas. Tres meses despois, o mesmo tribunal deu a razón á actuación do goberno balear.

A finais de 2021 Armengol deu positivo en COVID-19 e atribuíu ter pasado a doenza con poucos sintomas grazas á vacina.

Notas

Véxase tamén

Categoría:Nados en 1970 Categoría:Políticos do PSOE Categoría:Presidentes do Goberno Balear Categoría:Nados en Mallorca Categoría:Farmacéuticos de España Categoría:Alumnos da Universidade de Barcelona Categoría:Deputados do Congreso dos Deputados polo PSOE Categoría:Presidentes do Congreso dos Deputados Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (XV Lexislatura)