Zineb Hattab, nada en Blanes, Xirona o 23 de xullo de 1989, tamén coñecida como Zizi Hattab, é unha enxeñeira de software e chef catalá de orixe marroquí e propietaria do restaurante vegano KLE en Zürich, Suíza. Hattab foi escollida como "descubrimento do ano" por Gault Millau no ano de apertura do seu restaurante en 2020 e foi a primeira chef vegana en Suíza en recibir unha estrela verde Michelin. A cociña de Hattab salienta polos seus sabores intensos e pratos complexos e equilibrados nun ambiente informal.

Traxectoria Zineb Hattab naceu o 23 de xullo de 1989 en Blanes, Xirona, filla de pais inmigrantes de Marrocos que chegaron de forma ilegal ao país para posteriormente fincarse na Costa Brava durante a década de 1980. Medrou en Blanes, unha pequena vila a carón do mar Mediterráneo.

En 2007, Hattab mudouse a Barcelona para estudar enxeñaría. Durante os seus estudos, viviu nun piso de estudantes onde comezou a cociñar para os seus amigos e familiares.

Carreira profesional En 2012, Zineb Hattab trasladouse a Suíza onde traballou durante dous anos como desenvolvedora de software nunha empresa de enxeñaría. En 2014, á idade de 24 anos, decidiu deixar a súa vida empresarial e comezou unha nova carreira como cociñeira. Traballou en Osteria Francescana de Massimo Bottura, Nerua de Josean Alija e El Celler de Can Roca dos irmáns Roca. Tamén traballou para Andreas Caminada en Schloss Schauenstein.

En 2017, Hattab mudouse a Nova York, onde pasou un tempo en Blue Hill e traballou baixo a dirección do chef Enrique Olvera no restaurante Cosme. Despois de 2 anos traballando en Nova York, regresou a Suíza para abrir o seu propio restaurante.

En xaneiro de 2020, Zineb Hattab abriu KLE, un pequeno restaurante en Zürich Wiedikon con boa cociña e un menú completamente vegano. Só unhas semanas despois da súa apertura, Gault&Millau premiouno con 14 puntos e nomeou a Hattab como “Chef do Mes”. Durante 2021, KLE recibiu 15 puntos Gault Millau e converteuse no primeiro restaurante vegano suízo galardoado cunha estrela verde Michelin.

En outubro de 2021, Hattab abriu a súa segunda localización DAR cun restaurante e un bar de cócteles.

Galardóns e recoñecementos 2020: Gault Millau, Descubrimento do ano 2020: Gault Millau, 14 puntos 2020: Gault Millau e American Express, Talentos 2020 2021: Gault Millau, 15 puntos 2021: Guía Michelin, Estrela Verde 2022: Guía Michelin, Estrela Michelin 2022. Lista The World's 50 Best Restaurants na categoría “pioneiros da hostelaría. 2022: N.º 23 da clasificación As 25 mellores chef de España.

Publicacións The Taste of Love

Notas

Categoría:Nados en 1989 Categoría:Nados en Blanes Categoría:Cociñeiros de España Categoría:Enxeñeiros de España