Josep Laporte i Salas, nado en Reus, Baix Camp o 18 de marzo de 1922, e finado en Barcelona o 15 de febreiro de 2005, foi un político e profesor de farmacoloxía catalán.

Traxectoria Estudou medicina na Universidade de Barcelona (1939-1945). Interesouse pola fisioloxía e a endocrinoloxía clínica e, finalmente, especializouse en farmacoloxía, disciplina á que dedicou a súa carreira profesional. En 1953 recibiu o Premio Josep Massot i Palmés, concedido clandestinamente polo Instituto de Estudos Cataláns; o traballo premiado foi sobre a farmacoloxía da coagulación do sangue. En 1957 doutorouse coa tese Interrelaciones farmacodinámicas de la hormona tiroidea, pola que recibiu o Premio Gregorio Marañón da Academia Española de Medicina e Cirurxía, ademais do Premio Extraordinario de Doutoramento dese ano. Foi discípulo da escola de Francisco García-Valdecasas e ampliou a súa formación cos farmacólogos William Paton (en Oxford) e Silvio Garattini (en Milán).

Foi profesor de Farmacoloxía nas facultades de medicina de Cádiz (daquela parte da Universidade de Sevilla), Valencia e da Universidade Autónoma de Barcelona, da que foi reitor en 1976 e 1977. Presidiu a Academia de Ciencias Médicas de Cataluña e Baleares, de 1970 a 1974, e a Real Academia de Medicina de Cataluña, de 1993 a 2002, ano no que foi elixido presidente do Institut d'Estudis Catalans.

En 1992 recibiu a Sirga d'Or, galardón que outorga o Centro de Estudos de Ribera d'Ebre e en 1996 recibiu a Cruz de Sant Jordi.

Faleceu en Barcelona o 15 de febreiro de 2005 por mor dun infarto que sufriu durante un acto oficial no Palau de la Generalitat de Catalunya.

Actividade política En 1980, foi elixido deputado nas eleccións ao Parlamento de Cataluña, como independente nas listas de Convergència i Unió, e o presidente Jordi Pujol nomeouno conselleiro de Sanidade e Seguridade Social ao formar goberno. Reelixido deputado nas eleccións 1984, quedou como conselleiro.

En 1988 foi cabeza de lista de CiU pola circunscrición de Tarragona e foi nomeado conselleiro de Educación, cargo que ocupou ata 1992. Neste último período creáronse as Universidades de Girona, Lleida e Rovira i Virgili de Tarragona.

Notas

Categoría:Nados en Reus Categoría:Nados en 1922 Categoría:Finados en 2005 Categoría:Profesores da Universidade Autónoma de Barcelona